ENSAIO FIN DE CURSO
31 May, 2016 por admin
Como ensaio de fin de curso se vos propón escoller entre dous temas, un relacionado coa Filosofía Ético - Moral, o outro coa Filosofía Política. Os ensaios deben ser entregados, como data límite, o 15 de xuño.
A ÉTICA DO AMOR
Segundo comentamos no noso último faladoiro, a concepción do amor e a valoración moral que merecen os diferentes usos amorosos sufriron diversas modificacións ao longo do tempo. Por poñer dous exemplos moi significativos: ata hai ben pouco as relacións homosexuais foron consideradas moralmente inaceptables e legalmente perseguidas (aínda que non sempre fora así en todas as tamén sociedades e culturas do pasado) e igualmente as relacións sexuais fóra do matrimonio, sobre todo no caso das mulleres. Hoxe tanto as unhas como as outras considéranse decisións privadas que en principio non merecen penalización nin legal nin moral, agás desde a perspectiva de determinados grupos relixiosos.

A liberación dos usos amorosos, que se espallou a partir da década dos 60 do pasado século, tivo moito que ver coa xeneralización da concepción do amor romántico. Pero esta concepción algo tivo tamén que ver co debilitamento dos vínculos amorosos: a obsesión polo amor – paixón, que dificilmente pode chegar a ser permanente, tradúcese nunha gran inestabilidade nas relacións (rupturas de parellas, divorcios). Aparece unha mistificación do amor, trocado en procura incesante de experiencias físicas novas. Finalmente, como di Eva Illouz, o amor, que é unha das experiencias máis gozosas e irrenunciables do ser humano, acaba sendo causa de dano e dor. Por que os amantes poden chegar a causarse dor? E aquí cumpriría salientar que nesa dor, cando acada a súa manifestación máis extrema, frecuentemente o verdugo adoita ser maioritariamente varón e a vítima muller (lembremos as dramáticas estatísticas da violencia de xénero).

Cales son os límites éticos que deben guiar as prácticas amorosas? Calquera cousa está “permitida” entre dúas persoas que se aman? Como evitar que o gozo amoroso se troque no seu contrario, a dor? É o ideal do amor romántico responsable desta inversión? Ou quizais unha deformación dese ideal? Cal sería a causa ou causas desa deformación? Ou deberiamos pensar no abandono dese ideal? Para substituílo por que? A que se debe que persista a violencia machista e a desigualdade da muller na elección amorosa? E tamén: por que persiste a violencia homofóbica? Que deberiamos facer para que o amor sexa só gozo, nunca dor?

Estas son as cuestións que debedes afrontar no voso ensaio.
A CRÍTICA PLATÓNICA Á DEMOCRACIA E A REPÚBLICA DOS SABIOS DE SPRINGFIELD
En pleno século XXI, a práctica totalidade dos países desenvolvidos teñen réximes democráticos, isto é, os seus gobernos e representantes parlamentarios son elixidos en eleccións libres cada certo período de tempo, e (cando menos formalmente) respéctanse as liberdades básicas (de pensamento, expresión, reunión, folga, manifestación, asociación, etc.) e os dereitos humanos. Quere isto dicir que todo o mundo acepta que a democracia é o mellor dos réximes posible? Non hai ningunha alternativa política a este modelo?

Responder a estas preguntas é o que se vos pide neste traballo. Para iso, en primeiro lugar, lembraremos unha das máis antigas e ben fundamentada crítica da democracia, a que Platón formulou na Atenas do século IV a. C. Trátase de ver en que medida esa crítica, dirixida contra a democracia ateniense, pode ser aínda susceptible de ser aplicada ás democracias contemporáneas ou en que medida estas poden defenderse dunha tal crítica.

