páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 
Falando de sexo

Aos membros da Comisión desta revista pareceunos interesante investigar algúns aspectos relacionados coa sexualidade no noso instituto. Para iso, elaboramos dous modelos de enquisa, unha para o alumnado e outra para o profesorado; algunhas preguntas eran comúns e outras, obviamente, distintas. Responderon ao cuestinario 261 alumnos/as e 31 profesores/as, o que vén significar un 65% , aproxidamente, no primeiro caso e un 69% (parece broma...) no segundo. A seguir expoñémosvos os datos que obtivemos.
Para a maioría dos enquisados o sexo ten moita importancia e danlle as puntuacións máis altas: 4 ou 5 nunha escala de 1 a 5. Ademais, os profesores/as consideran que sería preocupante que os adolescentes non lle deramos importancia... como pensan en nós!
Alumnos/as 1. Valora cun número do 1 ao 5 a importancia que ten para ti o sexo:

Valoración   Alumnado  Profesorado
1
3,4%
0%
2
7,6%
0%
3
32,5%
29%
4
24,5%
38,7%
5
31,4%
29%
NS/NC
0,3%
0%

Profes 6. Cres que os adolescentes lle dan demasiada importancia ao sexo?

 si, non teñen outra cousa na cabeza
9,6% 
non, supoño que a normal
38,7%
preocuparíame que non lla desen
51,60%

A 2ª pregunta da enquisa pedía que se marcasen os sentimentos que nos produce o sexo ou a idea do sexo. Ao alumnado, maioritariamente, parécelle pracenteiro (60,1%), excitante (54%) e tamén nos pon nerviosos (28,3%) e nos crea inseguridade (24,5%). Isto último será pola pouca experiencia, pero supoñemos que iso se cura coa práctica...
Para os profesores/as é saudable (70,9%), necesario (74,1%), excitante (64,5%) e bo (64,5%). Que fogosos son estes “maiores”, estannos a sorprender!
Maioritariamente pensamos que o sexo é moi importante, pero aínda así tamén o preferimos con amor; aquí as porcentaxes falan por si soas: alumnado 63,6%, profesorado 67,7%.
E ata onde chegamos nas nosas relacións sexuais (os alumnos/as, enténdese)? Son moitos/as os que non tiveron ningún contacto (29,5%) ou só fan “manitas” (31,4%); outros chegaron ás caricias íntimas (20,3%) e son os máis vellos os que, en xeral, xa tiveron relacións completas (15,7%). Así, adoitamos manter a primeira relación sexual a partir dos 18 anos e escasamente aos dezasete ou dezaseis. Os profesores/as tamén “pasaron pola pedra” ás mesmas idades ca nós ou aínda parece que se apuraron menos á hora da verdade.
Idade de iniciación do alumnado:

Idade de iniciación do profesorado:


Outra das cuestións era qué métodos anticonceptivos son os máis utilizados e destacan os preservativos (87,8%), aínda que entre o profesorado tamén mostran preferencia polas pastillas anticonceptivas (22%), o DIU ou espiral (19,3%) e os preservativos acadan o 38,7%.
A seguinte pregunta feita ao alumnado pretendía saber cál é o seu grao de información e, para iso, pedía que se respondese se se estaba de acordo ou non coas afirmacións seguintes:

-“A marcha atrás é un método bastante seguro para evitar o embarazo”
-“Usar preservativos é un rollo porque se sente menos”
-“Se se sabe escoller as posturas adecuadas pódese evitar o embarazo”
-“A masturbación débese evitar porque pode provocar problemas de saúde”

En xeral, entre un 70% e un 80% mostran o seu desacordo coas aseveracións anteriores, aínda que un 23,7% confía na “marcha atrás” para evitar o embarazo e tamén hai quen pensa que masturbarse é malo para a saúde: ai, menos mal que non é malo, que senón a algún botaríanselle oitenta anos...
Así e todo, o peor é que non sabemos se estamos ben informados sobre sexualidade ou non (40%), aínda que tamén somos bastantes os que afirmamos que si (47,8%). Menos mal, senón habería que preocuparse. Hai que preocuparse?
En cambio, o profesorado pensa, maioritariamente, que nos falta información (51,6%) e tamén coñecementos (80%).
E a todo isto, onde obtemos a información? Dos amigos/as (65,9%), dos libros (38,6%), na escola (38,3%) e tamén dos nosos pais (31,8%). Aínda bo é que, polo menos algúns, confiamos nos nosos pais e eles escóitannos cando sae o tema da sexualidade.
Mais, a pesar do que se dicía no punto anterior de que se obtiña información na escola, a maioría do alumnado opina que se nos fala moi pouco do tema e, para algúns, os profesores evitan falar de sexualidade na clase:

Pero os profesores/as négano todo e pensan que cando corresponde tratan o tema con naturalidade; algúns tiñan que se ver a si mesmos...

E nós, como reaccionamos nós? Pois parece que a maioría atendemos normalmente (56,3%), aínda que tamén hai quen se ri (15,7%) e a outros/as é o único que lles interesa (17,2%).
A seguinte pregunta, para o profesorado, pedía opinión sobre os alumnos/as que se bican e abrazan polos corredores (xa di o refrán “o que sabe chegar e bicar, non se pode queixar”). Á maioría parécelles natural (51,6%), aínda que tamén un número elevado considéraa unha conduta inapropiada (32,2%). Non será que lles damos envexa...?

Pois despois de todo isto todos estamos de acordo en que a sexualidade é unha parte importante da nosa vida; así e todo, moi sobrados de coñecementos non parece que andemos (ímoslles dar algo de razón aos profes, que “sabe máis o demo por vello ca por demo”) e continuamos crendo que se trata pouco este tema a nivel escolar, de xeito que queremos propoñer que para o que queda de curso e/ou para os vindeiros se organicen encontros e charlas informativas teóricas..., porque prácticas é escusado que as pidamos... A ver se mentres tanto se vai acercando o noso día e, cando chegue, intentaremos aplicar aquilo da cántiga:
“Unha noite no muíño
unha noite non é nada,
unha semaniña enteira
iso si que é muiñada”

Ilustracións de Karlota Salgado e José Manuel Brocos, 4º ESO


 
  Índice do nº 4 Arriba