RSS para
Artigos
Comentarios

A realización deste ensaio é obrigatoria tanto para o alumnado de Filosofía de 4º da ESO como para o de 1º de Bacharelato.
O prazo de entrega pecharase na última semana do mes de outubro.
O ensaio debe enviarse a este blog en forma de comentario a este post.

IDENTIDADE E TECNOLOXÍAS

A identidade é o que fai que unha cousa sexa o que é, diferenciándoa de todas as outras cousas. Unha identidade componse dunha serie de propiedades ou cualidades que pertencen en exclusiva a un individuo ou grupo. Falamos así da identidade “galega”, diferente da “castelán” ou “italiana”, máis tamén da identidade “compostelá”, diferente da “coruñesa” ou “portuense”, e mesmo da identidade “adolescente”, diferente da “infantil” ou da propia da “madurez” e a “vellez”. E falamos finalmente da “miña” identidade, o meu “eu”, distinto da identidade das outras persoas.
edades.jpg edades-de-la-mujer.jpg
É obvio logo que as identidades persoais ou individuais se constrúen coa suma de varias identidades grupais: eu podo ser adolescente, compostelán, estudante, galego, afeccionado e practicante do fútbol, español, lector asiduo, europeo. Ningunha desas identidades exclúe á outra. En cambio, en principio non se pode ser simultaneamente adolescente e ancián, aínda que metaforicamente si se pode dicir dun individuo adulto que, por exemplo, segue a ser “moi infantil”, ou dun adolescente que semella “un vello”. Tampouco non se pode ser simultaneamente mozo e moza, home e muller, aínda que a aplicación de discutibles (e rexeitables) estereotipos de xénero poden levar a cualificar a un home de “afiminado” e a unha muller de “machola”.

A identidade responde, xa que logo, tanto á pregunta específica “quen son eu?” como á pregunta máis xenérica “que é un ser humano?”, dúas preguntas que estiveron presentes desde os inicios da filosofía. “Coñécete a ti mesmo” foi un lema que os filósofos gregos colocaron no centro do seu filosofar práctico: só mediante un fondo autocoñecemento estaremos en disposición de levar unha vida virtuosa, harmónica e feliz, no canto dunha viciosa, desequilibrada e infeliz. E ese autocoñecemento non é posible se non se integra nun saber antropolóxico máis xeral, é dicir, nun acertado coñecemento da esencia constitutiva da propia natureza humana.
conecete-a-ti-mesmo.png
Falemos agora da tecnoloxía. É unha palabra etimoloxicamente procedente do grego: “tecno” vén de “tekne” que en grego significaba tanto “arte” como “técnica”; “loxía” de “logos”, que aquí ten o significado de “estudo racional”. A tecnoloxía sería polo tanto o estudo racional (cientifico, dicimos hoxe) das técnicas. Unha técnica, á súa vez, é un procedemento dirixido a transformar a realidade. Mediante os recursos técnicos os seres humanos incrementan as súas capacidades para adaptar a realidade natural aos seus intereses. Neste sentido, tense dito que as técnicas actúan como prolongacións das mans, os pés, os sentidos e mesmo o cerebro humanos. Son extensións artificiais dos nosos medios físicos. A mellora das condicións de vida dos seres humanos non é posible entendela sen o apoio proporcionado polas innovacións técnicas.
mundo-tecnologico3.jpg

Todas as sociedades humanas desenvolveron diversas tecnoloxías pero ningunha en tan alto grao como a nosa sociedade contemporánea. Podemos dicir que hoxe case non hai acto humano que non estea mediado por algún instrumental técnico. Mais esta proliferación de mediacións tecnolóxicas está provocando a advertencia de algúns filósofos e outros pensadores (psicólogos, sociólogos): ata que punto non é certo que hoxe os instrumentos se están trocando, de medios para o cumprimento dos nosos fins, en fins en si mesmos?; ata que punto non se pode dicir que moitos seres humanos están sendo instrumentalizados polos instrumentos fabricados pola propia humanidade? Se cadra, a amenaza que describe o filme Matrix xa comeza a ser en certos niveis unha realidade.
the_matrix_reloaded-133935821-large.jpg

Contra este punto de vista, que caracteriza aos chamádos “tecnófobos” (odiadores da técnica), álzanse os “tecnófilos” (amantes da técnica), que non se cansan de loar as enormes vantaxes que as novas tecnoloxías (as tecnoloxías dixitais) encerran: unha biblioteca de acceso universal na rede, unha democratización da información e disque os coñecementos, a conversión do mundo nunha “aldea global”, é dicir, un lugar no que calquera individuo ten a posibilidade de comunicarse directamente con calquera individuo, como acontece nas pequenas vilas.
mundo-tecnologico2.jpg

A ti tócache, neste primeiro ensaio, partindo destas premisas (que ti podes complementar procurando informacións pola túa conta e que, por suposto, podes dar por válidas ou cuestionalas), desenvolver o teu propio punto de vista sobre A IDENTIDADE ADOLESCENTE NA SOCIEDADE TECNOLÓXICA CONTEMPORÁNEA. Para iso suxiro que toques os seguintes puntos:
4abac2_nuevas-tecnologias-perjudican-cerebro-adolescentes-portada_news.jpg
En que se parecen e en que se distinguen os adolescentes de hoxe, posteriores á “revolución informática” (a que aparece coa xeneralización dos ordenadores e a tecnoloxía dixital), dos adolescentes de períodos precedentes.
Analiza a túa condición de adolescente, comparándoa coa dos teus colegas, para identificar as propiedades que cres que os caracterizan como grupo, pero tamén identificando as que te singularizan a ti como individuo persoal.
Cres que hoxe é máis doado ou máis difícil singularizarse, é dicir, adoptar unha personalidade propia, distinguirse do grupo dos iguais?
Que papel xogan as tecnoloxías (móbiles, videoxogos, redes sociais …) na conformación da túa identidade e da identidade dos e das adolescentes en xeral? Favorecen ou entorpecen o desenvolvemento de personalidades autónomas (capaces de decidiren por si mesmas)?
Reflexiona en especial sobre a relación entre eses instrumentos tecnolóxicos e as finalidades que procurades a través deles:
serven para enriquecer o voso coñecemento do mundo?, para facervos máis libres, máis autónomos, ou quizais máis dependentes?
só procurades neles a diversión ou algo máis?
se procurades ese algo máis, proporciónanvolo eles?, cales?
non estades sendo, como acusan os tecnófobos, simples instrumentos dunha industria que os converte en consumidores compulsivos de aparellos ao servizo dos intereses das empresas que os fabrican?
Observas a persistencia dos chamados “estereotipos de xénero” (ideas prefixadas sobre as cualidades que deben ter “as mozas” e “os mozos”: as primeiras sensibles e pasivas, os segundos insensibles ou “duros” e activos, por exemplo) na adolescencia actual ou cres que xa desapareceron ou están a desaparecer?

Finalmente, sitúate na polémica entre “tecnófobos” e “tecnófilos”. Sénteste máis próximo a uns ou a outros? A ningún deles?
En todo caso, lembra que debes xustificar debidamente as túas respostas mediante argumentos.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe