A MULLER: FICCIÓN E REALIDADE

 

O papel subordinado que, salvo excepcións, lle tocou desempeñar á muller no mundo occidental, explicaría que a súa presencia na documentación histórica sexa mais ben escasa.

A penas temos noticias da vida concreta das mulleres na Idade Media galega. Sabemos da existencia dalgunhas figuras singulares, como por exemplo, a monxa Exeria, que no século IV peregrina a Terra Santa e conta ela mesma a súa aventura. Pero non conservamos ningún outro nome de muller compositora.

Nas cantigas de amigo, a protagonista é sempre unha moza que se lamenta da ausencia do amigo, ou fala do seu próximo encontro; sen embargo, foron compostas por trobadores, e seguro que eran interpretadas moitas veces por xograresas ou soldadeiras; e parece ben improbable que estas á súa vez non compuxesen cancións, ademais de cantar, bailar ou tocar instrumentos.

As soldadeiras que coñecemos, María Balteira, Dona Luzía e outras, aparecen unicamente nas cantigas satíricas, nas que se bromea a cerca da súa vida aventureira e escandalosa.

En xeral, as cantigas de tradición autóctona (cantigas de amigo, cantigas satíricas e as cantigas de milagres de Santa María) ofrecen unha visión da muller moito máis próxima da realidade do que a sofisticada teoría do amor cortés adoptada nas cantigas de amor.

 

A pesar da falta de datos concretos referidos ó mundo galego-portugués e peninsular, sábese da existencia de mulleres compositoras e mesmo mecenas na época. Desde logo, da súa aficción pola lectura (naturalmente, nos casos en que sabía ler), sería boa proba o que o Sachsenspiegel, código saxón do século XIII, afirmaba: "Xa que só as mulleres len libros, son elas as que os deben herdar".

 

Seguinte Ä