A cidade de Éfeso sempre lle rendeu culto a Artemisa. Esta deusa, chamada despois Diana polos romanos, era soberana da selva (coidadiño con ela...!) e represéntase acompañada por unha cerva e armada con arco e frechas.
Na cidade construíron un templo dedicado a esta deidade. Queredes saber o que pasou con el? Pois seguide lendo... O famoso templo, unha das sete marabillas do mundo antigo, tiña 127 columnas (que non vos son poucas!) de 20 metros cada unha (imaxinádesvos?). Pero no ano 356 a.C. aparece un home, un tal Eróstrato...
Eróstrato era pastor e gustáballe máis a fama que as ovellas, e para conseguila, decidiu incendiar o templo de Artemisa. PODÉDELO CRER?! O Consello da cidade condenouno a morte e ademais prohibiu a todos os cidadáns que o seu nome fora pronunciado. Pero, aínda así, logrou o seu obxectivo xa que ata hoxe sabemos del, a pesar de que tamén lles demostrou aos homes que por cada Escopas hai un Eróstrato. Tranquiliños, agora vos explicamos! Escopas era un famoso escultor, é dicir, que por cada creador hai un destrutor. Entendedes? E por se non o sabiades, para os psicólogos o "complexo de Eróstrato" é o que padecen as persoas que queren facerse famosas por calquera medio, aínda que sexa delituoso.
Esta historia ten un epílogo. Vinte anos máis tarde, Alexandre Magno ocupa a cidade de Éfeso; tamén escoitou a historia do templo de Artemisa e descubriu que fora destruído o mesmo día en que el nacera... que coincidencia!
Quizá por iso decidiu reconstruír o templo que, ao rematar, contaba cun retrato do propio Alexandre pintado por Apeles, tan famoso cos pinceis como Escopas cos ciceis.

 

Texto:
Paula Cereijo, Paula Barreiro, Paula Calviño e Lucía Carballal, 4º ESO
 
   
volver