XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

LABIRINTO

(de Elipsis e outras sombras, Xerais, 1995)


 
 
bbbCando meniño arredáronme da miña comunidade familiar, con consentimento da matriarca que rexía o grupo, pra ser educado polos Circuítos do Non. Con dor fun trasplantado dende o ledísimo val meu -rico en mazá, mirambel, ameixa, con socalcos de millo estremecido nas lenturentas, longas noites zucradas- hastra o mundo, alonxado do mundo, da conspiración. Secretamente todos os membros da miña comunidade viñeran participando nos Circuítos do Non, cada quen en seu degrao. Ao longo das edades, os meus, solertes, raposeaban unha adhesión absoluta ao sistema, entramentres preparaban a revolta con paciencia, entremesturando, igoal que fíos nun broslado de punto de cruz, o si e o non, a participación nas xuntanzas lexisladas -sempre idénticas a si mesmas- do Estado dos Seis Libros, coas fuxidas á Cidade Vella onda, en estancias metálicas, poeirentas e desertas, comunicábanse a súa espranza e a súa confusión. Espranza e confusión que opuñan, latexantes, á seguridade na completa realización do presente e á ríxida afirmación sóbor de si mesmo (como unha imaxe que se confirma no azougue dun espello e trasfega a conciencia na propia imaxe) que eran características dominantes do Estado dos Seis Libros. Así pois, a vella matriarca levoume en persoa, collido da man, a través do territorio da comunidade, sendo eu de obra de doce años. Notaba eu os dedos duros e o rudo pelexo da que mandaba en todos nós e, de tempo en tempo, un pequeno estremecento que lle descía dos pulsos. Invitoume a despedirme con saúdos ortodoxos, marciais, mecánicos, segundo mandan os preceutos dos Libros, de amorosas nais (antre as cales estaría sen dúbida a miña propia), mozas e tensas pola emoción da despedida e pola realización do meu destino impar, de pais ríxidos e homildosos, como ordenan os sistemas de comportamento vixentes en todo o Estado, ocultamente contestados, aldraxados nos seus bravos corazóns ardentes. Pais que, segundo adeprendín máis tarde, ollaban pra min con fe e con desespero, impotentes para comprir a miña misión polo imperativo cuadrangular do tempo en que naceran e orgullosos de pertenceren á xeración que me procreara, sabendo que antre a miña sé predestinada xurdiría eu, o que había de ser Xefe dos Circuítos do Non.
 
 
bbbE a matriarca levábame, a través do crepúsculo, na súa nave. Cortamos o ar e nun intre, xa pra sempre en min, indestructíbel, pairamos sóbor da aldea natal. Vin os edificios vermellos, lostregantes baixo o derradeiro sol, apegados entre si, dibuxando sóbor dos campos unha cruz irregular, os cómaros intensamente escuros, esleído o seu verdor en azuis chumbizos, coroados xa pola néboa da noitiña. Algo dentro de min decíame que aquela orde natural en que vivira, o sistema de costumes en que me formara, tiña de ser crebado. E iso mesmo quixo decir a matriarca cando manipulou no cadro de mandos, determinando a nosa roita, e veu a axionllarse onda min, na cápsula central da nave. Pediume que ollara pra ela e fíxeno despaciosamente, demorando nos sucos, regueiros, raíces, que percorrían a súa faciana nobilísima, na súa delgadez coirenta, nos belísimos tatuaxes azuís, marelos , que lle baixaban dende o estreito colo de garza, entrelazándose nos pelexos, darredor dos seos longos, pendurantes coma bagos murchados, toda ela, na luz verde da nave, coma dentro dun alento doce e irreal. Quíxenlle moito, depositei a miña cabeza sóbor dos seus xoenllos osentos, aloumiñeinos e percibín, ao contacto coa pel, ise cheiro inconfundíbel dos vellos, que ao mesmo tempo repuna e che conmove. Faloume, mainamente, de que debía esquencer todo o pasado, esquencer ás nais, aos pais, aos irmáns, aos vellos, a todas as xeracións, a toda a nosa comunidade familiar incluída ela mesma. Esquencer todo o recibido como verdade, como fundamento, como norma. Poñer a totalidade en custión, desvestirme de min mesmo pra entrar nos Circuítos, dentro dos cales faríame outro pra un destino inmorredoiro.
bbb-Agárdache -dixo a matriarca- un labor que, se o cumpres, todo o mundo resultará liberado.
bbbLémbrome de que tiven medo e chorei. Cobrín de bagullas os xoenllos da matriarca que docemente, roucamente, entoou unha cantiga que endexamais ouvira mentres me aloumiñaba os rizos. Unha cantiga entoada e dita cuns rexistros absolutamente dispersos e ao propio tempo coherentes, dispar de toda a música que deica entón chegara a min e que se erguía coma unha ave, despregando unha plumaxe cálida e argalleira, entremesturada de cores que se trasformaban, liquidamente; unha cantiga con fortes e estrañas significacións que xa se elidían -deixando redondos baleiros-, xa se representaban, obvias e duras coma cortizas, e o todo era indecíbel, pairaba sobre o mundo e, en arrautos subitáneos e rudos, cortábase, raspaba, renxía, daba grimo en agudos coma escalpelos. Soupen daquela, como se un pequeno chinelo se abrise e dese luz á miña confusión, que a cantiga procedía dunha distinta dimensión cultural deica entón fechada a min. Era, sóupeno máis tarde, a dimensión dos Circuítos do Non, celosamente gardada aos cativos e cuxa iniciación comezaba pra min, daquela, coa canción da matriarca, na cápsula central da nave que esvaraba no vento exactamente cara a Cidade Vella.
bbbPouco despois a nave descía en vertical sóbor do espacio deserto da Cidade Vella. Longas avenidas calladas de puntos de luz inextinguíbel que xa non alumeaban o denso trasfego de xentes que as encheron en eras ultrapasadas, en eras denanteriores ao Estado dos Seis Libros; edificios metálicos, uniformemente azuis. Todo me acolleu mudamente, contaxioume o seu frío, desolación. Abandonamos a nave e penetramos nas masas esferoides hastra lugares igoais entre si que a matriarca recoñecía mediante cálculos realizados nunha máquina portátil callada de cifras e de luces mentres, sempre, incesante, retomaba a cantiga. A cantiga, que agora esvaraba coma por carrís propios nos teitos e muros curvos, ecoando no metal con eco de sedas, deixándose atravesar pola luz e irradiando ela mesma luz, coma as paredes.
 
