DOUS ENSAIOS SOBRE O AMOR
15 July, 2016 por admin
Con atraso, inclúo aquí dous excelentes ensaios sobre o amor, tal e como adiantei que faría nas últimas clases.
A ÉTICA DO AMOR

Todos, ou case todos, temos interiorizada unha concepción de amor romántica, de amor idealizado. Esta é transmitida polas películas, libros, e outros medios, que nos envían a mensaxe de que o amor é o sentimento máis forte, que pode con todo, que dura para sempre e que causará a nosa felicidade. Todos debemos aspirar a atopar a nosa “media laranxa”, que encherá completamente as nosas vidas, porque non seremos felices estando sós. A nosa parella debe ser o centro das nosas vidas, debemos entregarnos totalmente a ela. E, por suposto, os celos son unha proba de que nos quere realmente.
Cal é o problema desta concepción idealizada do amor? Hai un límite ou verdadeiramente está todo permitido no amor? Debe o amor perdoar e aguantar todo? De que xeito pode estar relacionada a concepción idealizada do amor coa violencia machista?
Primeiro de todo, penso que non se pode pensar que somos a “metade” de algo, incompletos sen a metade complementaria. Creo que, sobre todo ás nenas, de pequenas se nos di (por medio de películas, libros, etc.) que debemos atopar ao noso “príncipe azul”, que será perfectísimo e nos proporcionará a maior felicidade. No pasado, as mulleres tiñan que ter un marido, e non podían vivir sen telo. Actualmente as cousas cambiaron moito, pero é certo que moitas veces se nos di que debemos atopar mozo, e son moitas as persoas que consideran como “raro” a algúen que queda solteira/o toda a vida e non quere ter fillos.
Na miña opinión, cada un de nós deberíamos considerarnos individuos completos, e non basear a nosa felicidade nunha relación amorosa. É importante que cada persoa saiba que non necesita a ningúen ao seu lado para ser feliz, porque o amor romántico fainos pensar que precisamos unha parella, e, en moitos casos, xera unha dependencia dela. Unha relación amorosa non se pode basear nunha dependencia, porque isto leva a unha persoa a non poder vivir sen a súa parella e, moitas veces, a non ser capaz de deixala, incluso cando quere facelo, porque non pode imaxinarse a súa vida sen ela. Pode ser o caso de moitas mulleres, que, sendo maltratadas polos seus mozos, non son capaces de deixalos.
Dende o meu punto de vista, nunha relación cada persoa debe ter o seu propio espazo, propias amizades, ambos os dous deben ser independentes e nunca deixar a súa vida ou cambiar os seus gustos pola outra persoa. Obviamente, non estou dicindo que non poidan vivir xuntos, só que cada un debe ter tempo para si mesmo e non estar todo o día pegado á parella.
Por outro lado, creo que unha concepción idealizada do amor non é positiva para unha relación amorosa. Seguramente xerará expectativas que non se cumprirán e poderá conducir á fin da relación. A idealización da parella tamén pode traer consecuencias negativas. Non se poden obviar os defectos da parella, senón que creo que hai que coñecelos, e decidir se se aceptan e se quere seguir mantendo unha relación con esa persoa, ou non.
Creo que esta idealización do amor conduce tamén a pensar que “no amor todo vale”, “o amor todo o perdoa” , e que é para sempre. Está entón todo permitido no amor, non hai ningún tipo de límite?
Na miña opinión si hai límites no amor. O problema da concepción romántica do amor é que nos fai pensar que debemos soportar todo no amor, e que en nome de este debemos perdoalo todo. Pero non podemos tolerar todo nunha relación amorosa, e por iso creo que é importante que abandonemos a concepción de que o amor debe perdoar todo. Ningúen ten que verse obrigado a soportar abusos (verbais, físicos, sexuais) en nome do amor.
No caso da violencia machista, son moitas as mulleres que xustifican as accións da súa parella en nome do amor, porque en realidade a quere, e por iso debe perdoalo. O amor non debe perdoar cando se trata de abusos contra a parella, cando se trata de control, ou de celos. E, seguramente nestes casos, nin se trate de amor.