A crítica platónica á democracia podemos adaptala aos nosos tempos do seguinte xeito:
Supoñamos que somos propietarios dun magnífico cabalo de carreiras e que pretendemos presentalo a unha famosa e ben remunerada carreira. Non se nos ocorre reunir a todos os familiares, amigos e coñecidos e facer que voten entre todos para así decidir cal é o mellor procedemento para o adestramento do cabalo. Pola contra, procuraremos informarnos ben de quen son os adestradores máis prestixiosos, os que teñen conseguido máis triunfos con cabalos de características semellantes ao noso, e só entre eles seleccionaremos a quen encargar que prepare ao noso cabalo.
Supoñamos agora que caemos doentes. Non reunimos ao redor da nosa cama a todos os nosos veciños para que mediante votación decidan a terapia que debemos seguir. Non, senón que, se podemos pagalo, chamamos ao doutor especialista máis prestixioso para poñérmonos nas súas mans.
Así que, cando se trata de gañar nunha competición ou cando se trata de curar a saúde do corpo, non nos fiamos da decisión da maioría senón tan só da opinión dos especialistas, os expertos. Como se explica, logo, que no referente ao goberno das cidades e do Estado, que debería constituír o máis importante para nós porque a súa influencia recae sobre todos os aspectos das nosas vidas, aceptemos que sexa o voto da maioría quen decida? Como podemos adxudicar o mesmo valor ao voto dun ignorante e ao dunha persoa culta, ao dun individuo lacazán e que nunca se preocupou de informarse sobre os asuntos públicos e ao dunha persoa ben informada e intelectualmente preparada? E máis grave aínda: como aceptamos que poida chegar ao goberno do Estado un individuo calquera, sen ningún título ou preparación coñecida fóra da súa capacidade de persuadir a un gran grupo de xente para que lle entregue os seus votos? Se temos en conta, ademais, que normalmente son máis as persoas pouco intelixentes cás moi intelixentes, a decisión da maioría condena aos países democráticos a seren gobernados non polos mellores, senón por hábiles mediocres capaces de engaiolar a unha maioría de ignorantes.
Non sería, logo, máis razoable garantir que todos os cidadáns puidesen demostrar as súas capacidades nun sistema educativo aberto a todos pero fortemente selectivo? Só os mellores –en matemáticas, en economía, en socioloxía, en ciencias políticas: nos principais coñecementos que gardan relación coa xestión dos asuntos públicos- poderían superar as distintas seleccións que se irían aplicando. E só entre quen finalmente superasen esas probas se designaría ao ou aos que debería(n) gobernar. Falariamos daquela do goberno dos mellores, os verdadeiramente preparados para gobernar, os (homes ou mulleres) técnicos ou sabios nas artes do bo goberno.

Este enfoque seguramente foi tomado en conta polos guionistas da popular serie de televisión “Os Simpson” para desenvolver un dos seus episodios, que é obxecto dunha análise particular no libro Los Simpson y la filosofía (ver referencias). Nese episodio, Lisa, a irmá “lista” dos Simpson, únese con outras persoas consideradas de gran valía intelectual, para expulsar do goberno da cidade de Springfield aos seus corruptos dirixentes, que con todo foran elixidos en eleccións libres democráticas. Pero a “república dos sabios”, imitación da república ideal platónica, fracasa estrondosamente. Serán os propios cidadáns os que reclamarán o regreso dos corruptos porque non aturan a “tiranía” do saber.

Como interpretades vós este fracaso? Pensades que só se trata dunha esaxeración cómica dunha serie de ficción? Ou quizais debemos darlle a razón a Platón e recoñecer que o vulgo ruín e ignorante prefire gobernantes coma eles, ruíns e ignorantes, e que polo tanto a democracia é contraditoria cun goberno sabio e xusto? Estaría, logo, xustificada a tiranía ou ditadura dos sabios (ou o goberno tecnocrático dos expertos) para obrigar ao vulgo a actuar decentemente segundo normas xustas?
REFERENCIAS:
PLATÓN: A República
Simon BLACBURN (2007): La historia de La República de Platón. Debate.
Aeon J. SKOBLE (2009): “Lisa y el antiintelectualismo estadounidense”. En IRVING, CONARD, SKOBLE (ed.): Los Simpson y la filosofía. Balckie Books.
Estes libros están a disposición de quen queira consultalos na biblioteca.