| |
DE
VOLTA
E
seguimos; si, compañeiros e compañeiras,
xa temos preparado o 4º número da
nosa revista Camballón.com que,
unha vez máis, vén chea de forza
e novidades. Levou o seu tempo e esforzo elaborar
estas 52 páxinas (aínda que ao mellor
hai a quen lle parecen poucas); pero coas colaboracións
duns e doutros estamos de novo aquí. E
tamén grazas ás axudas económicas
do Concello e dos distintos comercios, aos que
lle agradecemos inmensamente a súa colaboración.
Aínda que tampouco foi todo un camiño
de rosas, xa que os cartos non lle sobran a ninguén,
ou iso parece... pois algún non debe ser
moi consciente do que custa a cultura...
Como vos dixemos antes, este número ten
moitas novidades. Entre elas está unha
sección de investigación, “Falando
de sexo”, que a máis dun/ha vai deixar
coa boca aberta; tamén vos poderedes rir
un pouco dalgúns profes coas súas
“caricaturas”; informarvos dos “Xogos
olímpicos” na antigüidade; saber
máis cousas de Víctor Mosqueira;
e, para os máis papadores/as, a sección
que recomendamos é a de “Cociña
internacional”, capaz de abrirlle o apetito
a calquera.
Pero aínda hai máis: un capítulo
de Orixe de Séchu Sende, novela gañadora
do premio Blanco Amor deste ano; noraboa, Séchu;
imos correr todos a mercala para que logo nos
bote unha firmiña.
Finalmente, como esta publicación non pode
ser allea aos feitos de actualidade, tamén
nela está o brutal atentado de Madrid,
páxina negra na nosa revista e na nosa
historia; con fonda amargura dedicámoslle
un recuncho de Camballón.com e pedimos
o cesamento definitivo de todo tipo de violencia
porque, se cadra, mentres ledes isto, está
sendo asasinada outra muller máis.
E agora si, toca ler. A que esperades?
|
|