| |
Os
xogos olímpicos
Os
gregos antigos amaban o deporte e aproveitaban
canta ocasión se lles presentaba para practicalo.
Pero, sen lugar a dúbidas, o maior acontecemento
deportivo da Antigüidade era a celebración,
cada catro anos, dos Xogos de Olimpia, sede do
gran santuario de Zeus, o máis importante
dos deuses.
Cando chegaba o tempo de seren convocadas, as
cidades gregas –case constantemente enfrontadas
unhas con outras en conflitos armados– deixaban
de lado as súas diferenzas por un período
de tres meses (o que deu en chamarse “tregua
sagrada”) e rivalizaban na pista para demostrar
as calidades físicas dos seus cidadáns.
O único premio que recibían os vencedores
consistía nunha coroa de oliveira, pero
o triunfo era considerado un gran honor, tanto
no plano individual para o atleta como no colectivo
para a súa cidade de orixe.
 |
Todos
os homes gregos podían participar
nos Xogos Olímpicos, sempre que fosen
cidadáns libres, non estivesen condenados
por ningún delito e, naturalmente,
se atopasen en condicións de competir.
As mulleres non eran admitidas nas Olimpíadas,
pero tiñan os seus propios xogos,
os chamados Hereos, se ben nunca acadaron
nin as dimensións nin a importancia
dos masculinos.
Os Xogos Olímpicos antigos disputáronse
ininterrompidamente durante máis
de mil anos, entre o 776 a.C. e o 393 d.C.,
data na que foron prohibidos polo emperador
cristián Teodosio. |
Entre
os séculos V e IV a.C. fixouse definitivamente
tanto a súa duración (cinco días)
como o programa de probas disputadas, que era
o que decontado se detalla:
O
programa olímpico da época clásica
comprendía catro modalidades de carreiras
a pé.
A máis antiga e, ao mesmo tempo, a máis
prestixiosa era a denominada estadio, xustamente
porque os atletas percorrían esa distancia
(algo menos de douscentos metros) que era, ademais,
a que mediaba entre os extremos do recinto deportivo
que acabou recibindo tamén ese nome.
Corebo
de Élide, a cidade organizadora dos
Xogos, foi o primeiro ganador desta modalidade
e no verán do 2004 cumpriranse nada
menos que dous mil setecentos oitenta anos
da súa remota vitoria.
Co tempo fóronse engadindo outras
probas de velocidade e medio fondo, que
son: o dobre estadio, con catrocentos metros
de percorrido, o dólikos ou carreira
de resistencia (uns 4800 metros) e a curiosa
carreira de homes armados ou hoplita, na
que os competidores debían cubrir
uns catrocentos metros levando casco e escudo.
|
|
O
corredor que maiores éxitos recolectou
na milenaria historia dos Xogos de Olimpia foi
Leonidas de Rodas, ganador de doce coroas de oliveira
entre os anos 164 e 152 a.C.
Naturalmente, non coñecemos nada acerca
das marcas acadadas polos velocistas da Antigüidade,
posto que entón non existían os
medios técnicos que permitiran cronometralas.
A
partir do 708 a.C. comezou a disputarse unha proba
combinada chamada pentatlón, por estar
composta de cinco disciplinas atléticas:
carreira do estadio, loita, lanzamento de disco,
lanzamento de xavelina e salto. As dúas
primeiras existían tamén como probas
independentes que outorgaban a súa propia
coroa, mentres que as tres últimas só
se disputaban no marco do pentatlón e a
elas nos referiremos a continuación.
A xavelina lanzábase pasando dous dedos
por unha lazada de coiro situada cara á
metade da hasta. Exceptuando este detalle, os
lanzamentos, tanto de xavelina como de disco,
realizábanse de xeito bastante similar
a como se fai na actualidade. En ambas as disciplinas
os atletas dispuñan de cinco intentos,
tomándose en conta o mellor deles.
En
canto aos discos, ao principio fabricábanse
de pedra e máis tarde de metal. O seu peso
presentaba variacións segundo as épocas
e lugares, pero nun mesmo certame todos os participantes
competían en idénticas condicións.
Nos Xogos Olímpicos antigos a proba de
salto era exclusivamente de lonxitude. A partir
de aí, quedan moitas incógnitas
sen despexar. Para empezar, está a cuestión
das halteras, unhas pesas (de aí “halterofilia”)
con asas coas que a miúdo aparecen representados
os saltadores nos vasos de cerámica. Usábanas
só para adestrarse ou tamén en competición?
