A SITUACIÓN LINGÜÍSTICA
A lingua galega é o resultado da longa convivencia entre o latín falado polos colonos, soldados e administradores romanos chegados á Gallaecia, as linguas indíxenas preexistentes, e os falares inmediatamente posteriores dos suevos sobre todo, e en menor medida dos árabes.
Deste xeito xorde entre os séculos IX e XII o galego, nun
territorio que limita ó sur coas falas árabes e mozárabes do Mondego (Coimbra). Esta zona, que parcialmente coincide co Convento Bracarense, vaise independizar de Galicia no século XII, constituíndo o reino de Portugal; pero esta ruptura política non ten correspondencia a nivel cultural nin lingüístico, de xeito que galegos e portugueses (que chegarán ó Algarve no 1250, estendendo a nosa lingua por toda a franxa occidental do territorio peninsular) continuarán compartindo durante moito tempo a mesma identidade cultural, creando e desenvolvendo conxuntamente unha das literaturas máis ricas da Europa do Medioevo.Como aconteceu no resto da Romania, tamén aquí a lingua romance, o galego ou galego-portugués, acabou desprazando o latín, primeiro na fala, e a partir do século XIII, nos usos cultos: na documentación eclesiástica, notarial, municipal e xurídica en xeral (se ben mantivo o seu status de privilexio na Universidade e na Liturxia). Na literatura, o galego-portugués convértese na lingua lírica dos reinos cristiáns da Península (excepto Cataluña), utilizada por poetas das máis variadas procedencias, de tal maneira que dirá o Marqués de Santillana no século XV, nunha carta dirixida ó Condestable de Portugal: Non ha mucho tiempo qualesquier decidores e trovadores d'estas partes, agora fuessen castellanos, andaluces o de la Extremadura, todas sus obras componían en lengua gallega o portuguesa.
Así pois, ó longo da Idade Media o galego asume todas as funcións propias dunha lingua normalizada, constituíndo o medio de expresión e relación social de todos os galegos.
![]()