| |
|
| |
| |
|
| |
 |
A ver que fas, coñeces o río Rubicón? Non me digas que non, que te coñezo. Pois logo dígocho eu: o Rubicón é un río que se atopa en Italia, máis concretamente no nordeste da Península Itálica. Ben, pois agora que xa sabedes do río, ímosvos contar unha historia que pasou en Roma hai unha pila de anos, e que lle aconteceu a César.
O río facía fronteira entre Italia e as Galias. Se César ousaba pasar o río, entrando en Italia en contra das ordes do Senado de Roma, declararíase unha guerra civil, así que o preparou todo en segredo. Un día colleu e mandou algunhas das súas tropas cara ao río; el, mentres tanto, seguiu coa súa boa vida todo o día para disimular, presidiu un espectáculo público, propuxo un plan para a construción dun circo de gladiadores, por se acaso ía Gladiator por alí, e participou nun festín dándose a eses praceres que a el tanto lle gustaban.
Xa con todo arranxado, mandou que lle preparasen o seu carro e con escasa garda, puxo rumbo cara ao río por escondidos camiños. Cando xa levaba un anaco perdido e cos fachos consumidos, abriu o día e atopou un guía que o levou ata o Rubicón, onde agardaban as súas tropas. Sentouse un anaco e púxose a cavilar e reflexionar nas consecuencias que podería traer o feito de cruzar o río e entón dixo:
|
“Aínda podemos volver, pero se cruzamos este río terase que resolver todo coas armas”.
|
|
Entón e, mentres permanecía sentado -posto que o home viña moi canso-, aconteceu algo prodixioso: apareceu un home fermoso e de boa talla que estaba sentado preto del tocando a frauta. O misterioso home encamiñouse cara ao río e, de súpeto, apareceu na outra beira. Foi entón cando César se decidiu a cruzalo, dicindo en latín: |
“Alea iacta est”, que significa “a sorte está botada”.
|
Despois de cruzar o río declarouse a guerra civil entre César e Pompeio. Finalmente, César foi o ganador e proclamouse ditador de Roma. E deste xeito remata a historia do paso do Rubicón, que mostra o que algunhas persoas poden chegar a facer por conseguir a FAMA.
|
Texto: Diego Fernández, José Ramón López, Sergio Balo e Diego Silva, 4º ESO
Ilustración: Noelia Montoto, 4º ESO
|
| |
|
|
|
|
|