14
 
Na evolución da homosexualidade, avanzamos cara a unha libre aceptación ou simplemente retrocedemos co paso do tempo?
Se botamos a vista atrás, descubririamos que, xa nos séculos anteriores ao nacemento de Cristo, personaxes coñecidos mantiñan relacións con persoas do mesmo sexo, sen que isto fora motivo de rexeitamento polos demais. ¿Por que selo agora? A xente vese condicionada, ademais de polos valores tradicionais, por influencias relixiosas e políticas que non permiten a súa aceptación. No ámbito eclesiástico, nunca se consentirá a ruptura dos valores establecidos que o recoñecemento da homosexualidade suporía. Moitos éxitos logrados no plano cultural foron obra de homosexuais non recoñecidos na súa época como Federico García Lorca, Luís Cernuda, etc., condición que se aventura por feitos biográficos, históricos e pola análise das súas obras.
Que mellor que unhas entrevistas feitas a persoas de diferente condición sexual nun chat para exemplificar o estado actual desta cuestión:


 
 
 

MOZO HOMOSEXUAL DE 18 ANOS

- Como descubriches que es gay? Como o aceptaron os demais?
- Pois dende pequeno notei que me gustaban os rapaces. Só o sabe un amigo e tomouno ben.

- Cres que a túa familia o aceptaría?
- Só miña nai.

- Como definirías a homosexualidade?
- Ante todo, non é unha ENFERMIDADE.

- Que pensas da xente que opina iso?
- Desgraciadamente hai moita. Dende pequenos inculcanlle valores tradicionais e custa moito cambialos.

- Por que non llelo dis a todos? De que tes medo?
- Espero o momento para dicilo. Medo a que non o acepten e me dean de lado. Aí vese quen son amigos de verdade.

- Tiveches algunha relación con algunha rapaza? Como te sentiches?
- Si, non é que me dera noxo pero non é o que me gusta.

- Sentícheste algunha vez discriminado?
- Si, por xente pouco tolerante. Haina de todas as idades, máis ben homes pero tamén mulleres.

- Que che parece o proxecto de lei do goberno referente ao dereito de matrimonio e adopción por parte dos homosexuais?
- Loxicamente, parécenme ben as dúas. Calquera parella que se quere desexa formalizar a súa relación.

- Non che parece que se todos fan coma ti, ocultan a súa verdadeira condición sexual, a sociedade nunca cambiará?
- Si, en certa parte tedes razón pero non é fácil dicilo abertamente.

 


 

 
 

MOZA HOMOSEXUAL DE 21 ANOS

- Como descubriches que eras lesbiana? Como o aceptaron os demais?
- Non sei, atráenme as tías, é moi raro de explicar. Soubérono o domingo e moi ben; menos mal, porque non aguantaba máis. Sábeno os meus amigos máis cercanos. Da miña familia, só meu curmán.

- Como definirías a homosexualidade?
- Como unha cousa moi normal, eu penso que te namoras da persoa, non do que ten entre as pernas, aínda que iso vén no lote.

- Que opinas da xente que pensa que a homosexualidade é unha enfermidade?
- Que son eles os que están enfermos; meu pai pensa así, así que o día que o solte na miña casa…

- Por que non llelo dis a todos? De que tes medo?
- De miña nai, de que lle dea un infarto á pobre muller, de que a decepcione ou algo así, que miña nai é moi tremendista.

- Tiveches algunha relación con algún rapaz? Como te sentiches?
- Si, rara.

- Sentícheste algunha vez discriminada?
- Non, “never in the life”.

- Que che parece o proxecto de lei do goberno referente ao dereito de matrimonio e adopción por parte dos homosexuais?
- Paréceme xenial, todo o mundo ten dereito a recibir o mesmo trato.

- Non che parece que se todos fan coma ti, ocultan a verdadeira condición sexual, a sociedade nunca cambiará?
- Teño que ir preparando o terreo na miña casa, ás miñas amigas soltéillelo sen problema.



 

 
 
 

MOZO HETEROSEXUAL DE 25 ANOS

- Que farías se descobres que eres gay? Como cres que o aceptaría o teu entorno?
- Iso sería imposible, eu non podería ser iso, nin pensalo.

- Discriminarías a alguén por ser homosexual?
- Non o discriminaría, pero creo que non é normal o que fan. Simplemente, non me acercaría.

- Se alguén cercano a ti fose homosexual, preferirías que cho dixera ou que o ocultase?
- Sería mellor que mo dixera o antes posible, para que non fose demasiado tarde para curalo.

- Se un fillo teu che di que é homosexual, intentarías cambialo?
- Se un fillo meu me di eso, primeiro mátoo, e despois levaríao ao psicólogo ou algo así. Pero sería pouco probable.

- Como definirías a homosexualidade?
- Non sei, como un vicio.

- Que pensas da xente que opina que a homosexualidade é unha enfermidade?
- Estou de acordo. É unha enfermidade mental, máis ben; ou algo do ADN.

- Que che parece a lei de Zapatero?
- Pois non me gusta. Non poden ter os mesmos dereitos. Cada un que viva como queira, pero de aí a que poidan casarse e ter fillos…

 


 

 
 

MOZA HETEROSEXUAL DE 18 ANOS

- Que farías se descobres que es lesbiana? Como cres que o aceptaría o teu entorno?
- Non estou no caso. Malísimo, non o aceptarían.

- Discriminarías a alguén por ser homosexual?
- Non, creo que son persoas coma nós.

- Se alguén cercano a ti fose homosexual, preferirías que cho dixera ou que o ocultase?
- Dáme igual, o que el decidise, pero sería mellor que mo dixese.

- Se un fillo teu che di que é homosexual, intentarías cambialo?
- Non, porque creo que non se dá cambiado, é algo por natureza.

- Como definirías a homosexualidade?
- Algo natural, “para gustos colores, para colores flores y para flores, maricones”.

- Que pensas da xente que opina que a homosexualidade é unha enfermidade?
- Que son eles os enfermos, non diferencian conceptos entre unha enfermidade e un feito natural.

- Que che parece a lei de Zapatero?
- Ben, porque teñen o mesmo dereito que unha parella heterosexual.

 

 
 
Por último, cabería citar os artigos 14 da constitución española e II-81 da europea para darnos conta de cómo debemos actuar na realidade:


“Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.”
“Prohíbese toda discriminación e en particular a exercida por razón de sexo, raza, cor, orixes étnicas ou sociais, características xenéticas, lingua, relixións ou conviccións, opinións políticas ou de calquera outro tipo, pertenza a unha minoría nacional, patrimonio, nacemento, discapacidade ou orientación sexual”.

Vanessa Abonjo, Ariana Torres e Laura Vázquez, 2º Bach.