PROGRAMACIÓN ECONOMÍA 1º BACHARELATO
2 – OBXECTIVOS XERAIS
Antes de fixarnos nos obxectivos xerais do bacharelato debemos ter en conta os principios e finalidade do bacharelato, así no artigo 2 º do Decreto 126/2008, do 19 de xuño espón que “O bacharelato forma parte da educación secundaria, na fase postobrigatoria e ten como finalidade proporcionarlle ao alumnado a formación, a madurez intelectual e humana, os coñecementos e habilidades que lle permitan desenvolver funcións sociais e incorporarse á vida activa con responsabilidade e competencia, así como capacitarse para o acceso á educación superior.”
Xa tendo en conta os obxectivos xerais podemos ter en conta os seguintes, citados no artigo 3º do citado Decreto 126/2008 (en negrita aqueles obxectivos nos que esta materia fai especiais aportacións):
O bacharelato contribuirá a desenvolver nas alumnas e nos alumnos as capacidades que lles permitan:
a) Exercer a cidadanía democrática, desde unha perspectiva global, e adquirir unha conciencia cívica responsable, inspirada polos valores da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia, así como polos dereitos humanos, que fomente a corresponsabilidade na construción dunha sociedade xusta e equitativa e favoreza a sustentabilidade.
b) Consolidar unha madurez persoal e social que lles permita actuar de maneira responsable e autónoma e desenvolver o seu espírito crítico. Ser quen de prever e resolver pacificamente os conflitos persoais, familiares e sociais.
c) Fomentar a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres, analizar e valorar criticamente as desigualdades existentes e impulsar a igualdade real e a non discriminación das persoas con discapacidade.
d) Reforzar os hábitos de lectura, estudo e disciplina, como condicións necesarias para aproveitar eficazmente as aprendizaxes e mais como medio para o desenvolvemento persoal.
e) Dominar, tanto na expresión oral coma na escrita, a lingua galega e a lingua castelá.
f) Expresarse con fluidez e corrección nunha ou máis linguas estranxeiras.
g) Utilizar eficazmente e con responsabilidade as tecnoloxías da información e da comunicación.
h) Coñecer e valorar criticamente as realidades do mundo contemporáneo, os seus antecedentes históricos e os principais factores da súa evolución. Participar de forma solidaria no desenvolvemento e mellora do seu contorno social.
i) Acceder aos coñecementos científicos e tecnológicos fundamentais e dominar as habilidades básicas propias da modalidade de bacharelato elixida.
j) Comprender os elementos e procedementos fundamentais dos métodos científicos e da investigación. Coñecer e valorar de forma crítica a contribución da ciencia e da tecnoloxía ao cambio das condicións de vida, así como afianzar a sensibilidade e o respecto do medio natural e a ordenación sustentable do territorio, con especial referencia ao territorio galego.
k) Afianzar o espírito emprendedor con actitudes de creatividade, flexibilidade, iniciativa, traballo en equipo, autoconfianza e sentido crítico.
l) Desenvolver a sensibilidade artística e literaria, así como o sentido estético, como fontes de formación e enriquecemento cultural.
m) Utilizar a educación física e o deporte para favorecer o desenvolvemento persoal e social e impulsar condutas e hábitos saudables.
n) Reforzar actitudes de respecto e de prevención no ámbito da seguridade viaria.
o) Valorar, respectar e afianzar o patrimonio material e inmaterial de Galicia e contribuír á súa conservación e mellora no contexto dun mundo globalizado.