| |
|
|
|
|
OS ACTORES, O CORO,
AS
INSTALACIÓNS E A TREMOIA
|
|
| |
|
OS
ACTORES
|
| |
O
número de actores que tomaba parte nunha traxedia antiga
foi variando a medida que evolucionaba a técnica do drama.
Desde que Tespis puxo en escena o primeiro (o protagonista),
inaugurando a historia do teatro, transcorreron varias
décadas ata que Esquilo introducise un segundo actor (o
deuteragonista). Pouco máis tarde, Sófocles engadiu un
máis (tritagonista), co que o seu número quedou fixado
en tres, cifra que se mantería inalterábel ata
a desaparición da traxedia grega antiga. No caso da comedia,
é probábel, aínda que non seguro, que interviñera
tamén un cuarto actor. Así e tod, non debemos confundir
o número de actores co número de personaxes, pois un mesmo
actor, cambiando de máscara e indumentaria, facíase cargo
de varios papeis. |
Ademais dos actores propiamente ditos, é dicir,
os que se facían cargo dos parlamentos -diálogos
e, ocasionalmente, monólogos-, tamén tomaban parte
no drama os chamados akolouthoi, unha especie
de actores secundarios con presencia física no escenario
pero que representaban personaxes mudos. Todos os
actores eran homes, de xeito que tamén os papeis
femininos eran interpretados por varóns. Segundo
foran as necesidades do caso, colocábanse por debaixo
das vestiduras recheos xa preparados para simular
formas de muller. Tamén o calzado que utilizaban
os actores era especial. Como a traxedia puña en
escena sobre todo heroes, cando non deuses, xulgábase
adecuado presentalos máis altos ca os homes correntes.
Para acadar ese efecto botábase man de zapatos de
sola e tacón moi elevados, os chamados coturnos.
|
|
|
Estes
zapatos tiñan ademais, a particularidade de non distinguir
entre pé dereito e esquerdo, de xeito que podían calzarse
indistintamente nun ou noutro. Por iso, na linguaxe popular
tachábase burlonamente de"coturnos" ás
persoas que con facilidade cambiaban de opinión, sobre
todo en política. Nas comedias, polo contrario, os actores
calzaban zapatillas de la de sola baixa. |
|
|
Non
obstante, o elemento máis importante e característico
do vestiario sempre foi a máscara, distinta a tráxica
da cómica e adaptada a cada personaxe. O uso de
tales adminículos por parte dos actores é moi raro
no teatro da nosa época, pero constituía a norma
nos primeiros tempos do drama. Acerca do valor simbólico
da máscara moito é o que se ten dito, pero ese é
un longo e interesante debate teórico no que non
imos entrar, conformándonos con anotar un par de
funcións prácticas. Unhas poucas liñas máis arriba
deixamos dito que un mesmo actor representaba varios
papeis, incluso os femininos. |
|
O uso da máscara, pois, tiña a vantaxe de permitir que
os personaxes non se identificaran co rostro do intérprete.
Por outra parte, aínda que, como é evidente, excluía a
xesticulación, axudaría a mellorar a percepción visual
do público, se temos en conta que os teatros antigos non
só eran descubertos e considerabelmente máis grandes ca
os actuais senón que ademais, as representacións
se desenvolvían con luz solar, resultando imposible illar
o escenario e guiar a atención do espectador por medio
de iluminación artificial, algo que parece obvio na escena
contemporánea. |
| |
|
O
CORO
|
| |
Durante
o primeiro período do teatro antigo, o coro tráxico
estaba formado por doce integrantes. Sófocles, que
como vimos aumentou o número de actores a tres,
elevou tamén a quince o número de compoñentes do
coro. En cambio, o coro da comedia era máis numeroso,
contando con vinte e catro membros. Cada coro tomaba
parte só na representación dunha obra, de xeito
que para a posta en escena dunha tetraloxía facían
falta catro coros, sesenta homes en total.
Os
seus ensaios - que eran moi complexos, pois debe
terse en conta que un coro grego antigo non só cantaba
senón que tamén recitaba e danzaba - eran dirixidos
polo propio autor, que tamén dirixía os actores.
O coro facía a súa aparición na orchestra inmediatamente
despois do prólogo e alí permanecía ata o final
do drama. |
|
|
A
diferenza do ditirámbico, que se dispuña en círculo, o
coro tráxico adoptaba unha formación rectangular e, en
certos momentos da representación, podía dividirse en
dúas partes para establecer un contrapunto de voces. A
súa indumentaria variaba segundo o que representase na
obra (coro de anciáns, de mulleres, etc.), o cal, no caso
da comedia daba aínda máis xogo á imaxinación ca na traxedia,
considerada a extravagancia de moitos dos seus coros (aves,
avespas, ras, etc.). Na comedia antiga o coro ía vestido
de forma que hoxe podemos considerar grotesca, con atributos
sexuais claramente destacados nos personaxes masculinos
e abundante recheo nos femininos. Estes hábitos comezaron
a abandonarse a partir do século IV a.C., para desaparecer
por completo na época da comedia nova. Sen dificultade
pode comprenderse que tamén o carácter do coro difire
segundo se trate de comedia ou de traxedia. Mentres no
primeiro caso é alegre e ocorrente, no segundo é grave
e serio. O coro tráxico comparte a dor dos personaxes,
comenta a acción e reflexiona sobre os acontecementos,
pero non ten poder para intervir neles ou cambiar o seu
curso, como tampouco o teñen os espectadores, a quen,
dalgunha maneira, o coro reflicte sobre o escenario. En
cambio, o coro da comedia toma aberto partido en prol
ou en contra do protagonista e, se ben non determina o
desenlace, defende as súas posturas con acaloramento case
pendencieiro. |
| |
|
|
| |
|
AS
INSTALACIÓNS
|
| |
|
O
teatro tivo a súa orixe en espectáculos máis antigos
que tiñan lugar ao aire libre. A medida que se
foi desenvolvendo, foi tamén dotándose de instalacións
estables de certa complexidade, pero - a diferenza
dos odeóns, construídos para a audición de música -
continuou sendo un espazo descuberto. No centro do
teatro antigo atópase a orquestra, un espazo
circular ocupado polo coro, e no seu centro a thymele,
o altar consagrado a Dionisos.
Nos primeiros tempos, o público asistente apiñábase
arredor da orquestra. Máis adiante, comezaron a escollerse
sitios que tivesen ladeiras contiguas para mellorar
o campo óptico dos espectadores, pendentes naturais
que logo foron aproveitadas para construír asentos,
de madeira ao principio e máis tarde de pedra. Esta parte
do teatro, é dicir, as bancadas onde se acomodaba o
público, era denominada koilon.
|
|
|
Coa
aparición dos actores e as necesidades xeradas polos
seus cambios de indumentaria, levantouse detrás
da orquestra unha pequena edificación, a skené.
Diante da skené había unha tarima duns oito metros
de largo por tres de fondo, o logeion ou "parladoiro", chamada así porque desde ese lugar
pronunciaban os actores os seus parlamentos. Finalmente,
tamén se sacaba partido da parte superior da skené,
utilizándoa para a aparición de personaxes divinos
ou incluso humanos, se a obra o requiría, como o
vixía do prólogo do Agamemnón de Esquilo. |
|
En
resumo, as instalacións dun teatro grego antigo dividíanse
en tres partes principais: 1) a orquestra, co altar
de Dionisos no centro, onde se despregaba e bailaba o
coro; 2) a skené, para o traballo dos actores;
3) o koilon, para os espectadores. |
A
estrutura do teatro antigo completábase cos párodos,
dous corredores emprazados entre a skené
e o koilon polos que entraba e saía o público,
pero tamén o coro e os personaxes da obra que se
supuña chegaban ben desde a cidade ou o porto (caso
no cal entraban pola dereita do espectador), ben
desde o campo ou dunha cidade estranxeira (entrando
entón pola esquerda). |
|
|
En
Atenas, o teatro máis importante era o de Dionisos, situado
no costado sur da Acrópole e cun aforo superior aos vinte
mil espectadores. As instalacións do teatro antigo non
permanecían desaproveitadas cando non había representacións
dramáticas; polo contrario, utilizábanse para albergar
actividades públicas de moi variada especie, algo claramente
comprensíbel se se considera que aquelas non o
ocupaban máis ca uns poucos días ao ano. |
| |
|
A
TREMOIA
|
| |
O
teatro antigo carecía dun elemento moi corrente no de
épocas posteriores, o pano, pero contaba, para a representación
dos seus dramas, con diversos tipos de maquinarias ideadas
para producir efectos ópticos ou auditivos. Delas, as
máis importantes eran as seguintes:
1) A mechané, literalmente a "máquina", enxeño
semellante a un guindastre sobre o cal, de pronto, facía
a súa aparición aérea un deus cando había que resolver
unha situación tan embrollada que xa no parecía ter saída.
Do seu uso, e en ocasións abuso, procede a coñecida expresión
do comediógrafo Menandro ou "deus ex machina" na súa versión latina.
2) Os períaktoi, ou "rolos", dous cilindros de
madeira que ao xirar permitían cambiar a escenografía.
De todas maneiras, os decorados eran sinxelos e limitábanse
a representar catro tipos básicos de ambiente: o templo,
o palacio, a tenda do xefe do exército e algunha paisaxe
rural ou da costa.
3) O ekkyklema, ou "rodete" unha plataforma xiratoria
que permitía presentar ante o público cousas que sucederan
fóra do escenario. Aínda que non exclusivamente, utilizábase
sobre todo para mostrar cadáveres, xa que se consideraba
inadecuado que as mortes se producisen ante os ollos do
espectador.
4) Os bronteia ou "tronadores", destinados a imitar
o son do trono, que como é sabido era atributo
de Zeus, o primeiro entre os deuses.
Ademais destes aparatos, hai quen cre que as máscaras
dos actores dispuñan dalgún dispositivo que permitía aumentar
o volume dos sons, pero trátase dun punto que non se ten
demostrado de xeito determinante. Por outra parte, a acústica
dos teatros antigos, na maioría dos casos permitía unha
audición de notábel calidade, incluso nas filas
de asentos máis afastadas do escenario. Se tedes a fortuna
de atoparvos algún día, por exemplo, en Epidauro, poderedes
comprobalo vosoutros mesmos poñendo en práctica un dos
trucos predilectos dos guías turísticos: sentados no máis
alto das gradas, oiredes con absoluta nitidez o ruído
ferinte do papel que, moitos metros máis abaixo, un compañeiro
voso resga na orquestra. |
| |
|
|
|
|
|
|
|