PROGRAMACIÓN ECONOMÍA 1º BACHARELATO

 

1 – INTRODUCIÓN

Esta programación está adaptada ao desenvolvemento da materia de Economía de 1º de bacharelato no IES Monte Da Vila de O Grove (Pontevedra) tendo en conta o disposto no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este mesmo Decreto fai fincapé na importancia da Economía na súa introdución, na que espón o seguinte:

“Toda persoa vese na obriga de enfrontar unha gran diversidade de situacións de carácter económico, xa que debe tomar multitude de decisións como consumidora, traballadora, empresaria ou aforradora, e moitas destas decisións teñen unha gran transcendencia para a súa vida persoal e familiar.

Xunto a esta dimensión persoal, os problemas económicos tamén teñen unha clara dimensión social. A inflación, o paro, o déficit público, a globalización son temas de debate na sociedade actual e obxecto de diversas propostas por parte dos diferentes grupos sociais e políticos. Para poder valorar de forma razoada estas propostas e tomar postura ante elas cómpre dispoñer dunha formación económica básica.

Ademais destas motivacións persoais e sociais existen razóns de tipo propedéutico que xustifican a presenza dos estudos de economía no bacharelato.

A formación económica básica do alumnado intégrase na área das ciencias sociais da educación secundaria obrigatoria como unha parte das aprendizaxes que se teñen que adquirir en relación co medio social. O bacharelato esixe o profundamente nesa formación, o que supón unha aproximación cada vez máis analítica e especializada que, sen perder a perspectiva global, permita a construción de coñecementos máis precisos e axustados. Por outra parte, trátase dunha disciplina que se presta especialmente a un enfoque multidisciplinar, pois precisa doutras ciencias.

Considerando a economía como unha das múltiples facetas para a análise e interpretación da realidade, os contidos desta materia buscan a consecución de dous obxectivos básicos: fornecer unha visión global do funcionamento do sistema económico e iniciar o alumnado nas peculiaridades do razoamento económico.

Para poder alcanzar estes obxectivos é fundamental que o alumnado dispoña dun marco conceptual para interpretar a realidade, así como de ferramentas básicas que lle permitan a utilización dunha certa capacidade de razoamento económico.

O currículo proposto pretende fuxir de enfoques puramente académicos e formalistas, para primar os contidos con maior poder explicativo sobre as causas e as consecuencias dos problemas económicos.

Os contidos seleccionados pódense agrupar nos grandes ámbitos da ciencia económica. Comézase cun aspecto clave da análise económica, o estudo do mercado, que se centra nos aspectos máis básicos e máis próximos á realidade.
A seguir analízase o funcionamento da economía nacional. Inclúense aquí os principais indicadores da actividade económica, os compoñentes da oferta e a demanda agregadas e o papel da política monetaria ou fiscal como reguladoras do ciclo económico.

Finalmente faise referencia aos aspectos internacionais e ao crecemento económico. No mundo actual, o estudo da realidade máis próxima, a economía de Galicia ou de España, no se pode entender sen o estudo das relacións que se establecen co resto dos países, sexan máis próximos (Unión Europea, OCDE) ou máis afastados (Terceiro Mundo, Europa do Leste). Así mesmo, cómpre ampliar a visión económica introducindo os aspectos ligados ao crecemento económico que achegan unha visión máis dinámica e a máis longo prazo.

No que toca aos procedementos, tamén se inclúen aspectos específicos relacionados co razoamento económico. Así, a través da análise de datos, a lectura comprensiva e a elaboración de pequenos traballos de investigación buscarase a aplicación dos principios e conceptos económicos estudados á análise de casos concretos e problemas reais e cotiáns.

Os problemas económicos teñen unha importante dimensión social, e suscitan diferentes puntos de vista, con distintas bases políticas, éticas e filosóficas. A economía desempeña un papel central na configuración de valores e actitudes, e axuda a persoas a construír o seu propio criterio e a ser capaces de enfrontar, con coñecemento e responsabilidade, os problemas económicos e sociais da vida adulta.”

Indice Programación
Seguinte