PROGRAMACIÓN ECONOMÍA 1º BACHARELATO

 

7 – CRITERIOS DE AVALIACIÓN

Os criterios de avaliación serán os citados no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Identificar os problemas económicos básicos dunha sociedade, caracterizando a forma de resolvelos nos principais sistemas económicos, así como as súas vantaxes e inconvenientes.
Trátase de comprobar que o alumnado recoñece a escaseza e a necesidade de elixir como as claves determinantes dos problemas básicos de todo sistema económico, así como as necesidades máis comúns que hai que atender a partir da análise do seu contorno. Ademais, trátase de asegurar que diferencia as distintas formas de abordar e resolver estes problemas nos principais sistemas económicos actuais e do pasado, analizando as vantaxes e inconvenientes de cada un deles e as perspectivas que se nos presentan de cara ao futuro. Valorarase a súa toma de conciencia da necesidade de xestionar os recursos dun xeito sustentable para poder satisfacer as necesidades presentes e futuras.

2. Identificar as características principais da estrutura produtiva tanto a nivel nacional coma rexional. Analizar as causas dunha deslocalización empresarial a partir de datos sobre a produtividade, a eficiencia, os custos e os beneficios, así como valorar os seus efectos sobre a economía e sobre o mercado de traballo.
Con este criterio preténdese observar se se identifican as razóns do proceso de división técnica do traballo relacionando este proceso coa crecente interdependencia económica e coa necesidade de mecanismos de coordinación. Tamén se pretende avaliar se se recoñecen as características xerais da estrutura produtiva de Galicia e de España e a súa relación cos países da Unión Europea e cos cambios do mercado global.

3. Interpretar, a partir do funcionamento do mercado, as variacións nos prezos de bens e servizos en función de distintas variables. Analizar o funcionamento de mercados reais e observar as súas diferentas cos modelos, así como as súas consecuencias para o consumo, as empresas ou os estados.
Este criterio pretende verificar que o alumnado entende o prezo como indicador da escaseza relativa dos bens e servizos e a súa relación coa asignación dos recursos produtivos que realiza o sistema de economía de mercado. Así mesmo, a través deste criterio avalíase se recoñece en mercados reais e próximos os trazos xerais descritos nos modelos teóricos de mercado e os efectos do seu funcionamento, tanto positivos coma negativos, para os axentes que participan nestes mercados.

4. Identificar as principais variables macroeconómicas e analizar as súas interrelacións, valorando as limitacións que teñen como indicadores de medida da actividade económica e do benestar dunha sociedade.
Interpretar e tratar con instrumentos informáticos cifras e indicadores económicos básicos.
A través deste criterio preténdese comprobar se se recoñecen as principais macromagnitudes (produto nacional, renda nacional, renda dispoñible, renda per capita), así como as súas   relacións, interpretación, utilidade e limitacións. O alumnado debe recoñecer as limitacións da contabilidade nacional para medir a actividade económica e o benestar dunha sociedade e a necesidade de utilizar indicadores alternativos como o índice de desenvolvemento humano.

5. Explicar e ilustrar con exemplos significativos as finalidades e funcións do Estado nos sistemas de economía de mercado, e identificar os principias instrumentos que utiliza, valorando as vantaxes e inconvenientes do seu papel na actividade económica. Describir e relacionar as funcións doutros axentes que interveñen na actividade económica.
A finalidade deste criterio é a de identificar e diferenciar as distintas finalidades (crecemento, sustentabilidade, eficiencia, equidade, estabilidade), funcións (fiscais, reguladoras, redistributivas, estabilizadoras e provedoras de bens e servizos públicos) e instrumentos básicos de política económica que se aplican en casos concretos de intervención do sector público na actividade económica galega e española.

6. Describir o proceso de creación do diñeiro, os cambios no seu valor e a forma en que estes se miden. Identificar as distintas teorías explicativas sobre as causas da inflación e os seus efectos sobre os consumidores, as empresas e o conxunto da economía. Explicar o funcionamento do sistema financiero e coñecer as características dos seus principias produtos e mercados.
Preténdese comprobar que o alumnado recoñece o funcionamento básico do diñeiro nunha economía, as clases de diñeiro, as súas funcións e a importancia de ter unha moeda estable como medio de pagamento, diferenciando valores monetarios e valores reais.

