O CÓDICE MEDIEVAL
Por códice enténdese exactamente o libro manuscrito.
Non se sabe moi ben cando se pasou do rolo ó códice, pero co predominio do pergamiño sobre o papiro a partir do século IV, o codex substituíu definitivamente o rolo, e esta foi xa a forma habitual do libro.
O coiro como soporte da escrita foi coñecido desde tempos moi antigos. A tradición atribúelle á biblioteca do rei de Pérgamo o mérito da súa divulgación; e de Pérgamo, pergamineum (en galego, pergamiño): un "papel" de pel animal que, tratado e convertido en follas aplanadas e lisas, constitúe un excelente material de escritura.
A folla de pergamiño obtíñase normalmente a partir das peles de ovellas, años e xatos, preparadas do seguinte xeito: purgábanse as peles durante uns días en cal e mentres eran flexibles afeitábanse polas dúas caras para quitarlles a graxa e as manchas; a seguir, luíanse con pedra pómez para alisalas, cortábanse conforme ó tamaño previsto e cosíanse os posibles cortes e furados. Así lográbase un papel de calidade.
Na elaboración dun manuscrito interviñan varias mans: o scriptor librarius ou copista, o rubricator ou encargado de títulos e capitais, o illuminator ou miniaturista e o ligator ou encadernador.
A invención do prelo a mediados do século XIV revolucionou o mundo cultural polo que ten de abaratamento dos custos de producción, ó reproducir en serie, en menos tempo, e usar papel. Pero non eclipsou inmediatamente o manuscrito, que lle serviu de modelo nunha primeira etapa e co que conviviu aínda durante certo tempo.
![]()