volver ao índice de fichas

natureza eléctrica da materia

Podemos facer a seguinte sistematización experimental e xeral para todos os materiais:

O feito de demostrar que todos os materiais se electrizan, e que todos conducen a electricidade -con maior ou menor dificultade- supón un gran avance na nosa procura de propiedades xerais da materia para elaborar un único modelo que explique a diversidade que aparentemente observamos. O feito de que os corpos "neutros" se electricen mediante fregamento suxire que hai "algo" que se manifesta despois de fregar, "algo" que se engade ou se quita ao obxecto, e que é responsable da electrización. Cando ambos os dous obxectos teñen exceso ou defecto de ese "algo", aparecen forzas de rexeitamento, o cal ocorre cando se electrizan de igual forma. En caso contrario as forzas son atractivas.

A idea básica é que existe "algo" que aumenta ou diminúe (que se desequilibra) nun obxecto cando se electriza, e que os obxectos que posúen esa propiedade en exceso (ou defecto) rexeitanse con outros obxectos que tamén a posúen en exceso (ou defecto), sen embargo, os que teñen esa propiedade en exceso (ou defecto) son atraídos polos que a teñen en defecto (ou exceso). Segundo isto existirán dous estados de electrización posibles, que poderiamos chamar carga positiva e negativa ou verde e azul. Esta propiedade da materia (a carga eléctrica) preséntase de dúas formas diferentes (+ ou -) (e non como a masa que sempre é positiva).

Nos corpos non-electrizados a carga positiva e negativa deben estar na mesma cantidade, polo que os seus efectos non se notan. Ao fregar os obxectos pasarà carga positiva ou negativa dun ao outro. O modelo podemos completalo supoñendo que as cargas do mismo tipo rexéitanse entre si e as de diferente tipo atráense, logo o noso "MODELO ELÉCTRICO" é

  1. Os corpos non amosan habitualmente propiedades eléctricas, polo que debe haber igual número de cargas positivas e negativas, e os efectos equilíbranse, é dicir, os corpos habitualmente son electricamente neutros.
  2. Os corpos, mediante fregamento adquiren propiedades eléctricas. O feito de fregar favorece o paso de cargas dun mesmo tipo dun corpo a outro, resultando un de eles cun exceso de carga e o outro con defecto, é dicir, resultando globalmente cargados con carga oposta.
  3. Cando achegamos un corpo electrizado a outro neutro aparece atracción, pois a carga do corpo electrizado exerce unha acción sobre o neutro de forma que as súas cargas afástanse, colocándose máis perto do corpo electrizado as cargas opostas, xurdindo a atracción.
  4. Cando un corpo electrizado toca un corpo neutro aparece normalmente rexeitamento porque despois de estar en contacto hai un paso de cargas, quedando enfrontadas as cargas do mesmo signo e lóxicamente prodúcese rexeitamento. Este efecto é máis claro se o paso das cargas é fácil (material conductor) e se impedimos a descarga (obxecto sen puntas, empregando unha bola metálica)
  5. Entre corpos electrizados aparecen atraccións e rexeitamentos porque poden estar cargados con cargas do mesmo signo ou distinto.
  6. Cando se fregan dous corpos ambos os dous resultan cargados coa mesma cantidade de electricidade, pero de signo oposto. Cualitativamente podemos comprobalo achegando ambos obxectos a un detector (nambos casos debe manifestarse atracción). Despois podemos empregar un tercer obxecto electrizado (variña de plástico) sobre o péndulo e ver que un dá atracción e o outro rexeitamento.
  7. Cando a electrización se produce por contacto con outro obxecto previamente electrizado, segundo o modelo de cargas podemos dicir que, dependendo do carácter máis ou menos conductor do material pode haber un reparto das cargas que posuía inicialmente un de eles, entre ambos os dous obxectos, polo que resulta rexeitamento. Tamén é posible amosar que a carga en cada un de eles é menor que a inicial, mediante varios péndulos metálicos (de forma que o de carácter conductor facilite o paso das cargas) vese que a forza de atracción que cada unha das bolas metálicas exerce sobre obxectos neutros é tanto máis feble canto maior é o número de obxectos que se electrizan coa carga orixinal.

Para concluír co modelo de comportamento eléctrico enunciamos a lei de conservación da carga eléctrica -LCq-: "Nun sistema illado, a carga neta (suma alxebraica de cargas positivas e negativas) consérvase, qtot = Cte"

Hai que engadir ao modelo elaborado que hai dous tipos de comportamento das substancias:

conductores: neles as cargas iguais situadas na superficie rexéitanse entre si e distribúense por todo o corpo, independentemento do lugar onde foron colocadas inicialemente.

illantes: os materiais que posúen unha maior ou menor capacidade para reter a carga eléctrica en calquera parte da superficie onde se colocou inicialmente.

*nota: esta clasificación non é categórica, senón que debemos distinguir entre bos e malos conductores.


Anterior: TEORÍA ATÓMICA ; Seguinte : CIRCUÍTOS ELÉCTRICOS