GLOSARIO UNIDADE 2 – ACTIVIDADE ECONÓMICA E AXENTES ECONÓMICOS
Factor produtivo: os factores produtivos son o conxunto de recursos que o ser humano utiliza para producir bens e servizos.
Factor Terra: todos os recursos que nos ofrece a natureza no seu sentido máis amplo, é dicir, non só a terra cultivable e urbana, senón tamén os recursos do mar, as minas, a atmosfera, etc. Xa que logo, hoxe en día adóitase facer referencia ao factor terra como Recursos Naturais.
Recursos Renovables: son recursos renovables aqueles que se poden volver a xerar na natureza, como por exemplo as árbores, recursos mariños, enerxía eólica, etc.
Recursos non Renovables: son recursos non renovables aqueles que non se poden volver a xerar na natureza, como pode ser o petróleo, os minerais, etc.
Desenvolvemento Sostible: desenvolvemento que permita satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das do futuro para atender as súas propias necesidades.
Factor Traballo: comprende toda actividade humana, tanto física como intelectual, que os traballadores achegan á actividade económica para producir bens e servizos e contribuír a xerar riqueza.
Capital Humano: fai referencia aos investimentos realizadas na mellora da cualificación e na formación dos traballadores e da poboación en xeral.
Factor Capital: todos aqueles recursos produtivos necesarios para a produción doutros bens ou servizos.
Know-how: está moi relacionado co concepto de capital humano pero asociado a unha actividade concreta, fai referencia aos coñecementos adquiridos a través da experiencia nun campo determinado. Tradúcese como “saber facer”.
Función de Produción: expresa a cantidade máxima de produto que pode obterse, variando a cantidade utilizada dun dos factores produtivos e mantendo o resto constante.
Produto Total: é a cantidade total de produción en unidades físicas que se obtén por cada volume de factor empregado.
Produto Medio (productividade): número de unidades de produto obtidas por cada unidade de factor empregada.
Produto Marxinal: variación que experimenta o PT ao utilizar unha unidade adicional de factor.
Lei de Rendementos Decrecentes: establece que a medida que aumentamos a utilización dun factor, mantendo constantes o resto, o incremento que experimenta a produción é cada vez menor.
Factor Fixo: todos aqueles factores que non se poden aumentar ou diminuír con facilidade, o factor capital adoita ser fixo, como por exemplo as instalacións, maquinaria, etc.
Factor Variable: aqueles que poden aumentar ou diminuír con maior facilidade, son as materias primas ou o factor traballo.
Curto prazo: período de tempo no unicamente pódese alterar algúns dos factores produtivos. Conviven entón factores fixos e variables.
Longo prazo: período de tempo o suficientemente longo como para permitir variar a utilización de todos os factores fixos. Só hai factores variables.
Rendementos de escala crecentes: cando ao aumentar nunha determinada proporción o uso de todos os factores, a produción increméntase en maior proporción. Tamén se chama “economías de escala”.
Rendementos de escala decrecentes: cando aumentando de forma equilibrada todos os factores, a produción increméntase en menor proporción. Tamén se lle chama "deseconomías de escala".
Rendementos de escala constantes: cando o aumento da produción é na mesma proporción que o aumento dos factores.
Eficiencia Técnica: un método é eficiente tecnicamente se a produción que se obtén con el é a máxima posible coas cantidades de factor empregadas.
Eficiencia Económica: un método de produción é economicamente eficiente se éo tecnicamente e ademais a combinación de factores é a que resulta menos custosa no seu conxunto.
Custo Fixo: aqueles que non varían, é dicir, que independentemente da produción van ser os mesmos. En xeral consideramos como tal, o factor capital.
Custo Variable: aqueles que varían ao facelo a produción, é dicir, o custo dos factores variables. Como exemplo de custos variables podemos considerar en xeral os de materias primas e man de obra.
Custo Total: da empresa será a suma dos custos fixos e os custos variables.
Custo Medio Fixo: diminúen ao aumentar o produto, xa que unha cantidade constante de custos é repartido entre unha cantidade cada vez maior de unidades producidas.
Custo Medio Variable: poden aumentar ou diminuír xa que o produto pode aumentar máis ou menos que proporcionalmente que os CV.
Custo Medio Total: é o resultado de dividir o custo total entre o número de unidades producidas.
Custo Marxinal: é a variación que experimenta o custo total ao producir unha unidade máis de produto.
Beneficio: vén determinado pola diferenza entre os ingresos obtidos pola venda e o custo de produción das mesmas.
Limiar de rendibilidade (punto morto): indica o número de unidades que debe producir e vender unha empresa para cubrir todos os custos, é dicir, o número de unidades a partir das cales a empresa empeza a obter beneficios.