En resumo, penso que a idealización do amor fai concibilo como algo omnipotente, e pode ser a causa de que moitas mulleres maltratadas non queiran ver os abusos que están sufrindo. O amor é un sentimento que nos pode causar felicidade, pero creo que é importante que todos saibamos que nel hai uns límites, e que non todo está permitido.
Iris
Hoxe en día, a concepción que temos do amor é diferente da que se tiña hai un século, e a de hai un século distinta á súa vez da que había hai tres. Polo tanto, semella que, aínda que o amor sexa un sentimento recurrente e intrínseco do ser humano, este varía segundo a época na que vivimos (e máis aínda, tamén segundo a sociedade á que pertenzamos).
Produciuse na década dos 60 do século pasado unha revolución no ámbito das relacións amorosas e sexuais e no concepto das mesmas que as dotou dunha liberdade moito maior á que posuían ata o momento. Buscábase romper coas ideas predominantes ata o momento, que mantiñan ao individuo preso dentro dunhas regras sociais que o abafaban. Queríase chegar a unha sociedade harmoniosa e pacífica, que non restrinxira os dereitos dos individuos e que os deixara expresarse e non criticara os desexos amorosos de cada un. Esta revolución deixou pegada nos anos posteriores e abriu a mente da xente para que se vira o amor dun xeito diferente e moito máis libre.
Na actualidade, aínda que non se acadou unha completa liberdade en temas do amor e do sexo, si que se conseguiu un importante progreso (tamén respecto ás distintas orientacións sexuais, chegando a unha maior aceptación das preferencias sexuais de colectivos como o homosexual, que son tan normais bioloxicamente como o son as de alguén hetero). Segue a haber agresións verbais e físicas inaceptábeis a este grupo de persoas, pero o certo é que se atopan nunha situación de tolerancia que sería impensable hai 100 anos.
Somos parte, entón, dunha sociedade que avanzou no camiño da liberdade, pero cabe reflexionar tamén sobre a necesidade da existencia de límites éticos nas prácticas amorosas. Dende o meu punto de vista, ao igual que en calquera relación humana, xa sexa de amizade, familiar ou laboral, non todo está permitido e deben manterse uns determinados compromisos co fin de ter unha boa convivencia co outro. No caso das relacións amorosas, os factores que me parecen máis remarcables son os da existencia de sinceridade e confianza, de xeito que se acorde a situación de dita relación e ambas as dúas persoas implicadas teñan constancia do que esperan do outro e decidan se aceptan a forma da súa relación. Con isto refírome a que, por exemplo, no caso de querer ter unha relación fóra da parella, debe dicírsello á persoa coa que se está, e se ela está de acordo e non lle causa dor e el ou ela quere facer o mesmo, así sexa. Non creo que, no caso contrario (que non se lle diga ao outro e non se acepte o que a outra persoa tamén quere), sexa unha actitude moralmente aceptable, xa que o engano a outra persoa e a creación de dor é algo antiético.
Outro punto conflitivo no tema das relacións de parella é a violencia de xénero, que se segue a producir a pesares dos continuos intentos de concienciación. Creo que co tempo acabarase conseguindo que na sociedade quede a idea en todas e cada unha das persoas que homes e mulleres somos iguais e que estas non son propiedade de ninguén, que en ningún caso poden ser sometidas a ningún tipo de maltrato (igual que os homes tampouco, pero isto xa é algo que na sociedade non se produce) e que debemos ser tratados todos por igual.
O último que quero expoñer é que a dor que se sufre por amor (no caso que sexa cando se acaba este) é algo normal e inevitable, como nos parece doroso cando remata algo que nos fixo felices e nos ocasionou ben. Creo polo tanto que non se pode pretender que non doia; cada persoa levarao mellor ou peor dependendo da súa forma de ver a vida e levar as súas experiencias, pero non é algo que sexa elixible. Se a dor por amor vén por outra razón, e é causada por un dos individuos da parella, debe tratarse entón con outros criterios, xa que iso non é algo inevitable como a dor da perda de alguén ao que queremos.
Penso, en conclusión, que os límites éticos/morais deben existir en orde a crear unha convivencia mellor entre as persoas dentro dunha relación e que estes valores permiten crear unha maior harmonía e que a relación se desenvolva nun ambiente cómodo e afable.
Adriana

