PROGRAMACIÓN ECONOMÍA 1º BACHARELATO
3 – OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
Os obxectivos específicos de esta materia serán os seguintes, sempre en relación cos esablecidos no Decreto 126/2008:
A ensinanza da economía no bacharelato terá como finalidade o desenvolvemento das seguintes capacidades:
1. Identificar o ciclo da actividade económica. Distinguir sistemas económicos e formar un xuízo persoal acerca das vantaxes e inconvenientes de cada un deles.
2. Manifestar interese por coñecer e interpretar con sentido crítico e solidario os grandes problemas económicos actuais, en especial as desigualdades económicas e a sobreexplotación de recursos naturais, así como os derivados da globalización da actividade económica.
3. Relacionar feitos económicos significativos co contexto social, político, histórico e cultural en que tiveron lugar. Trasladar esta reflexión ás situacións cotiás. Formular xuízos persoais acerca da conveniencia ou non da intervención da Administración pública na economía e dos seus efectos.
4. Comprender o funcionamento do sistema de economía de mercado, sinalando as súas vantaxes e inconvenientes, así como as interrelacións entre o sistema económico e os fenómenos sociais.
5. Utilizar técnicas elementais de tratamento e representación de datos sobre a economía galega, española, europea ou doutras zonas do mundo para coñecer e comprender os trazos característicos da situación económica deses territorios e as perspectivas de futuro.
6. Formular xuízos persoais acerca de problemas económicos de actualidade. Comunicar opinións argumentando con precisión e rigor a partir de conceptos e principios económicos elementais. Aceptar a discrepancia e os puntos de vista distintos como vía de enriquecemento persoal.
7. Interpretar as mensaxes, datos e informacións que aparecen nos medios de comunicacións e/ou internet sobre desaxustes económicos actuais e contrastar as medidas correctoras de política económica que se propoñen. Formular xuízos persoais sobre elas e comprender que as decisións implican, en ocasións, elixir entre obxectivos en parte contraditorios para os diferentes axentes económicos.
8. Analizar e valorar criticamente as repercusións do crecemento económico sobre o medio natural e a calidade de vida das persoas, así como o diferente grao de desenvolvemento das distintas rexións e países. Reflexionar sobre a necesidade de acadar un desenvolvemento sustentable.
9. Abordar de maneira autónoma e razoada problemas económicos do contorno, utilizando os procedementos de indagación das ciencias sociais e diversas fontes e medios de información, en especial as tecnoloxías da información e comunicación. Trasladar esta reflexión ás situacións cotiás do contorno.
10. Coñecer e comprender, dunha maneira crítica, o uso e significado das principais magnitudes macroeconómicas como indicadores da situación económica dun país.