| |
Pretendemos tratar os xogos infantís ós que xogaron
ó longo do século XX os nenos nun espacio moi
concreto da Galicia interior e rural, algunhas das aldeas do
concello de Vila de Cruces.
| |
 |
|
O
XOGO Ó LONGO DO TEMPO
Nas dúas primeiras décadas do século,
a comercialización de xoguetes de fabricación
industrial era impensable para a maioría da xente do
rural. Só unha de cinco persoas da nosa mostra (20%)
tiveron ocasión de posuír un xoguete destas
características na súa vida; tratábase
dunha boneca de lata que adquirira nunha das feiras que se
realizaban na vila. O restante 80% viu sempre os seus xogos
e xoguetes reducidos á súa capacidade de creación
e ós materiais que a natureza lle proporcionaba. Os
elementos predilectos dos homes eran os paos (a estornela,
a piña,
a xiringa),
piñas (piña),
táboas de madeira (carros),
nabos (carros),
cortiza dos salgueiros asubiotes
ou cabazos que, meténdolle unha vela no seu interior
e furándo de forma que semellase unha cara. No caso
das mulleres os máis empregados eran as espigas para
a construcción de bonecas
e, nalgúns casos algunha que outra tea para confeccionarlle
unha prenda de vestir.
Na década dos vinte os materiais máis empregados
polo sexo feminino eran paos ben feitos que logo recubrián
con distintas telas (bonecas);
conxuntos de trapos que se unían pola súa parte
central e cos que tamén conseguían o mesmo fin
e, ó mesmo tempo, os manoxos de distintas herbas, que
elas facían pasar por repolos e servían para
simular que os ían vender á feira da vila. Os
homes utilizaban nabos e madeiros para os carros,
paos (estornela,
piña),
pedras (pelotas) e os
cabazos.
Nos trinta, os rapaces seguían a xogar con carros,
aínda que se perfecciona o seu sistema de construcción
e engádense algúns materiais. Así pois
colócanlle unha manibela na súa parte dianteira
que lles permitirá conducir o con maior precisión
e tamén eixes de rodas máis seguros, así
como a introducción da cortiza entre os materiais de
construcción. É agora tamén cando se
empeza a diferenciar entre o concepto de carro
e o de caniza
ou rastroiro:
un carro leva rodas, mentras que os dous exemplos restantes
non (arrástranse), querendo dicir con isto que a construción
do primeiro é máis complexa e leva máis
tempo que a dos segundos. O tempo de xogo do que dispuñan
os rapaces experimenta un leve incremento.Outras constantes
no xogo deste sexo son a estornela,
a xiringa
ou os cabazos con velas no seu interior. Nas mulleres aparece
o juá
(canicas), comézase
a empregar a corda para saltar (comba)
e tamén se perfecciona a construcción das bonecas.
Estas últimas créanse a partires de paos que
se recobren de telas, logo pintábanse de vermello e,
finalmente, cravávaselle na cachola os pelos que xorden
nas espigas ("barba do millo"). Aínda que
hai que salientar que maioritariamente case todas as rapazas
desta época posuíron algunha que outra boneca
de pasta que mercaban cando alguén se desplazaba a
Santiago.
| |
 |
|
Os
rapaces dos cincuenta continuaron construíndo os mesmos
xoguetes a partires dos mesmos materiais, sen embargo chama
a atención a evolución que experimentaron os
"medios de transporte" dos máis cativos,
xa que é agora cando atopamos os primeiros datos sobre
a construcción de bicicletas de pao. A partires de
corcho e cortiza aparecen avións de xoguete e gracias
á maña dalgúns rapaces e as súas
respectivas navallas xorden imitación en miniatura
dos apeiros de labranza. O ferro tamén pasa a ser moi
utilizado para a confección de distintos xoguetes como
o aro.
As mulleres, con menos afán constructivo, limitábanse
a seguiren coas bonecas de espigas, pedras ou trapos; aínda
que si destaca a introducción da
goma
no xogo, unhas gomas elásticas que había
que saltar e que lle sacaron bastante protagonismo á
comba
habitual.
| |
 |
|
A
partir dos cincuenta apréciase un lixeiro cambio, posto
que parece que se empeza a superar a crise da posguerra e
os rapaces e rapazas parecen non verse tan obrigados a unha
creatividade constante, empeza a diminuír a presión
do traballo, e faise máis común ver xoguetes
de fabricación industrial nas casas. Nótase
unha certa predilección polos xogos en vez de polos
xoguetes, xa que hai que sinalar, que a estas alturas ambos
sexos compartían maior número de actividades.
