| |
|
Porque aínda temos moito que dicir e porque hai que ir cos tempos, naceu neste curso 2004-2005 camballón dixital, que pretende continuar o proxecto camballón.com que durante os catro anos anteriores editamos en papel e do que tamén podedes ver unha síntese electrónica nesta mesma web.
Que vos ofrecemos desta vez? Pois unha morea de cousas…, esperamos que entretidas e instrutivas. Por exemplo, continuamos tendo o privilexio de que escritoras de recoñecido prestixio se brinden a escribir para nós, neste caso foron Paula Carballeira e Rosa Aneiros; por suposto, tamén temos creadores/as no propio centro e xa veredes que repaso lle pegan ás Cruces… Parece que non anda o persoal moi satisfeito co concello a xulgar tamén polos artigos sobre a deterioración do medio ambiente e sobre o feísmo… Criticar é o primeiro paso, pero logo hai que actuar; así que cidadáns mozos, futuros gobernantes a ver como o mellorades vós…
Ademais deste repaso ao concello, mergullámonos tamén nas vosas cabezas e comprobamos, realmente preocupados/as, que entre o alumnado deste centro seguen pervivindo prexuízos e condutas machistas e violentas coas mulleres. Para mostra un botón: lede os artigos sobre a figura feminina nos contos tradicionais, as entrevistas no chat e á zoqueira Elena Ferro e mais Galiza emigrante: historia e… presente? e… reflexionade!!!
Xa estades cansos/as? Pois despois dun “descanso loxicamente matemático”, poderedes viaxar con Verne e Exupéry pola literatura francesa, recrear os ollos coa súa moda e degustar os produtos máis característicos de cada rexión.
Xa coa barriga chea, unha breve encrucillada lúdica e logo un salto ao pasado: turismo (de balde) polas sete marabillas do mundo antigo, repaso de Alexandre Magno e, como non, algo de Cervantes (que vaia o que sabía este dos seus antepasados…).
Que nos falta? Pois perder clase, claro que si; que mellor escola que a propia vida! Por iso rematamos co apartado de “Actividades extraescolares”; agora si que é turismo de verdade (por iso non é gratis): viaxes, troula, fotos, cotilleos e gana de máis… polo que se ve.
Así que… a navegar e que o noso mar de Vila de Cruces vos aproveite!
Aínda que, antes de rematar, quereriamos ter unha lembranza sincera e emocionada para Adriana, que nos faltou deste mar no mes de marzo. Para ela, estes versos de Celso Fernández Sanmartín, co corazón na man:
se un día ao erguerme de mañá cedo puidera ver que ti eras unha folliña
de amendoeira
poñeríame triste
pero poñeríame ledo por te poder recoñecer
e de te ver tan verde e en tanta compaña
recollendo a luz de polo día
choraría un pouco
e non querería entender unha cousa tan linda
|
|
|