7. Analizar a balanza de pagamentos da economía española e os fluxos comerciais entre dúas economías e determinar como afecta aos seus componentes a variación nos seus fluxos comerciais, así como outras posibles modificacións en diversas variables macroeconómicas.
Este criterio pretende comprobar que se coñece o significado da balanza de pagamentos como a representación das relacións entre unha economía e o resto do mundo. Tamén que se identifican as principias partidas da balanza de pagamentos e que a súa análise permite coñecer as características dos fluxos comerciais internacionais, así como observar as consecuencias que as variacións no tipo de cambio teñen sobre as economías.

8. Valorar o impacto do crecemento, as crises económicas, a integración económica e o mercado global na calidade de vida das persoas, no medio natural e na distribución da riqueza a nivel local e mundial, diferenciando efectos positivos e negativos.
Analizar os problemas do crecemento económico e a pobreza dos países non desenvolvidos como resultado de relacións económicas desequilibradas e de desigualdades de xénero, xunto á necesidade de intercambios comerciais máis xustos e equitativos.
Preténdese con este criterio valorar se recoñecen as consecuencias do crecemento sobre a repartición da riqueza, desigual segundo países e xénero, sobre a degradación ambiental e a calidade de vida, así como os problemas que limitan o desenvolvemento de determinadas economías. Búscase tamén comprobar que se identifican, a partir de casos concretos, medidas de política económica ambiental analizando os seus efectos a curto e longo prazo.

9. Analizar posibles medidas redistributivas, os seus límites e efectos colaterais e avaliar as medidas que favorecen a equidade nun suposto concreto.
Este criterio persegue comprobar a capacidade de análise das desigualdades económicas e o modo en que determinadas medidas poden corrixilas. Tamén busca valorar se se recoñece a eficacia da imposición directa e indirecta, as políticas sociais e de solidariedade.

10. Valorar os argumentos que fundamentan as posicións favorables ao libre comercio ou ao proteccionismo, relacionándoos cos procesos de integración económica e as súas consecuencias. Identificar e contrastar as distintas áreas comerciais que existen no mundo e valorar o impacto das novas tecnologías fronte ás formas tradicionais de comercio.
Búscase que o alumnado identifique as diferentes posicións ante o comercio internacional e recoñeza as principais áreas de comercio internacional (con especial referencia á Unión Europea). Búscase tamén constatar a influencia das novas tecnologías nas actividades económicas de todos os países e mercados, así como as vantaxes e inconvenientes do proceso de globalización.

11. Buscar, ler, interpretar e elaborar información estatística e gráfica sobre cuestións económicas de actualidade, diferenciando aspectos positivos de aspectos normativos.
Trátase de trasladar información nunha linguaxe verbal a outra estatística e gráfica (ou viceversa), utilizando as ferramentas fundamentais de cálculo, así coma os programas informáticos para o tratamento e a presentación da información económica. Así mesmo, búscase comprobar que se distingue entre datos, opinións e predicións e se recoñecen distintas posicións económicas que obedecen a distintos tipos de intereses.

12. Identificar e valorar as repercusións sociais das actividades económicas, tomando conciencia da dificultade para compatibilizar un desexable crece mento económico co desenvolvemento da calidade de vida e a igualdade.
Búscase que o alumnado tome conciencia de que o crecemento económico pode traer consigo problemas sociais de todo tipo (consumismo excesivo, esgotamento de recursos, explotación laboral, deterioración do medio natural) e cómpre buscar os medios para conseguir un desenvolvemento económico que garanta a calidade de vida.

13. Valorar o potencial da economía galega: recursos e patrimonio natural, patrimonio histórico e cultural, o sector agrícola e gandeiro, o sector industrial.
Preténdese que o alumnado coñeza e valore o potencial económico de Galicia en sectores de especial relevancia, como o turismo, o sector agrícola e gandeiro e o sector industrial e da construción, sempre dentro dunha óptica de desenvolvemento sustentable.

 

Anterior
Indice Programación
Seguinte