UNIDADE 3 - O MERCADO: DEMANDA, OFERTA E EQUILIBRIO |
3.2 - A OFERTA
3.2.1 - Factores que determinan a oferta dun ben
Imos a analizar cada un dos diferentes factores que determinan a oferta “ceteris paribus”, e dicir, ailladamente e supoñendo que os outros factores que determinan a oferta dun bien se manteñen constantes.
A maior prezo maior oferta e a menor prezo menor oferta. |
Se o prezo sobe os vendedores aumentarán a oferta do ben e se o prezo baixa diminuirán a oferta, é dicir, cantidade ofertada e prezo varían no mesmo sentido. A maior prezo maior oferta e a menor prezo menor oferta.
Se o prezo das cigalas é moi alto, cada vez máis xente desexará dedicarse á súa produción, ou facer máis esforzos para conseguir unha maior produción. Se por exemplo este ano os produtores de marisco ven o o que máis está subindo de prezo son as cigalas, poñerán todo o seu empeño en buscar a forma de conseguir unha maior produción para o seguinte ano.
Se o prezo dos capóns sobe debido a que se poñen de moda, haberá cada vez máis gandeiros que decidan incorporalos á súa explotación, haberá máis oferta.
Se resulta que o prezo dos tomates sobe, como consecuencia da entrada do euro ou outras causas, cada vez haberá máis agricultores que se decidirán á súa explotación diante das expectativas dun beneficio.
O custo dos factores de produción
Se sobe o prezo dos factores baixa a cantidade ofertada do ben e se baixa o prezo dos factores a oferta subirá. |
Se sobe o prezo dos factores aumenta o custo de produción e polo tanto a rendibilidade obtida polo vendedor é menor. É dicir, os beneficios son menores e polo tanto é menos atractiva a súa produción. Os produtores intentarán buscar outros produtos que lle ofrezan os anteriores beneficios.
Se os produtores de cigalas ven que o prezo de venda se mantén constante ao longo do tempo e por outra beira os custos de combustible, man de obra, etc soben, cada vez será menos atractiva a súa produción, e aos poucos, algúns dos vendedores empezarán a buscar outras actividades máis lucrativas xa que coa venda de cigalas cada vez gáñase menos.
Se o prezo dos tomates se mantén constante, e a man de obra cada vez é máis barata debido á inmigración, os beneficios dos produtores se verán incrementados e cada vez seralles máis rendible aumentar as súas explotacións e polo tanto ofertarán máis cada un dos actuais produtores. Ademais probablemente máis agricultores decidiranse a producir tomates.
Os avances tecnolóxicos fan que a oferta dos bens se incremente. |
Todo o que sexa un aumento dos avances tecnolóxicos supón unha maior facilidade de produción, uns menores custos de produción, unhas maiores posibilidades de produción, etc., todo iso fará que se incremente a oferta.
Se os produtores de cigalas conseguen uns avances para mellorar a calidade das crías de cigalas, se conseguen uns mellores sistemas de conservación do marisco fresco, etc. Toda investigación vai facer que o negocio das cigalas sexa máis seguro e máis rendible e polo tanto máis atractivo. Producirase unha maior oferta de cigalas.
No caso dos tomates, se os estudos conseguen mellorar a raza dos mesmos, para facelos máis resistentes aos cambios climáticos, que sexan máis resistentes para o seu posterior transporte, a produción será máis factible, máis segura, ademais de que probablemente o prezo dos factores de produción sexa menor en moitos dos casos.
Dependendo de como sexan as expectativas futuras, poderá aumentar ou diminuír a oferta dun ben. |
Se prevemos unha subida dos custos de produción (ceteris paribus) probablemente baixe a súa oferta, se prevemos unha subida dos prezos do ben a súa oferta subirá paulatinamente. A expectativas de comportamento dos anteriores factores determinantes da oferta vai condicionar a mesma oferta anticipadamente.
Diante da previsión de que as cigalas suban moito de prezo en vésperas das festas do nadal, suporá que os vendedores intentarán producir moito pero non poñelas á venda antes de tempo, esperando a que suban de prezo. Mentres intentarán manter vivo o marisco (algo ao que axuda a tecnoloxía) en espera dos momentos en que os prezos sexan máis elevados.
Nas campañas de extracción de Centolas, que comezan no mes de Novembro, pouco antes de Nadal, non tería sentido que os mariscadores vendan todo o produto xusto cando se abre a veda xa que se quedarían sen produto para vendelo cando os consumidores están dispostos a pagar un maior importe. As expectativas poden condicionar moito as ofertas puntuais de produto.