páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

O delito de ser musulmán

Dous anos despois e ninguén se acorda dos máis de 650 presos que se atopan retidos na base naval estadounidense da bahía de Guantánamo, en Cuba. Foron detidos en todo o mundo como consecuencia da “guerra contra o terrorismo” anunciada polo presidente Bush tras os atentados do 11 de setembro de 2001, que se cobraron 3.000 vidas. A maioría destes presos foron arrestados en Afganistán, aínda que son de 40 nacionalidades diferentes.
Entre as 650 persoas detidas en Guantánamo atópanse nenos de tan só 12 anos. E nas declaracións feitas polo Pentágono dáse a entender que tanto os maiores de idade como os menores son unha ameaza para toda a sociedade, polo que se refiren a eles como "combatentes inimigos". O que estraña é que este é o mesmo país que, no 2002, dixo na Sesión Especial da Asemblea Xeral das Nacións Unidas que apoiaba a Infancia. Por aqueles tempos, Estados Unidos era líder mundial na protección dos dereitos do menor; pero agora é o primeiro na lista en violar os Dereitos do Neno que tanto promoveu e defendeu.
Este país non considera os arrestados prisioneiros de guerra, polo que continúan detidos sen cargos nin xuízo e nun estrito réxime de incomunicación; illados do exterior e sen ningún contacto coas súas familias. Toda persoa é digna do máximo respecto e consideración e os EEUU non parecen coñecer estas esixencias elementais.
Cal é a razón pola que se atopan nesas condicións? Porque o seu nome e relixión delátanos. Ser musulmán na actualidade é un delito que se paga co cárcere no país dos ianquis.
As prácticas ás que son sometidos os detidos de Guantánamo son crueis, inhumanas e degradantes. A detención prolongada nun réxime de incomunicación, a tortura, os malos tratos, as detencións secretas, o traslado de detidos, os interrogatorios sen a presenza dun avogado, as ameazas de seren sometidos a xuízos inxustos e a reclusión sen cargos eran abusos que Estados Unidos denunciaba cada ano. Hoxe é este mesmo goberno quen viola de forma masiva e sistemática as esixencias morais máis básicas que ten todo ser humano.
Non é lóxico que esta gran potencia mundial afirme estar liderando a loita contra os abusos, cando é un claro exemplo de que recorre a esas prácticas crueis. Estas condicións infrahumanas favorecen que os detidos en Guantánamo sexan sometidos a interrogatorios que poderían ser utilizados con fins xudiciais e tamén para obter información. Un paso máis cara atrás para os Dereitos Humanos.
Os gobernos teñen a obriga de protexeren e promoveren os principios dos dereitos humanos; uns dereitos que son unha parte esencial do camiño que leva á seguridade. Cantos gobernos apoian, respectan e promoven estas liberdades? Moi poucos ou ningúns. O goberno de EEUU é unha mostra de estar debilitando o Estado de Dereito por non respectar esas facultades que se lles están negando ós recluídos en Guantánamo, ademais de non cumprir as normas internacionais. A recente política estadounidense desafía con transformar o mundo nun lugar menos seguro.

Hai pouco o Parlamento Europeo recibiu informes de que se están construíndo lugares de execución na base militar de Guantánamo. A pena de morte é defendible? Non, senón todo o contrario, é algo inxustificable. A pena de morte, sexa en territorio cubano, nos Estados Unidos ou en calquera outra parte do mundo, constitúe unha humillación para a humanidade.
O que está ocorrendo en EEUU é algo inaceptable, que ningún país do mundo debería tolerar e moito menos aprobar.
As "organizacións non gobernamentais" como Amnistía Internacional e Cruz Vermella Internacional traballan en países de todo o mundo para denunciar as violacións das esixencias elementais que ten toda persoa e axudar ás vítimas. Hai que recoñecer que levan a cabo unha gran misión, xa que son os únicos que prestan axudas ós máis desfavorecidos.
Cantos dereitos se lles están violando ós encarcerados en Guantánamo? Por que razón estas persoas permanecen encarceradas dun xeito indefinido sen que ninguén faga nada por elas?

Estrella Pedreira, 4º de ESO


 
  Índice do nº 4 Arriba