Ignorámolo. Para seguir, descoñecemos
igualmente se o salto era sinxelo, dobre ou –como
hai indicios para sospeitar– triple. Digamos
aínda que tampouco sabemos cal era o sistema
de puntuación previsto para proclamar ao
vencedor do pentatlón.
Os
deportes pesados, é dicir, os que facían
medir aos atletas en combate, eran tres: a loita,
o puxilato e o pancracio.
O primeiro deles, a loita, ademais de ser unha
proba independente disputábase tamén
no pentatlón e era, probabelmente, o menos
perigoso dos tres deportes de contacto e, sen
dúbida, o máis popular e practicado.
Na súa modalidade olímpica, o obxectivo
perseguido era a inmobilización do adversario
mediante a aplicación de chaves, para o
cal, á parte de forza, requiríase
unha boa dose de habilidade técnica. Antes
de comezar o combate, os loitadores untaban o
corpo con aceite e aplicaban logo unha capa de
po para evitar que as mans esvarasen.
 |
O
puxilato é un deporte que xa se practicaba
en Grecia polo menos mil anos antes da primeira
Olimpíada. Como no boxeo actual,
só se permitía golpear cos
puños, que ían cinguidos con
tiras de coiro de boi a xeito de luvas.
Dado o caso, non moi frecuente, de que ao
final da xornada un combate se mantivese
aínda indeciso, podíase aplicar
o clímax, un sistema de desempate
realmente expeditivo: realizábase
un sorteo e o afortunado adquiría
o dereito de propinar unha puñada
ao seu adversario sen que este puidese defenderse;
se lograba recuperarse, chegáballe
a quenda de devolver a xentileza e así
ata que un dos dous caese sen remedio. |
Por
último, o pancracio era o “combate
total”, unha combinación de loita
e boxeo onde case todo estaba permitido, salvo
roer, meter os dedos nos ollos, golpear os xenitais
e... rabuñar.
Ningunha das tres probas tiña máis
límite temporal cá duración
da luz solar, de xeito que todos os combates eran
a asalto único. Tampouco existían
categorías segundo o peso dos atletas;
como consecuencia, os máis corpulentos
acabaron acaparando a alta competición.
Nos
Xogos Olímpicos modernos non houbo nunca
carreiras de cabalos nin, menos aínda,
de carros, pero na Antigüidade as contendas
no hipódromo ían indisolubelmente
unidas a eles.
As carreiras de cabalos comprendían tres
categorías: de cabalos adultos, de eguas
e de poldros. Os xinetes non utilizaban nin estribos
nin cadeiras de montar e incluso, en ocasións,
ían espidos –como o facían
sempre os atletas que competían no estadio–
aínda que tamén podían vestir
unha túnica.
Non obstante, as carreiras de carros parece que
gozaban de máis popularidade cás
de monta. Dividíanse en dúas categorías
básicas: as bigas (carros tirados por dous
cabalos) e as cuadrigas (carros tirados por catro
cabalos), que á súa vez presentaban
cada unha as subcategorías de cabalos adultos
por un lado e poldros polo outro.
No século V a.C. disputábase tamén
unha biga de mulas, pero esta proba foi suprimida
do programa olímpico ao cabo de sesenta
anos, quizais porque as mulas non se mostraban
sempre dispostas a colaborar.
Pero a carreira estrela, a que concitaba o maior
interese e expectación foi sempre a cuadriga
de cabalos adultos. Era con diferenza a máis
espectacular e tamén a máis perigosa.
O carro co que se competía era moi lixeiro
e, sobre el, o auriga, é dicir, o cocheiro,
ía de pé. Dado o escaso peso dos
carros era moi fácil que envorcasen, en
especial ao realizar os xiros en ambos os extremos
do hipódromo. Polo xeral, os cocheiros
que chegaban á meta adoitaban ser bastante
menos numerosos que os que tomaran a saída.
Así
e todo, tanto nas carreiras de cabalos como nas
de carros, a coroa non a levaba nin o xinete nin
o auriga, senón o propietario dos cabalos,
costume que permitiu a moitos personaxes políticos
inscribir o seu nome entre os vencedores sen ter
nunca competido.
