Prácticas

Nas ciencias experimentais fanse experimentos para comprobar se as hipóteses de traballo son correctas ou non. Despois de facer os experimentos comnícanse os resultados á comunidade científica para que outros científicos coñezan e poidan verificar os resultados. Nós tamén imos facer unha tarefa semellante coas prácticas de laboratorio, onde comprobaremos nun "laboratorio" escolar (non científico) as nosas hipóteses e "comunicaremos" os resultados á comunidade escolar (os nosos compañeiros).

Para dar a coñecer os resultados das prácticas elaboraremos un informe (ou memoria) da práctica que debe conter as respostas aos seguintes puntos básicos:

  1. Que é o que queremos comprobar coa práctica?
  2. Cales son as nosas hipóteses iniciais?
  3. Como (montaxe e material) imos facelo?
  4. Recollida e análise dos resultados obtidos
  5. Conclusións: os resultados verifican as hipoteses? por que?
Sen embargo, estes puntos básicos que desenvolveremos non teñen a mesma profundidade para todos niveis dos alumnos. En cada nivel (3-eso, 4-eso, 1-bach e 2-bach) hai esixencias diferentes.

1 Propósito da prácica

Aquí especificaremos claramente e inequívoca que é o que queremos comprobar e practicamente non hai diferencia ningunha entre os niveis dos alumnos (non sendo naturalmente o nivel de contidos).

P. ex. : Queremos comprobar a relación entre a presión e o volume que ocupa un gas pechado nun recipiente

2 Hipóteses iniciais

Neste punto diremos tamén claramente cales son as nosas hipóteses (as nosas ideas) respecto ao propósito da práctica.

P. ex. : Pensamos que se pechamos un gas nun recipiente e tentamos reducir o volume que ocupa deberemos facer máis presión sobre o gas, polo contrario se facemos menos presión o gas ocupara un volume maior. Segundo estas ideas pensamos que a presión e o volume que ocupa o gas deben ser magnitudes inversamente proporcionais (a maior presión menor volume e a menor presión maior volume). Isto pode representarse matematicamente mediante unha ecuación así: P = Cte/V ou a equivalente P.V = Cte.

3 Montaxe material

Debemos indicar como faremos a práctica e que material utilizaremos.

P. ex. : Para comprobar a hipótese pecharemos un gas (aire) nun recipiente de volume variable (xeringa graduada) conectado a un aparato que nos mida a presión no interior (manómetro). O procedemento consistirá en ir empuxando o émbolo da xeringa coas mans ata que cheguemos a un volume determinado e entón leremos a presión do manómetro e anotaremos a parella de valores (V, P) e faremos así para varios volumes (cantos máis mellor) e as correspondentes presións. Debemos procurar que entre o émbolo da xeringa e as paredes haxa o menor roce posible (untando con aceite) e que non escape nada de gas.

Material: xeringa graduada, manómetro, tubo de conexión manómetro-xeringa.

Montaxe: debuxo esquemático de como dispoñemos o material

xeringa conectada a manómetro

4 Recollida e análise de resultados

Os valores medidos anotarémolos na libreta e os ordenaremos nunha táboa (preferiblemente escrita en vertical) de resultados onde especificaremos a magnitude, as unidades e os valores das medidas.

P. ex. :

p/hPa V/cm3
74.7 15.0
80.0 14.0
86.1 13.0
93.3 12.0
101.8 11.0
112.0 10.0

Despois representaremos estes valores nunha gráfica para visualizar a relación entre as magnitudes: Esta gráfica non pode ser igual para os diferentes niveis do alumnos:

3-eso: Representaremos en papel cuadriculado unicamente os puntos obtidos na táboa. Estes puntos NON se unen con liñas de ningún tipo.

4-eso: Representaremos en papel cadriculado_á_metade unicamente os puntos obtidos na táboa. Estes puntos NON se unen con liñas de ningún tipo.

1-bach: Os valores medidos non poden ter máis decimais que a sensibilidade dos instrumentos utilizados nas medidas. Representaremos en papel milimetrado unicamente os puntos obtidos da táboa. Estes puntos NON se unen con liñas de ningún tipo, pero podemos engadir unha liña de tendencia (a lapis) para comprobar o tipo de relación matemática entre ambas magnitudes. Se a liña é aproximadamente unha recta, tentaremos que estea equilibrada entre os puntos e debuxarémola cunha regra (a lapis). Se a liña é unha curva é preferible debuxar a liña de tendencia mediante un programa adecuado de ordenador.

2-bach: Os valores experimentais da táboa deben acompañarse do erro experimental e hai que seguir as normas para facelo de forma correcta. Representaremos en papel milimetrado unicamente os puntos obtidos da táboa. Estes puntos NON se unen con liñas de ningún tipo, pero deberemos engadir unha liña de tendencia (a lapis) para comprobar o tipo de relación matemática entre ambas magnitudes. Se a liña é aproximadamente unha recta, tentaremos que estea equilibrada entre os puntos e debuxarémola cunha regra (a lapis). Se a liña é unha curva é preferible debuxar a liña de tendencia mediante un programa adecuado de ordenador.

táboa de resultados P = f(V)

5 Conclusións

Aquí compararemos os resultados obtidos cos esperados para confirmar o rechazar as hipóteses.

P. ex. : Da análise da táboa e da gráfica dedúcese que cando a presión aumenta o volume diminue e viceversa, cando a presión diminue o volume aumenta, pero en forma de curva -se unísemos os puntos veriamos a curva que pasa por eles- . A presión e o volume son magnitudes inversamente proporcionais , logo a hipótese P = Cte/V foi correcta.

Que acontece se os puntos experimentais non se axustan exactamente aos resultados esperados -caso normal-? . Probablemente é polos erros que cometemos durante o experimento e entón hai que comentar razoadamente cales foron os erros máis importantes (evitar nomear os erros aleatorios evidentes de vista e instrumentos) na montaxe, é dicir , .. estivo ben feita (ben plantexada experimentalmente) a práctica?

Os alumnos de 2-bach deben incluir neste apartado unha análise física dos erros experimentais e as súas fontes.

Departamento