volver ao índice de fichas
movemento ondulatorio
- O movemento ondulatorio é a propagación dunha perturbación por un
medio. Sempre que acontece algo así pódense formar dous tipos de ondas:
a) lonxitudinais, cando a dirección de propagación e a mesma que a de
vibración e b) transversais, cando a dirección de propagación é
perpendicular á dirección de vibración. As ondas transportan enerxía e
cantidade de movemento, pero non materia.
- As magnitudes necesarias para describir unha onda son: a lonxitude de
onda, a frecuencia, a amplitude, o periodo. Estas magnitudes están
relacionadas entre si. A rapidez (velocidade) coa que se propaga unha
onda depende da densidade e das propiedades elásticas do medio, pero é
independente do movemento do foco emisor da onda. Nas ondas harmónicas a
rapidez de propagación (a velocidade de fase) está relacionada coa
frecuencia e a lonxitude de onda, v = λf.
- A perturbación nun punto do medio onde chega a onda podemos expresala
mediante unha función senoidal do tipo:
y = A.sin(ωt+kx+φ)
- A intensidade dun movemento ondulatorio representa a potencia dividida
pola área. Cando sexa un foco puntual, a intensidade é inversamente
proporcional ao cadrado da distancia ao foco emisor, I =
Pot/(4πr2). A intensidade dunha onda armónica é
proporcional ao cadrado da amplitude da onda.
- A difracción é un fenómeno que consiste en que unha onda xire por un
obstáculo ou unha abertura. Preséntase sempre que a fronte de onda esté
limitado por un obstáculo ou abertura de tamaño semellante á lonxitude de
onda. Cando a lonxitide de onda sexa moito menor que o obstáculo, o
efecto apenas se notará e as ondas se van a propagar en liña recta -como
se fosen partículas-, o cal se coñece como aproximación de raios. Por mor
da difracción as ondas poden empregarse na localización de obxectos cun
tamaño aproximado da lonxitude de onda.
- Cando nun punto do medio coinciden dúas ondas, as perturbación súmanse
alxebraicamente, producindo un fenómeno tipicicamente ondulatorio chamado
interferencia. As ondas procedentes de dous focos coherentes interfiren a
causa da diferencia de camiños desde os dous focos. Esta interferencia
pode ser constructiva (cando a diferencia de camiños sexa nula
ou igual a un número enteiro de lonxitudes de onda, as amplitudes
súmanse) ou destructiva (cando a diferencia de camiños sexa
igual a un número impar de semilonxitudes de onda, as amplitudes
réstanse).
- Dous fenómenos importantes típicos das ondas son a reflexión e a
refracción. Estes fenómenos son consecuencia da chegada dunha fronte de
ondas á superficie de separación entre dous medios diferentes. A onda
incidente se reflecta na superficie (reflexión, i = r) e tamén
cambia a dirección cando cambia de medio (refracción,
sin(i)/sin(t) = vi/vt).
- Cando as ondas están confinadas no espacio -instrumentos musicais-
prodúcense ondas estacionarias. A condición de contorno para unha onda
estacionaria determina onde estarán os nodos. En consecuencia, na
lonxitude do espacio onde está confinada a onda deben encaixar un número
enteiro de semilonxitudes de onda e polo tanto a lonxitude de onda non
pode ter calquera valor, só pode ter determinados valores (aqueles que
cumplan a condición λ = 2L/n), é dicir a lonxitude de onda está
cuantizada.
- Cando o foco e o receptor están en movemento relativo, a frecuencia
observada aumenta se hai aproximación e diminue cando se afastan. Este
efecto coñécese como efecto Doppler.
Anterior: MOVEMENTO
HARMÓNICO SIMPLE ; Seguinte: ÓPTICA