páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 


arriba!

 
 
 
ROMA
E HISPANIA
 
BRUTO PERO MEMORÁBEL
 
Mellor non mollarse os pés porque pode un acatarrarse. Sobre todo se se era grego ou romano, que os infernos dos antigos eran moi húmidos, con pouco lume e bastante auga: a lagoa Estixia, de augas tan corrosivas que só podía conterse en vasos feitos de pouta de asno, o río Aqueronte, cos seus peiraos onde atracaba a barca de Caronte, patrón malhumorado que nunca colle vacacións..
Máis apracíbel que os anteriores, o Letes era outra corrente que unha alma atopaba no seu camiño. Xa se despoxara do corpo, demasiado torpe para un mundo de espíritos; agora tocaba liberarse doutro pesado lastre: os recordos - porque non hai eternidade feliz se a cada instante nos roe a nostalxia do pasado. Esa era a función dese río que os gregos chamaron Letes, "esquecemento". Uns groliños das súas augas e borrón e conta nova. Naturalmente, nada disto parece que afecte á vida terreal e cotiá. E porén...


Corrían tempos duros na Península Ibérica. Durante case unha década as hostes do caudillo lusitano Viriato trouxeran de cabeza ás lexións romanas. Pero onde non alcanza a espada chegan os cartos.
Adozados pola perspectiva dunha rica ganancia, tres lugartenentes do xefe rebelde acaban coa súa vida e libran á potencia invasora dun molesto inimigo. Suponse que ao presentarse ante o cónsul romano Cepión a reclamar a súa recompensa polos servizos prestados, contestóuselles aquilo tan famoso de "Roma non paga traidores", aínda que parece que a resposta non foi exactamente así.

En calquera caso, isto ocorría no ano 139 a.C. Ao seguinte, prodúcese a substitución dos mandos militares e dende a capital da que aínda era República romana, envíase a un novo cónsul.
O seu nome é Décimo Xunio Bruto e o seu cometido acabar coa resistencia lusitana. Para iso estabelece o seu cuartel xeral en Olisipo, emprazamento que co tempo e o favor dos fados se convertería na cidade de Lisboa. Dende alí, Bruto ponse en campaña sen tardanza e marcha en dirección ao Doiro.

A morte de Viriato foi un duro golpe do que a poboación autóctona non logrará reporse, pero non por iso todo o monte é ourego. No verán de 137 o comandante romano e as súas lexións saen triunfadores dun sanguento combate no que os lusitanos contaron co apoio duns aliados do norte.

Así o conta o historiador Orosio: "Bruto, na Hispania Ulterior, derrotou a sesenta mil Gallaeci, que viñan para auxiliar aos Lusitanos, nunha batalla cruel e difícil".

Quizais estimulado polo enfrontamento con eses Gallaeci, Bruto decidiu internarse nas terras setentrionais, tan descoñecidas para os romanos. Á fronte das súas tropas chegou á beira dun río e decidiu vadealo. Pero, entón, sucedeu algo inesperado. As súas disciplinadas lexións, que non dubidaran xamais en executar as súas ordes por grande que fose o risco, de súpeto negábanse a obedecelo.
Todo o mundo ficara petrificado. Ninguén ousaba dar o primeiro paso. Aquel non era un río calquera. Na lingua nativa chamábano Limia, que era como dicir en latín Oblivia ou en grego Letes... Ademais, os veteranos que serviran na Bética coñecían as historias do que ocorrera cunha incursión dos Túrdulos, pobo do sur: pasaron o río, atordaron e non regresaron nunca as súas comarcas, bañadas polo sol e propicias para a oliveira.

Hai que comprender ao lexionario. A calquera de nós ao que lle dixesen "Pasa", sabendo que na outra beira agarda o máis alá contestaría, "Que queres que che diga... eu aquí estou a gustiño".
Tamén Bruto o comprendeu e en lugar de rabiar inutilmente, arrebatou o estandarte de mans do signífero, esporeou ao seu cabalo e botouse ao río. Xa na outra beira, chamou aos seus oficiais un por un, comezando polo seu praenomen, seguindo polo seu nomen e finalizando co seu cognomen (que no seu caso eran, respectivamente, Décimo, Xunio e Bruto). Non contento con iso, unha vez que rematou cos oficiais seguiu cos soldados sen esquecer un só deles, xa fosen altos, baixos, tímidos ou lingoreteiros - co que deixou ben patente que non só conservaba a memoria senón que a tiña realmente prodixiosa.
De máis está dicir que o exército, avergoñado, cruzou o río e seguiu ao seu memorábel comandante. De xeito que naquel ano de 137 a.C. os romanos penetraron por primeira vez no territorio de Gallaecia, grazas ao sangue frío e ás dotes mnemotécnicas do cónsul Décimo Xunio Bruto, polo que foi premiado co nome honorífico de Callaicus.

Porén, non ficou moito tempo por aquí. Cando estaba acampado nas proximidades doutro río, o Miño, sufriu un ataque non demasiado heroico pero tan eficaz que o obrigou a baterse en retirada.
Os nativos roubáronlle todas as provisións e a famélica lexión non tivo máis remedio que retornar ao sur, soñando coas cazolas de Olisipo.
 
Roma e Hispania | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es