Exemplo 1: Renda e riqueza Individual: Laura Martínez

Laura Martínez, de 24 anos de idade, é relacións públicas do Hotel Arousa e, dispón dos seguintes bens que compoñen o seu patrimonio: unha casa, un coche, unha moto e outros bens de menor valor.

Para poder adquirir estes bens, vende a súa man de obra e, como contraprestación recibe un soldo mensual de 2.000 euros.

Como podemos medir a riqueza e a renda de Laura?

Para poder realizar unha valoración da riqueza, é dicir, para poder sumar elementos patrimoniais debemos traducilos todos á mesma unidade de medida, farémolo en euros.

A casa está valorada en 150.000 €, o coche en 25.000 € e a moto en 10.000 €, outros bens dos que dispón como mobiliario da súa casa, roupa, móbil, portátil, diñeiro en bancos, etc, estan valorados en 15.000 euros.

Pero para poder comprar estes bens, e gozar dos servizos que consuma, probablemente non lle chegue o soldo mensual. Probablemente, como a maioría dos españois, a súa casa teraa comprado a través dun préstamo hipotecario e o coche e a moto compraríaa cun préstamo persoal. Supoñamos que o resto comprouno sen recorrer ao endebedamento.

Do préstamo hipotecario quédalle por pagar 100.000 €, do préstamo do coche 15.000 € e do moto 6.000 €.

Como poderiamos calcular a riqueza de Laura Martínez?

Como vemos, dispón por un lado de elementos patrimoniais positivos (casa, coche, moto e outros) e por outra parte elementos patrimoniais negativos (hipoteca, préstamos de coche e moto). Para valorar a riqueza debemos calcular o que se chama Patrimonio Neto, é dicir, todos os elementos patrimoniais positivos menos os negativos.

 

Conxunto de elementos patrimoniais positivos:
• casa 150.000
• coche 25.000
• moto 10.000
• outros elementos 15.000
• TOTAL 200.000

Este sería o valor do seu patrimonio (e polo tanto a súa riqueza) se non tivese ningunha débeda, pero debemos considerar os elementos patrimoniais negativos:
• hipoteca 100.000
• préstamo coche 15.000
• préstamo moto 6.000
• TOTAL 121.000

Polo tanto, o seu patrimonio neto (riqueza) será a diferenza entre o conxunto de elementos patrimoniais positivos e negativos.

Patrimonio Neto = 200.000 (elem. Patrim. +) – 121.000 (elem. Patrim. -) = 79.000 €



Esta riqueza é unha variable stock, é dicir, é estática. É o valor do patrimonio de Laura nun momento determinado, xa que, o ano seguinte como consecuencia de pagar as cotas da súa hipoteca e préstamos, deberá menos cantidades e o seu patrimonio será superior.

Polo tanto é un concepto estático. Pero a riqueza se vai acumulando grazas a que de forma periódica Laura vai recibindo unhas rendas como consecuencia do seu traballo (2000 euros ao mes). Se consideramos que cobra 14 pagas anuais, a súa renda anual será de 28.000 €.

Con este diñeiro debe atender a todas as súas necesidades. Mensualmente destina á hipoteca 600 €, préstamo coche 300, préstamo moto 200 € (dedica un 55% do seu soldo a pagar préstamos), para outros gastos 800 € (luz, auga, teléfono fixo con ADSL, móbil, calefacción, recollida lixo, comunidade, xantar, vestido, calzado, ocio, etc.) e aforra 100 €/mes.

A renda é unha variable fluxo. E a medida que vaia obtendo máis renda , dependendo de como a utilice, irá aumentando a súa riqueza. A renda ou ben se consume ou ben se aforra. Neste caso, Laura consumiría da súa renda 1900 euros, aínda que parte destes supoñen un investimento (a compra de vivenda) e aforraría 100 euros.

Exercicio 1:

Calcula a riqueza de Laura ao cabo dun ano, se supoñemos que amortizou (con respecto aos datos do exemplo) 5.000 euros de hipoteca, 3.000 do coche e 2.000 do moto. Tamén supoñemos que a súa vivenda revalorizouse a 165.000 €, mentres que o coche 18.000 e o moto 7.000. Os outros elementos valóranse en 16.000 €.

 

 

Exemplo 2: Renda e riqueza Empresa: Hotel Arousa

Vexamos estes mesmos conceptos desde o punto de vista dunha empresa: O Hotel Arousa. O Hotel, como empresa que é, dispoñerá dunha serie de elementos patrimoniais para desenvolver a súa actividade (satisfacer as súas necesidade como Laura). Necesitará unhas instalacións (o hotel en si), maquinaria, elementos de transporte, así como diverso persoal (como Laura Martínez).

Para poder conseguir estas instalacións necesitou financiarse dalgunha maneira (como Laura para comprar a casa, coche e moto), parte será polas achegas dos propietarios, outra parte provén de financiamento bancario, e tamén xerará os seus propios recursos como consecuencia da súa actividade (como a renda de Laura).

Para falar da riqueza dunha empresa teriamos que falar outra vez do seu Patrimonio Neto, determinado polo conxunto de elementos patrimoniais positivos (bens e dereitos) menos os elementos patrimoniais negativos (obrigas).

Supoñamos que os elementos patrimoniais son os seguintes: instalacións por 5.000.000 €, maquinaria 1.000.000, elementos transporte 100.000, outros elementos 300.000, diñeiro en bancos 100.000 €.

Os elementos patrimoniais negativos son os seguintes: debe 2.000.000 € da hipoteca que constituíu sobre as instalacións, debe 200.000 € en letras aos seus provedores de maquinaria e dos elementos de transporte debe cotas de leasing por 50.000 euros.

Exercicio 2: Calcula o Patrimonio Neto do Hotel Arousa (Riqueza).

 

O concepto de renda aplicado á empresa sería os beneficios xerados pola mesma (como o soldo para Laura) e estes beneficios as empresas empréganos para retribuír aos seus socios/propietarios, xa que lle deixaron capital e esperan unha recompensa, e tamén empréganos para aumentar a súa capacidade produtiva, neste sentido falamos de investimento (mentres que Laura consume ou aforra, as empresas invisten).

 

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina