ANTONIO TABUCCHI

SOÑO DE DÉDALO, ARQUITECTO E AVIADOR

(Traducido de Sueño de sueños; los tres últimos días de Fernando Pessoa, Anagrama, 1996)

 
 
----Unha noite de hai miles de anos, nun tempo que non é posible calcular con exactitude, Dédalo, arquitecto e aviador, tivo un soño.
----Soñou que se atopaba nas entrañas dun inmenso pazo e estaba percorrendo un corredor. O corredor desembocaba noutro corredor e Dédalo, canso e confuso, percorríao apoiándose nas paredes. Cando acabou de percorrer o corredor, chegou a unha pequena sala octogonal da cal partían oito corredores. Dédalo comezou a sentir unha gran ansiedade e un desexo de aire puro. Enfilou un corredor, pero este remataba ante un muro. Dédalo intentouno sete veces ata que, ao oitavo intento, meteuse por un corredor longuísimo que tras unha serie de curvas e revoltas desembocaba noutro corredor. Dédalo entón sentouse nun chanzo de mármore e púxose a reflexionar. Nas paredes do corredor había fachos acesos que iluminaban frescos azuis de paxaros e de flores.
----Só eu podo saber como saír de aquí, díxose Dédalo, e non o lembro. Quitou as sandalias e comezou a camiñar descalzo sobre o chan de mármore verde. Para consolarse púxose a cantar unha antiga cantilena que aprendera dunha vella criada que o arrolara na infancia. Os arcos do longo corredor devolvíanlle a súa voz dez veces repetida.
----Só eu podo saber como saír de aquí, díxose Dédalo, e non o lembro.
 
 
----Naquel momento saíu a unha ampla sala redonda con frescos de paisaxes absurdas. Aquela sala recordábaa, pero non recordaba por que a recordaba. Había algunhas cadeiras forradas con luxosos tecidos e, no centro da habitación, unha ampla cama. No bordo da cama estaba sentado un home esvelto, de complexión áxil e xuvenil. E aquel home tiña unha cabeza de touro. Sostiña a cabeza entre as mans e choricaba. Dédalo achegóuselle e pousou unha man sobre o seu ombreiro. Por que choras?, preguntoulle. O home liberou a cabeza de entre as mans e mirouno cos seus ollos de besta. Choro porque estou namorado da lúa, dixo; vina unha soa vez, cando era neno e me asomei a unha fiestra, pero non podo alcanzala porque estou prisioneiro neste pazo. Contentaríame só con tenderme nun prado, pola noite, e deixarme bicar polos seus raios; pero estou prisioneiro neste pazo. E botouse a chorar de novo.
----E entón Dédalo sentiu un gran pesar e o corazón comezou a latexarlle fortemente no peito. Axudareiche eu a saír de aquí, dixo.
----O home-besta levantou outra vez a cabeza e mirouno cos seus ollos bovinos. Nesta habitación hai dúas portas, dixo, e vixiando cada unha das portas hai dous gardiáns. Unha porta conduce á liberdade e outra porta conduce á morte. Un dos gardiáns sempre di a verdade, o outro mente sempre. Pero eu non sei cal é o gardián que di a verdade e cal é o gardián que mente, nin cal é a porta da liberdade e cal é a porta da morte.
----Sígueme, dixo Dédalo, ven comigo.
 
 
----Achegouse a un dos gardiáns e preguntoulle: Cal é a porta que segundo o teu compañeiro conduce á liberdade? E entón foise pola porta contraria. En efecto, se preguntase ao gardián mentireiro, este, alterando a indicación verdadeira do compañeiro, indicaríalle a porta do patíbulo; se, en cambio, preguntase ao gardián veraz, este, dándolles sen modificar a indicación falsa do compañeiro, indicaríalles a porta da morte.
----Atravesaron aquela porta e percorreron de novo un longo corredor. O corredor ascendía e desembocaba nun xardín colgante desde o cal se dominaban as luces dunha cidade descoñecida.
----Agora Dédalo lembraba, e sentíase feliz de lembrar. Baixo as sebes escondera plumas e cera. Preparáraas para el, para fuxir daquel pazo. Con aquelas plumas e aquela cera construíu habilmente un par de ás e colocounas sobre os ombreiros do home-besta. Despois conduciuno ata a beira do xardín e faloulle.
----A noite é longa, dixo, a lúa mostra a súa faciana e espérate, podes voar ata ela.
----O home-besta virouse e mirouno cos seus mansos ollos de besta. Grazas, dixo.
----Vai, dixo Dédalo, e axudouno cun empurrón. Mirou como o home-besta se afastaba con amplas brazadas na noite, voando cara á lúa. E voaba, voaba.

 
     
 
Atrás