Na seguinte década (1960) nótase a influencia
da emigración cara a Europa nos xoguetes, xa que moitos
rapaces e rapazas reciben novidosos artiluxios que familiares
emigrantes traen consigo cando retornan a Galicia de vacacións.
Aínda que xa sabemos que a emigración foi durante
o século XX unha constante para Galicia, na súa
primeira fase (1910-1960) os emigrados non aportan obxectos
novidosos para a súa terra natal porque poucos son
os que se deciden a regresar; por iso a condicicón
de cercanía que aporta a emigración a Europa
fai que moitos visiten o seu espacio natal e traian consigo
novidades.
| |
 |
|
Os
que naceron nos 70 viron cambios de todo tipo, comezando polo
cambio de réxime político. No rural fanse moi
populares as "cabañas"
que os rapaces construían con distintos materiais,
sen embargo, déixanse de crear carros e xogos como
o xadrez, damas,
a televisión ou incluso a lectura pasan a formar parte
do tempo de lecer dos cativos. É evidente que este
tempo nada ten que ver co de décadas atrás,
posto que agora os rapaces apenas traballan e adican moito
máis tempo ó xogo, un xogo que, sen embargo
é menos creativo. Nos xogos das rapazas máis
que utilizar materiais, teñen máis importancia
a fantasía e imaxinación.
Nas dúas últimas décadas, os rapaces
e rapazas teñen todo feito e apenas crean xoguetes
por si mesmos, teñen tempo e desaprovéitano,
teñen posibilidades e non as desenvolven.
¿A
QUE SE XOGA E CON QUEN?
Neste apartado incluiremos os "conflictos" sexuais
á hora de xogar. A escola é o principal culpable
de que na maior parte do século no rural existise unha
división rapaces/rapazas.
O sexo masculino e feminino non son polos que se repelen e,
sen embargo, durante máis de medio século a
sociedade galega do rural estivo sometida a unhas pautas prefixadas.
Durante as dúas primeiras décadas a escola era
no rural case inexistente para a maioría. Pois ben,
esta maioría que non a pisou recorda como compartiu
os seus xogos co sexo oposto, sen embargo os poucos que se
podían permitir o luxo de ter unha mínima alfabetización
xa comezaron a ter uns fortes prexuízos que os marcarían
para sempre. Na enquisa queda claro que somos producto dunha
educación que leva implícitos, aínda
nos nosos días, uns fortes roles sexuais que son capaces
ata de determinar a forma de xogo na infancia dun neno coa
finalidade de encamiñalos cara o papel que nun futuro
terán que desenvolver como home ou muller. Os xogos
máis frecuentes nesta época eran a estornela,
a chave,
o agachadoiro,
a raíña
ou a pillada.
A alfabetización, a pesar de ser escasa e ineficiente
en contidos, cada vez chega a máis número de
fogares. Así na década dos vinte xa se crean
escolas unicamente de rapaces ou rapazas. No contexto no que
eu traballei a escola dos nenos situábase na Brea e
a das nenas en Cerdeiriñas, aínda que tamén
había algunhas escolas mixtas como acontecía
na parroquia de Ollares. Sen embargo a escola, ó mesmo
tempo, era un foco moi importante de castelanización
por iso os xogos que se practicaban nos recreos, principalmente
o das nenas, eran sempre en castelán, como por exemplo:
"El
patio de mi casa", "A
la rueda rueda", "El
cocherito leré" ou "Ambo
a tu" entre outros. Os nenos na escola
xogaban principalmente ás agachadillas
e á comba.
Xa fóra desta institución a separación
seguía, pero aínda así había unha
maior liberdade. As rapazas xogaban fundamentalmente a imitar
funcións ou oficios dos adultos: amas de casa, profesoras,
simular que ían á feira. O sexo oposto tiña
un afán constructivo de diferentes xoguetes.
| |
 |
|
 |
|
Nos
anos trinta a escola seguía a ser un luxo, non
se ía todo o día nin todos os días.