 
bbbAtopado finalmente o lugar preciso, a matriarca deixoume encomendado a un grupo de quince homes e mulleres que, vestidos de roupas pesadas e antigas, habitaban un vastísimo espacio abovedado, e ela voltou, cantando, ao val perdido, ao paradiso de algún día.
bbbCo grupo permanecín hastra os vinte anos. Fóronme iniciando nos principios dos Circuítos do Non, dos que eles eran o Consello Supremo. Aprendín en longas xeiras esgotadoras. Aprendín en longas xeiras esgotadoras as cen mil mañas da resistencia, do disimulo, da clandestinidade, da loita violenta. Ensináronme o manexo de armas de man, o control das grandes forzas enerxéticas, a técnica da propaganda pola destrucción, demolición. Pouco e pouco fun coñecendo, asumindo, os puntos básicos da sabiduría, resumidos nos Principios de Doutrina, a saber:

I. A mentira é estática. A verdade é o movemento.
II. Os homes poden chegar a ter coñecementos por eles mesmos, independentemente dos Seis Libros.
III. Na actualidade, o principio II resulta imposíbel, pro, nos tempos denanteriores ao Estado dos Seis Libros, os homes:
a) Podían chegar a coñecer sen precisión dos Seis Libros.
b) Mesmo calisquera home podía chegar a escribir o seu propio libro.
IV. Ao derrubaren o Estado dos Seis Libros, os homes ficarán ceibes, recuperarán a disposición de si e mais a facultade de coñecemento, no seo dunha sociedade en movemento (verdade).
V. Se a verdade é o movemento, iste, de algún xeito, áchase en relación coa libertade.
VI. O estado de alma do home verdadeiro (do membro dos Circuítos do Non) debe ser a confusión, pois non sabe nada e nega a sabiduría estática (morta) dos Seis Libros, e mais a espranza, pois espera na destrucción do Estado dos Seis Libros.

bbbA grande revelación produciuse inopinadamente o día en que cumpría os vinte anos. A inmensa cúpula lostregaba cilindros azuis, converxentes, nos que danzaba o po en ledas zarabandas. Os meus quince mestres concorreron simultáneos. Explicáronme a necesidade que eu tiña de ser capado, deixándome intactos os testículos, a fin de que a miña coraxe viril fora feroz, constante e insatisfeita. Porque, sinxelamente, eu estaba destinado, por cálculos feitos moitos anos atrás, pra me constituír en Xefe da Revolta, cuxo día, hora e duración estaban sinalados polas máquinas e cuxo final sería fatalmente favorábel á resistencia, favorábel por fin aos Circuítos do Non. Deixeime podar a miña vara verde e fun conducido, ao estar recuperado, por poeirentas galerías máis antigas, máis e máis estreitas, ancestrais, esterrecentes, construídas cun metal verdecente pra min descoñecido, nas que, á dereita e á esquerda, fuxían lombos pelados de animais visgosos e abominabeis que, ao mellor, abandonaban na súa fuxida grandes ollos palpebrexantes ou cobregantes probóscides que se retorcían espantosamente e morrían baixo o impacto da luz e da enerxía dimanante do noso vehículo. Dos corredores de metal verdecente pasamos aos pasigos de pedra e, distes, ás escadeiras. Escadeiras roxintes, de madeira, que nos conduciron ao reducto máis secreto e recuado da Cidade Vella, onde me reunín cos Tres Grandes Mestres dos Circuítos, que son os que deciden sóbor do Consello Supremo. Os meus quince educadores bicaron aos Grandes Mestres nas fazulas e na boca, e todos riron moito entremesturados coma camaradas. Sentámonos logo darredor dun lume de carballo e soupen, por boca dos tres Grandes Mestres, que era preciso atopar o Sétimo Libro, pois nil, segundo tradición, contéñense as verdades orixinais, denanteriores ao Estado dos Seis Libros, que propiciarán a recomposición da nosa unidade persoal; que, entramentres os Circuítos non atoparan o Sétimo Libro, era preciso resistir na confusión e mais na espranza, confortados polos Principios de Doutrina; que, chegado o intre, era preciso combater a sangue e fogo hastra destruír o Estado dos Seis Libros.
bbb-Pro isto non é máis que unha declaración xeral, dixen eu con agresividade, ollando unha por unha as facianas nobilísimas que endexamais viran o sol, o rostro dos Grandes Mestres, fillos de Grandes Mestres que naceran nas concavidades de pedra da Cidade Vella e pasaran a totalidade da vida nelas dirixindo os Circuítos, netos de Grandes Mestres consagrados dende o nacemento á rebelión e á pescuda, sen se relacionar co mundo opresor de fóra senón a traveso do Consello Supremo cuxos membros, á súa vez, naceran e criáranse nas edificacións metálicas da Cidade Vella e unicamente conectaban co mundo exterior a traveso de disidentes dos derradeiros circuítos dos Circuítos do Non, que depositaban neles a súa confianza sen lindeiros e as noticias da resistencia, da confusión e da espranza.
bbb- A partir de agora es o noso Xefe. Pro denantes de te considerares investido debes saber o que che agarda. É algo que ti debes realizar, porque así está determinado polos cálculos e porque ninguén que non seña ti o pode facer. Trátase, simplemente, de derrubar o Estado dos Seis Libros. Porque, sabes, os tempos son chegados.
bbbSeguiron falando, con nerviosismo e paixón, coma se foran mozos a preparar unha troulada, ou mintireiros fabulando unha adrola calquera. Fun sabedor, entón, de moitas cousas que ignoraba ou das que conservaba unha noción moi vaga adquirida antes dos doce anos, no tempo en que andiven polo mundo exterior. Así soupen que no Estado dos Seis Libros o tempo divídese en períodos de dez anos, cada un dos cales réxese polas verdades que se manifestan nos ritos ordenados nun Libro. Cada seis períodos esgótanse os Libros, pois só dispoñen de seis. Pero no sexto Libro está contido o que hai que facer ao rematar o ciclo, que é coma se rematara o mundo e fose preciso recomezalo, recrealo. O que hai que facer ao rematar o ciclo é a Ceremonia que conmemora a invención da morte. Esta ceremonia dura oito anos e realízase, polo tanto, aos sesenta de iniciarse o ciclo. Durante istes oito anos os Gardiáns dos Libros teñen de setenta e oito a oitenta e seis anos, porque sesenta anos atrás, cando tiñan dez, foron escolleitos antre os meniños desa edade polos Gardiáns dos Libros e fóralles transmitida durante os oito anos da Ceremonia toda a sabiduría do Estado e foran consagrados Gardiáns dos Libros, coa obriga de gardar a orde, a sabiduría do Estado e os Seis Libros, durante sesenta anos, hastra o intre de escolleren novos meniños que serían iniciados á súa vez como Gardiáns dos Libros, función a desempeñar durante seis períodos de dez anos, e así. Durante a Ceremonia, os pobos mestúranse antre eles, flaxélanse as persoas, o asasinato está permitido, os homes deben levar antigos vestidos de muller e é o tempo máis indicado pra se facer tatuar. A Ceremonia é un tempo horroroso e lúcido no cal cada crime e cada aberración están preceptuados na derradeira parte do Sexto Libro. Un Grande Mestre xoven e lourido, con ollos coma carbóns acesos e falas esguías, rápidas, decíame:
bbb- Non podemos, pois, agardar unha millor ocasión pra derrubar o Estado dos Seis Libros. Hai que atacar no corazón da besta, na Ceremonia. No ferro máis feble da gramalleira, cando os vellos Gardiáns trasmiten os segredos aos meniños de dez anos. Hai que atacar antes que teñan dazaoito, no final da Ceremonia, pois sería tarde. Tes que atacar no principio. Sabes todo pra seres un Xefe. Foches escolmado mediante cálculos infalibeis. Agora, nas vísporas da Ceremonia, tes a edade xusta, a sabiduría xusta e todo o poder soterraño dos Circuítos do Non atrás túa. Tes que nos conducir hastra a vitoria combatendo o Estado dos Seis Libros e descobrindo o Sétimo Libro.
bbbBaixei as esqueiras de madeira, percorrín os camiños e as estancias de pedra, de metal, saín ás avenidas baleiras da Cidade Vella onde só se moven os torbeliños de po, da man teimosa do vento. Naveguei polas comunidades que participaban clandestinamente nos Circuítos reclutando combatentes, sementando consignas, conspirando, dando instruccións, ánimos. De xeito que, ao principiar a Ceremonia, unha cadea de demolicións de monumentos do Estado fixo pública e presente en todo o mundo a acción dos Circuítos. Foron, consecutivamente, arrestadas polos soldados aquelas persoas incluídas nas listas de expiación e exterminio rituais para despois seren pasadas polas armas nas eiras das comunidades, ou ao pé dun templo derrubado. Ou ben martirizadas nas procesións de flaxelantes bébedos que ondulaban coma pequenas víboras, de aldea en aldea, entrechocando no ar as naves coidadosamente mal dirixidas polos seus tripulantes. ¡Naves, tripulantes, flaxelantes, soldados bébedos, peleriños que percorrían o Estado pra vocear millentas veces, no mesmo ton, en cántico seguido, a noticia da invención da morte e da orixe dos tempos! Nós, pola nosa banda, matabamos grande cantidade de soldados, pro estas mortes confundíanse na desorde xeral, e resultábanos absolutamente imposíbel chegar aos Gardiáns dos Libros, o enemigo principal, cabeza da tenia. Por iso, sen consultar co Consello Supremo nen cos Grandes Mestres, puxen en funcionamento pola miña conta o dispositivo de percura do Sétimo Libro. Baixei a min mesmo, fixen un esforzo de concentración durante moitos días e noites, programei as máquinas, asumín os datos fornecidos, baixei aínda a niveis máis dolorosos, terribeis, profundos. Cheguei hastra a zona última de resistencia, de combustión límite, da miña dimensión mental. Resultado: atopei o Sétimo Libro. Vinno limpamente, nunha arroutada que me trasteou as raiceiras, fontanas, manantíos de min mesmo. O Sétimo Libro estaba nas cavidades de pedra, xusto onde as testas pensadoras dos Circuítos do Non esmorecían dende a noite das edades en percura da liberación.
bbbEncamiñeime direitamente, soio, á enorme estancia esquencida e poeirenta en cuxo centro, no seu atril barroco, cáseque comesto polas larvas, descansaba fechado o Sétimo Libro. Abrino, mergulleime na súa lectura, na lectura do ritual. E unha onda de terror deixoume petrificado, pois o Sétimo Libro estabelecía con detalle como no curso dos oito anos da Ceremonia deberían encarnar os diaños dos tempos de antano en figura de rebeldes dos Circuítos do Non e sinalaba a importantísima función dos Circuítos do Non dentro do Estado dos Sete Libros (habitualmente chamado, nos sectores non iniciados da poboación, Estado dos Seis Libros). Sentín que o meu corpo perdía peso, que levitaba, ao continuar a lectura e decatarme que a morte do Xefe dos Circuítos do Non viña pormenorizada en todas e cada unha das torturas que debería sofrer en conmemoración e lembranza da invención da morte.
bbbFechei o Sétimo Libro mentres me rodeaban, surtindo en cada anaco da estancia, de antre o po e a penumbra, soldados fortemente armados e con casco, tatuado nos seus peitos espidos o labirinto azul do medo.
bbbSei que dende o intre en que fun arrancado á miña comunidade familiar non fixeran outra cousa comigo que prepararme pra participar na Ceremonia, participación que culminará ao mencer, cando me torturen meticulosamente e me maten, perante os ollos abraiados dos meniños de doce anos que no seguinte ciclo torturarán meticulosamente e matarán a outro Xefe preparado a tal fin con precisión e exactitude polos Circuítos do Non.
bbbPolo momento non sufro. Sométome con resignación, pro confío con ardor en que algún día unha pedra caia no engranaxe, unha estrela relumbre, verdadeira rebeldía estoupe por canles diferentes, as luciñas contidas no cantar da matriarca convírtanse en volcán, liberación. Penso, si, con saudade, nun ledísimo val, rico en mazá, mirambel, ameixa, con socalcos de millo estremedido nas lenturentas longas noites zucradas.

 
     
 
Atrás