A taxa de paro insoportable
JOAQUÍN ESTEFANÍA 28/04/2008

No ano 1982, pouco antes de gañar os socialistas as súas primeiras eleccións xerais, Joaquín Almunia, responsable económico do PSOE, publicou un artigo titulado "A taxa de paro insoportable (TPI)". Definía coa mesma a situación do desemprego no noso país naquel tempo (15,4% da poboación activa parada, ao redor de dous millóns de desempregados). Ademais de denunciar esa conxuntura, o autor do artigo defendía a porcentaxe de paro como esencial para valorar os resultados dunha política económica, fronte a aqueles que o descalificaban como indicador solvente porque entendían que a oferta de traballo é incontrolable.


O debilitamento da economía trasladouse xa ao emprego


Un Goberno non pode marginarse da necesidade de dar resposta a esa realidade social, sentenciaba o hoxe comisario de Economía da Unión Europea, que encabezaba o seu texto co artigo 35 da Constitución: "Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo". Naquel momento non se contemplaba a realidade dunha España receptora de millóns de inmigrantes.


A importancia da taxa de paro, medida a través da Enquisa de Poboación Activa (EPA), xa non é discutida por ninguén. En 1971, Simon Kuznets, un inmigrante de orixe ruso que daba clases en Harvard, recibiu o Nobel de Economía. Atribúese a Kuznets o papel de inventor da econometría, esa disciplina que combina as matemáticas e a estatística coa investigación social, a fin de comprender as relacións cuantitativas que se dan na vida económica moderna. Pois ben, na década dos trinta, Kuznets creou a contabilidade nacional, isto é, o sistema de parámetros -incluído o PIB- que permite dar conta dos ingresos dun país. Dúas décadas despois, o seu interese deixou de estar centrado no volume dos ingresos nacionais para pasar a concentrarse na distribución dos mesmos e nos seus efectos sobre o emprego.


A taxa de paro insoportable volve á actualidade tras coñecérense o espectacular crecemento do paro en España durante o primeiro trimestre do ano. A TPI non é a mesma en cada momento da historia económica. Do mesmo modo que a pedagoxía económica e a cultura xeral lograron que se valore entre os cidadáns o incremento dos prezos con máis sensibilidade que antes, ou que un déficit público non moi alto con relación ao PIB (por exemplo, o que se expresa no Pacto de Estabilidade e Crecemento da eurozona) sexa considerado un síntoma de virtude na conxuntura, acontece o mesmo coa taxa de desemprego. Hoxe non sería posible convivir con taxas do 15% ou do 20% como na década dos anos oitenta. Sería sinxelamente unha catástrofe que non podería superar ningún Goberno democrático, nin sequera con maioría absoluta.


Os datos achegados a semana pasada polo Instituto Nacional de Estatística son bastante alarmantes: en si mesmos, e en perspectiva sobre o que pode acontecer: no último ano, o paro medrou un punto e situouse no 9,6% da poboación activa (2,1 millóns de persoas), a piques de superar os dous díxitos. No último trimestre incorporáronse ao exército de reserva 246.000 persoas, o que indica que o debilitamento da economía se trasladou directamente ao emprego. O ritmo de creación de emprego caeu desde o 3,4% rexistrado durante 2007 ata o 1,66%. E o novo cadro macroeconómico aprobado polo Goberno para toda a lexislatura indica que ese ritmo non se volverá a conseguir nos próximos catro anos. No mellor dos casos, este período acabará cunha taxa de paro seis décimas superior á que había o ano pasado, dándose a punta máis baixa do emprego (10% de paro) no próximo exercicio. Neste contexto non parecen moi agraciadas -por resignadas e, seguramente, por voluntaristas- as palabras do presidente de Goberno no comité federal do PSOE: "A peor previsión de paro que podemos ter por diante será sempre mellor cá mellor que tivo o PP na lexislatura pasada".


A gran cuestión é saber cal será a taxa de paro insoportable desta lexislatura recén comezada.


FONTE: EL PAÍS
http://www.elpais.com/articulo/economia/tasa/paro/insoportable/elpepieco/20080428elpepieco_6/Tes

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina