O FENÓMENO TROBADORESCO
A cultura trobadoresca é un fenómeno medieval, que se explica pola concorrencia dunha serie de circunstancias de bonanza económica, estabilidade política e intercambio cultural.
En Galicia, a Compostela do século XII reúne estas condicións converténdose no centro cultural máis prestixioso de toda a Península Ibérica e no único de relevo internacional; a súa relación privilexiada con Europa, a través do Camiño de Santiago, redundou na maduración cultural e artística da cidade, transformándoa no centro impulsor do primeiro lirismo trobadoresco galego, que combina elementos tomados da tradición popular con outros procedentes da música eclesiástica e da poesía latina culta; o prestixio que foi adquirindo estaría na base da súa posterior expansión polos reinos cristiáns da Península.
A mobilidade de trobadores e xograres dun e doutro lado dos Pirineus, que visitan as distintas cortes peninsulares, propiciará o seu encontro coa importante lírica occitana; os nosos poetas incorporan moitos dos seus elementos temáticos e formais, adaptándoos á súa propia idiosincrasia, á vez que os provenzais, e algún siciliano, compoñen en galego.
Por lírica galego-portuguesa entendemos un conxunto de máis de dúas mil cantigas, transmitidas por cancioneiros e pergamiños, todos eles compostos nunha língua con características bastante uniformes, nun período que vai de finais do século XII á segunda metade do século XIV. Con excepción dalgúns que continúan anónimos, os textos dos cancioneiros profanos son atribuidos a 153 trobadores e xograres, de moi variada procedencia social e xeográfica; así, temos: reis, infantes, nobres, cregos, e xente do pobo, procedentes de Castela, León, Aragón, Provenza, etc.
Un anónimo tratado de poética, a Arte de Trovar, define os tres xéneros fundamentais desta poesía: cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicir, ademais doutros considerados 'menores". O denominador común de todos eles é sempre cantiga, ou sexa, poesia feita para ser cantada, composta de letra e música, destinada a un público de oíntes.