Estas foron épocas duras, sobre todo pola presencia
da Guerra Civil española que provocou un alto índice
de orfos. Referente ós xogos non hai gran diferencia,
segue habendo esa gran separación entre os dous
sexos e é nesta década cando atopamos por
primeira vez xogos do estilo da semana,
ruleta ou mariola. Un dato interesante
é o factor Igrexa tamén, neste caso cun
matiz positivo, posto que puña en contacto os domingos
a rapaces e rapazas nas carreiras que o párroco
realizaba despois do catecismo e antes da misa.
Os nenos e nenas dos cuarenta e cincuenta experimentan
de novo nalgúns lugares un certo achegamento aínda
que xeralmente a distancia séguese impoñendo.
O lugar de Ollares posuía unha escola mixta, e
nesta parroquia observamos que os enquisados pertencentes
á década dos 40 e 50 comezan a compartir
determinados xogos como a pillada,
as agachadas,
o manro,
cerdeiriñas,
a pita
cega...Sen embargo, en parroquias como
Piloño este feito non se dará ata entrados
os sesenta. |
É
na década dos sesenta cando vemos unha maior alfabetización,
posto que se fai obrigatoria a ensinanza, isto terá
agora sí fortes consecuencias lingüísticas
que chegan ata os nosos días. Ata agora dicíamos
que na escola se empregaba o castelán pero, pola excasa
asistencia dos rapaces a ela este factor non conseguiu variar
as condicións lingüísticas do alumnado.
Sen embargo, cando esta se fai obrigatoria a mensaxe discriminatoria
sobre o uso do galego comeza a ser unha constante na vida
dos nenos, constante que non se ve reflectida directamente
á hora de falar diariamente pero, sen embargo, si nos
xogos; os rapaces (sobre todo as rapazas que eran as que imitaban
maioritariamente profesións adultas) comezan a falar
en castelán. Isto non é sorprendente se sabemos
que a maioría dos mestres que impartían clases
eran mulleres. Sen embargo, os homes, máis respectados
no campo, estaban máis a gusto coa súa forma
de vida ou polo menos miraban con mellores ollos o seu futuro
no campo, por iso sendo nenos quizais o castelán non
entrara tanto nos seus xogos. As diversións seguen
a ser practicamente as mesmas: mariola,
a comba,
patadilla,
goma,
pañuelito,
pasimisí,
casitas. Estes rapaces,
seguindo o exemplo dos da xeración anterior, xogarán
sen separación de sexos.
| |
 |
|
A
década dos setenta é moi importante en todos
os ámbitos debido ó final do réxime franquista
e o establecemento dunha democracia. O ensino convértese
en obrigatorio e, máis tarde, o galego pasa a ser unha
materia obrigatoria para todo o alumnado. Sen embargo, non
pensemos que isto repercutiu nos rapaces/as nados na década
anterior (os primeiros que experimentaron os cambios) nin
nas seguintes á hora de empregar unha lingua distinta
nos xogos. Os xoguetes "industriais" son cada vez
máis comúns nos fogares da xente da aldea e
a imaxinación comeza a xogar un papel de menor importancia.
Así e todo, o contacto coa natureza é inevitable
e sobre todo os rapaces comezan a construír cabanas
nos montes. Por ouro lado tamén hai que nomear distintos
deportes que a modo de xogo se foron apoderando do tempo libre
dos máis cativos, sobre todo o brilé
e o fútbol. Finalmente,
é moi destacable que nesta década e mais na
seguinte atopar nos datos das enquisas unha nova separación
de sexos á hora de xogar. Isto último non pasará
nos noventa; primeiro porque os poucos xogos que se realizan
en contacto co rural participan en todos eles e con case plena
igualdade homes e mulleres; por outro a existencia dun novo
xénero "as máquinas" (videoxogos,
consolas, ordenadores)
que cada vez substitúen máis as persoas de carne
e oso e fomentan o xogo individual.
Nos oitenta e dos noventa a casa tirouse pola fiestra; os
rapaces cada vez son menos sociables; os xogos cada vez son
menos imaxinativos; o malgasto económico neles é
enorme; os rapaces xa non atopan a diversión; a sinxeleza
desapareceu. O castelán é a lingua feminina
prioritaria para o xogo. O noso rural está a perder
a esencia dos seus xogos pola contaminación do mundo
urbán e industrializado.
|
|