páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
 
GRECOMITOSE
NA GALLAECIA
 
TEUCRO E PONTEVEDRA (I)
Quen teña estado en Pontevedra capital coñecerá, seguramente, a Praza do Teucro, en pleno casco vello.
Se o visitante chega aquí por primeira vez, é moi probable que o nome lle chame a atención e se cadra pense que a súa orixe deba atribuírse á afección polos clásicos dalgún alcalde decimonónico. Sería, logo, comprensible e razoable que se formase expectativas de atopar novas, e por que non dicilo, máis conspicuas, reminiscencias helénicas en rúas e paseos.
Sen embargo, despois dun anaco de camiñada, poderá comprobar que non lle aparecen a Teucro compañeiros nin en concorridas rúas, nin en apartados recunchos e, ademais, ó longo da súa pesquisa irase atopando con distintos comercios e algunha institución deportiva que insisten en evocar o arqueiro grego. Agora si que non sae da súa sorpresa.
Praza do Teucro, 1919
¿Como é posible que aquí, a case tres mil quilómetros da Hélade, se conserve memoria deste heroe secundario e non se atope, polo contrario, a menor mención ás grandes figuras, literarias ou mitolóxicas, do pobo que sentou as bases da cultura europea? O enigma éo só en aparencia. Ó azorado turista abondaralle con preguntar e axiña se fará a luz no seu cerebro. Verdadeiramente, incluír este personaxe no nomenclátor urbano era o mínimo que o concello podía facer, posto que se trata nada menos que do mesmísimo fundador da cidade. Segundo a lenda, claro; pero é que o mundo paralelo da fantasía non só pode, en ocasións, ser máis rico en aventura có real, senón incluso, como é agora o caso, estar mellor documentado.
Pero, quen é o noso Teucro?
de Pontevedra? Que fixera
Como chegou ata a ría
antes e de onde procedía?
Como dixo Aristóteles, comecemos polo principio.
Naceu en Salamina, a illa que se atopa fronte ó Pireo, o porto de Atenas, bañada polas augas nas que tivo lugar, no 480 a. C., unha batalla que resultou decisiva para o mantemento da independencia dos estados gregos e, xa que logo, para a historia de occidente.
Pero Teucro non tomou parte nela, porque viviu uns oitocentos anos antes daqueles días.O seu pai, Telamón, era o soberano do lugar. Sen embargo Teucro non era o seu herdeiro.Por dous motivos: primeiro, porque tiña un irmán maior, o gran Aiax, probablemente o guerreiro grego máis destacado da súa época despois de Aquiles; segundo, porque era fillo dunha escrava, é dicir, ilexítimo...
Salamina, patria de Teucro
Claro que esa escrava, en mellores tempos, fora princesa, e non dalgunha escura rexión senón da celebérrima Troia, sé dunha casa real fundada sete xeracións antes por outro Teucro, lonxano antepasado do cal o noso toma o seu nome, coincidencia esta que ás veces induce a desafortunadas confusións. En calquera caso, a súa triste condición de bastardo parece ter influído negativamente nas relacións co seu pai, suxeito áspero e insulso que segundo Sófocles,"nin sequera candoas cousas lle van ben está disposto a rir". Polo contrario, Teucro mantén un estreito vínculo afectivo co seu medio irmán, Aiax, e o agarimo que se profesan é recíproco e profundo.
Aquiles e Aiax xogando ós dados
Xuntos marcharán á guerra de Troia, onde Teucro se atopará na curiosa e turbadora situación de combater ó lado dos seus, é dicir, no bando grego, e, ó mesmo tempo, en contra dos seus, posto que Príamo, rei de Troia, é tamén o seu tío materno. Teucro non desempeña na Ilíada o papel relevante das grandes figuras do exército grego -como Aquiles, Aiax, Diomedes, Odiseo ou Agamenón- pero é, sen dúbida, un guerreiro destacado de quen Idomeneo, rei dos cretenses, afirma, sen que ninguén o desminta, que "é o mellor dos aqueos na arte de disparar co arco e esforzado tamén no combate corpo a corpo" (Il, XIII, 313-314).
Pero o xiro definitivo na vida de Teucro sobrevirá o décimo e último ano da permanencia en Troia.
Estatua de arqueiro de A. Bourdelle
O seu irmán Aiax acabará suicidándose a consecuencia dunha confabulación urdida na súa contra polos Atridas, Agamenón e Menelao, en conivencia con Odiseo, e Teucro, ausente no momento de producirse a morte, deberá enfrontarse con eles, os máis poderosos do exército grego, para salvagardar a honra do seu irmán e o seu dereito a recibir sepultura, asunto fundamental nas crenzas relixiosas dos antigos e tema moi apreciado por Sófocles, autor da traxedia Aiax, á que debemos a meirande parte da nosa información acerca deste episodio.
Terminada a guerra, Teucro regresa a Salamina. Pero aló, lonxe de ser benvido, deberá facer fronte ós reproches e a cólera do seu pai, que o considera responsable do lamentable final de Aiax e que o expulsa dos seus dominios, de modo que se ve obrigado a emprender o camiño do exilio, non sen antes consultar o oráculo:

"Onde queira que nos leve a fortuna, máis benevolente có meu pai,
iremos, camaradas e compañeiros;
non hai por que desesperar sendo guía e augur Teucro, pois
a Teucro o infalible Apolo prometeulle
que habería nunha nova terra unha equivalente Salamina.
¡Oh esforzados varóns que a miúdo comigo soportastes
peores transos, afastade agora co viño as preocupacións:
mañá de novo fenderemos a inmensa chaira do mar!"
 
Deste xeito, segundo o poeta latino Horacio (Odas, I, VII), arengaba Teucro a súa tripulación a véspera de comezar o periplo que acabaría traéndoo ás Rías Baixas. Pero aínda había moito que remar antes de botar áncora na desembocadura do Lérez.
A intención de Teucro era dirixirse a Chipre. Máis lle valera poñer proa cara á illa pola ruta do norte, a máis dereita, pero o seu afán de realizar unha nova consulta ás voces divinas impulsouno a fondear con anterioridade nas costas exipcias, onde o esperaba unha sorpresa tan inesperada coma desagradable.
Chipre. No recadro, a nova Salamina.
 
 
grecomitose | arriba | seguinte
 
   
 
     
iescamballon@terra.es