Pero,
en fin, chegou Teodosio e acabou a festa; Olimpia
quedou abandonada e o tempo converteu en ruínas
o que unha vez foron magníficos templos
e instalacións deportivas abarrotadas
de xente.
Calquera pensaría que a súa desaparición
era definitiva. Pero como a vida dá moitas
voltas, os vellos xogos renaceron das súas
cinzas... mil cincocentos anos máis tarde!
En 1896 – renovados, claro está,
e en versión acorde cos novos tempos.
Sabes onde se celebraron os primeiros Xogos
Olímpicos da época moderna? En
Grecia, como debía ser, aínda
que esta vez non en Olimpia senón en
Atenas. Desde entón disputáronse
noutras vinte e tres ocasións, organizados
por dezaseis países diferentes, entre
os cales figura España, en 1992.
¿E para cando a nova cita coas pistas?
Para este verán. En agosto e en Atenas.
SABÍAS
QUE...
-
...os
Xogos de Olimpia non eran os únicos
da Antigüidade?
Polo contrario, eran moi numerosas as cidades
que celebraban competicións deportivas.
Destas, algunhas tiñan carácter
local, pero outras concitaban o interese de
toda Grecia. Os Xogos de Olimpia eran, sen
a menor dúbida, os máis importantes
pero tamén acadaron gran sona os que
se facían cada catro anos en Delfos
e en Corinto, e en Nemea, cada dous.
-
...os
atletas gregos, salvo nas carreiras do hipódromo,
competían espidos?
Segundo a tradición, o primeiro en
alixeirarse de todo peso foi Orsipo de Megara,
gañador da proba do estadio no 720
a.C. Contan que en plena carreira lle caeu
a taparrabos que vestía, pero Orsipo
seguiu adiante como se tal cousa e conseguiu
a coroa. A partir de entón comezou
a impoñerse a idea de que “fresquiño
compítese mellor”.

-
...un
“catalán” logrou
inscribir o seu nome entre os vencedores
de Olimpia?
Claro
que se chamaba Lucio Minucio Natalis
e a efectos legais era cidadán
romano, pero nacera en Barcelona e tivo
a fortuna de que os seus cabalos (e
o seu auriga) gañaran a competición
de cuadrigas no 129 d.C., de xeito que,
como propietario, tocáronlle
a el os honores. Mediante o mesmo método,
tamén algunhas mulleres conseguiron
figurar como vencedoras olímpicas.
-
...un dos competidores
– xa que non atleta – con
mellor palmarés na historia dos
Xogos foi o emperador romano Nerón?
En efecto, os que estaban previstos
para o 63 d. C. atrasáronse dous
anos para permitirlle participar. E
non marchou deles sen proveito, posto
que gañou seis coroas de vencedor,
tres no hipódromo e outras tres
en certames musicais, algúns
deles introducidos especialmente para
a ocasión. Non hai por que abrigar
dúbidas acerca da imparcialidade
dos xuíces.
-
...a carreira
de Maratón, tan popular nos Xogos
Olímpicos modernos, non existía
nos antigos?
De acordo con certa lenda, cando os
atenienses venceron aos persas na chaira
de Maratón, no 490 a.C., enviaron
un soldado á cidade para anunciar
o feliz desenlace. O pobre home, vestido
con toda a súa armadura, correu
os 40 quilómetros que separan
ambos lugares e ao chegar apenas si
tivo tempo de dicir “vencemos”
antes de caer morto. Non parece que
tal cousa teña ocorrido na realidade,
pero a historia gustáballe ao
barón de Coubertin e os seus
amigos e, xa que os primeiros xogos
modernos se disputarían en Atenas,
a ocasión parecía pintada
para introducir esta proba.
-
...o acendido
da chama olímpica é unha
innovación do século XX?
A idea foi tomada non de Olimpia senón
da antiga Atenas. Concretamente da festa
da cidade coñecida como Panateneas,
onde, entre outras cousas, realizábase
unha carreira de relevos onde a testemuña
que se entregaban os atletas era un
facho aceso. A súa adaptación
aos modernos Xogos Olímpicos
púxose en práctica por
vez primeira nos de Berlín, en
1936.
Alumnado
de Cultura Clásica de 4º de
ESO
Ilustracións de Alejandro Fiuza,
Karlota Salgado e Leticia Santiso.
.
|
|