GALICIA E CANGAS NA ÉPOCA DOS TROBADORES
Os comezos da lírica galego-portuguesa sitúanse no derradeiro cuarto do século XII, acadando o seu período de esplendor no século XIII e primeira metade do XIV; a morte do Conde de Barcelos, o derradeiro mecenas trobadoresco, no 1354, marca o final da Escola Galego-portuguesa e o inicio da decadencia. Con todo, o prestixio acadado polo trobadorismo galego foi tal que os seus ecos resoarán aínda por toda a Península durante 150 anos máis.
A etapa correspóndese maioritariamente coa chamada Era Compostelá, asociada ó bispo Xelmírez, artífice en boa medida do esplendor santiagués e galego. Constitúe a culminación política do Reino de Galicia, feito perfectamente visible no seu predominio no conxunto cristián do occidente peninsular e nas aportacións artísticas realizadas á cultura universal: o románico compostelán, unha brillante prosa latina e a lírica dos Cancioneiros.
Este florecemento político e artístico foi posible gracias a un forte crecemento económico baseado en dous piares: o desenvolvemento agrario (viñedo, sobre todo) e a actividade pesqueira, e o comercio dos excedentes a través das rotas internacionais: o mar e o
Camiño de Santiago, por onde van e veñen peregrinos e mercadores, cultura e diñeiro.
A todo isto cómpre engadir o aumento da poboación, a revitalización das cidades e a expansión dos oficios artesanais.
A crise xeral europea do século XIV afecta tamén a Galicia: adversidades económicas e desastres demográficos (a peste), ós que hai que sumar conflictos políticos internos e unha guerra de funestas consecuencias, deron como resultado a paralización artística e cultural, testemuño deses tempos difíciles: apenas houbo gótico na Galicia do século XIV e a lírica comezou a esmorecer lentamente.
Cangas, ó igual que as demais poboacións costeiras galegas, nace a raíz do desenvolvemento da actividade pesqueira, a partir do século XII.
