EXEMPLO: LEITEGAL

 

Supoñamos que en Galicia o mercado de leite está controlado totalmente por unha empresa denominada LEITEGAL. Esta empresa recolle o leite dos gandeiros e tras ser sometida a un proceso produtivo, é posta a disposición do público en diferentes puntos de venda como supermercados, tendas tradicionais, etc. Tamén supoñemos que é a única empresa que distribúe leite en Galicia.

 

MONOPOLIO

 

Se este caso fose real, habería un único produtor dun produto de primeira necesidade e sen substitutivos aparentes, o que supoñería que o poder da empresa sería tan grande que podería abusar da súa posición dominante. Como o faría? Pois ofrecendo o leite a uns prezos moi elevados, e probablemente, debido ao poder que ostenta sobre os gandeiros, ofrecendo un prezo moi baixo pola materia prima. Isto traduciríase en que a empresa obtería moitos beneficios a custa dos consumidores (prezos altos) e dos gandeiros (prezos baixos). Estariamos falando de MONOPOLIO (un único produtor e moitos consumidores; un produto sen substitutivos).

 

OLIGOPOLIO

 

Supoñendo que o mercado do leite sexa un mercado libre, outras empresas lácteas doutros lugares, ou ben empresarios galegos, se verían atraídos polos beneficios que obtén LEITEGAL. Polo tanto, probablemente se crearía outra ou outras empresas en Galicia. A posición dominante de LEITEGAL se vería ameazada desde dúas frontes: por unha beira, as empresas doutras CCAA ou doutros países realizarían ofertas de compra de leite aos produtores galegos; por outra parte, producirían en Galicia ou intentarían importar doutros lugares leite para vendela. Debido a que LEITEGAL tiña unha posición de monopolio, podía marcar os prezos de compra aos gandeiros e o prezo de venda aos consumidores. Ao haber máis compradores de leite, os gandeiros verán como aumenta o seu poder e intentarán que se lles paguen unhas cantidades superiores. Ao haber máis produtores de leite, a mesma demanda deberá repartirse entre varias empresas polo que en principio é probable que baixen os prezos xa que os consumidores poden elixir. Estariamos no caso dun OLIGOPOLIO (poucos produtores e poucas diferencias entre produtos).

Neste caso, a empresa LEITEGAL, para poder seguir mantendo a súa posición hegemónica pode intentar entrar nunha loita de prezos, cousa que parece bastante improbable xa que o máis habitual é que perdan todas as empresas debido a que subirán moito os prezos do leite en orixe e baixarán os prezos de venda do leite a consumidores. O máis probable é que, ao haber poucas empresas, estas se poñan de acordo en prezos ou noutros aspectos para limitar a competencia entre eles. O habitual é que teñamos unha empresa dominante e o resto das empresas competidoras sigan as súas estratexias competitivas. Este tipo de acordos para limitar a competencia están prohibidos na Unión Europea.

 

COMPETENCIA MONOPOLÍSTICA

 

Como segue habendo beneficios por parte de todas as empresas, cada vez haberá máis empresas ou empresarios que decidan dedicarse á produción de leite en Galicia, e cada vez será máis difícil que todas elas actuen de forma coordinada, haberá máis competencia e sempre haberá empresas que para poder conseguir a súa cota de mercado realicen ofertas tanto a produtores como a consumidores finais, xa que a demanda que había anteriormente é pequena para todas as empresas que actualmente están no mercado.

O mercado está empezando a virarse competitivo, estámonos achegando á chamada competencia perfecta, é dicir, como hai máis empresas, cada unha delas terá menor poder sobre o mercado e cada vez os consumidores terán máis opcións de consumo, haberá máis e mellores produtos substitutivos. As empresas aínda poden diferenciarse a través de diferentes estratexias competitivas (liderado en custos, aposta pola calidade, diferenciación do produto, etc.), cada unha das empresas intentará tomar postura nun nicho de mercado determinado para seguir obtendo beneficios. Estamos na situación de COMPETENCIA MONOPOLÍSTICA (moitas empresas e consumidores, así como moitos produtos substitutivos).

O máis habitual é que estas empresas, unha vez que se incrementou a competencia, sigan actuando, no mellor dos casos, neste tipo de mercado. En ocasións, debido a vantaxes competitivas dalgunha das empresas, limítase a competencia ao conseguir esta unha cota de mercado elevada, adquisicións doutras empresas, etc.

ACTIVIDADE 1: Fai unha clasificación das diferentes marcas de leite que poderías consumir, clasifícao en función das súas características e prezo.

 

COMPETENCIA PERFECTA

 

Se a competencia seguise aumentando, poderiamos chegar á situación de competencia perfecta, aínda que é difícil poñer como exemplo empresas que operen nun modelo estrito de competencia perfecta. Para que este tipo de mercado exista, debe aumentar o número de empresas ata que ningunha delas teña poder sobre o mercado, que ningunha poida presionar aos produtores gandeiros sobre o prezo do leite en orixe, que non teñan ningún poder para variar o prezo de venda do produto. Neste mercado os produtos son idénticos, xa que ao haber tanta competencia o prezo vén dado polo mercado e calquera empresa que desexe variar as características do produto asumiría uns custos de produción que non lle permitirían obter un mínimo beneficio. Estariamos no caso dun mercado de COMPETENCIA PERFECTA (moitos produtores, produtos idénticos).

Dise que o mercado de competencia perfecta é o ideal, xa que as empresas capaces de manterse neste mercado son aquelas que empregan os procesos produtivos técnica e economicamente máis eficientes, e ademais é o mercado no que o prezo dos produtos será máis baixo xa que o prezo é marcado polo mercado. A realidade dinos que este modelo é teórico, xa que para que se cumpra deben darse as condicións que vemos a seguir.

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina