|
Entrevista
a Víctor Mosqueira
Se vos falamos de Víctor
Mosqueira pode ser que non vos deades conta; pero
se recordamos algúns dos seus personaxes
seguro que xa vos decatades: el foi Taracido en
Mareas vivas, Cristóbal en Un
paso adelante ou o fantasma de As leis
de Celavella. Así a todo, comezou
a súa carreira de actor no teatro e, como
veredes, segue a preferir o teatro; primeiro formou
parte dos grupos coruñeses Trasno e Tespis;
logo viñeron Moucho Clerc, o Centro Dramático
Galego ou Ollomoltranvía. Con Evaristo
Calvo formou a compañía humorística
Mofa e Befa para dar “humor cañero”.
E despois viñeron as series de televisión
e o cine. Nestes días anda coa rodaxe da
película Para que non me esquezas
de Patricia Ferreira.
1.
Se tiveses que resumir a túa vida persoal
en cinco liñas, que contarías?
Nacín en Corme, na Costa da Morte. Medrei
na Coruña. Madurei en Santiago. Agora vivo
en Madrid. E despois?
2.
E a nivel profesional? Foron duros os comezos?
Os comezos foron divertidos, duros e incertos,
o mesmo que na actualidade. Esta profesión
sempre será así.
3.
De onde che vén esa vea artística?
Non sei, pode que de meu pai, que cantaba e era
moi divertido. A min, dende neno, sempre me gustou
facer rir a xente.
4.
Que recordos tes de cando tiñas os nosos
anos no instituto? Cóntanos algunha anécdota.
Eu fun ao Instituto Masculino “Salvador
de Madariaga” da Coruña. Sempre fun
un bo estudante e aprobei todo no BUP. Cando cheguei
a COU fixeron o instituto mixto e suspendín
cinco asignaturas !!
5.
Cales cres que son as túas maiores virtudes?
E defectos?
A miña maior virtude é que sempre
estou facendo cousas, non paro quieto. Tamén
é o meu maior defecto.
6.
Como definirías a Mofa e Befa?
Mofa e Befa é un comando de comedia contemporánea.
Son dous grans no cu da seriedade.
7.
Que tal a vida na capital? Acósante os
paparazzi... ou as mozas?
Afortunadamente estou lonxe de toda esa merdallada
da prensa e os programas do corazón. As
mozas, se me acosan, é para preguntarme
polos rapaces da serie.
8.
É difícil triunfar en Madrid con
acento galego?
É máis fácil triunfar con
acento “andalú” (Fernando Tejero)
9.
Que tal te levas con Cristóbal, o teu personaxe
de Un paso adelante? Identifícaste con
el?
Cristóbal é demasiado “miña
xoia”. Eu teño máis xenio,
¡ah! e non me gusta a docencia.
10.
E falando de adiantar... parecénos que
se están gravando máis capítulos
desta serie; poderiamos ter algún adianto...?
A miña participación na serie rematou:
casáronme e mándanme a Sevilla.
Son cousas dos guionistas (non debín pedir
aumento de soldo).
11.
Ultimamente vémoste metido na pel dun fantasma
en As leis de Celavella; como se sente un nun
papel tan "invisible"? Recórdache
algunha situación da túa vida real
na que tamén te sentiras así?
Eu síntome ben en calquera papel. Dicía
Lee Strasberg que non hai papeis pequenos senón
actores pequenos.
Cando me manifestei contra o goberno polo do “Prestige”
e pola guerra sentinme invisible ao ver a actitude
do goberno.
12.
Do teu paso por Mareas vivas, cal é o mellor
recordo?
Recordo con auténtico pracer as rodaxes
en exteriores, con bo tempo á beira do
mar, con Miguel de Lira ou na autocaravana con
Evaristo Calvo.
13.
En xeral, cal foi o teu personaxe preferido e/ou
o que che deixou máis pegada?
Agardo que o meu personaxe favorito aínda
estea por vir. Polo de agora téñolle
moito agarimo ao Arlecchino que fixen na obra
Commedia. Un xoguete para Goldoni de
Ollomoltranvía no 92/93. Foi marabilloso
poder facelo porque este personaxe é a
esencia do xogo teatral.
14.
Prefires o teatro ou as series de televisión?
Teatro sempre, porque sempre é en directo,
de verdade.
15.
Que opinión che merece o panorama teatral
galego da actualidade? E o televisivo?
Ultimamente estou bastante desconectado e non
debería opinar, pero mentres non se fale
del, como se falou do teatro independente catalán,
será pobre. En canto á parrilla
de programación da TVG, considero que deberían
quitarlle esa capa de graxa de churrasco rancio.
16.
Finalmente, un secreto inconfesable...
Cústame (con “c”) facer entrevistas.
Sabrina
Salgado, Ana Mª Vilariño, Ariana Torres
e Laura Vázquez, 1º BACH
|