UNIDADE 5 - MAGNITUDES MACROECONÓMICAS E INDICADORES DUNHA ECONOMÍA

 

5.3 - A DISTRIBUCIÓN DA RENDA. CURVA DE LORENZ

Que un país teña uns datos macroeconómicos positivos ou que a súa actividade económica sexa de expansión non quere dicir que todos os seus cidadáns vivan mellor ou que todos vivan ben.

Debemos analizar como está repartida a renda, se hai uns poucos cidadáns que son moi ricos e moitos cidadáns moi pobres ou se hai unha clase media elevada.

Nos países nos que impera a economía de mercado, a distribución da renda está moi relacionada cos propietarios dos factores produtivos, é dicir, aqueles que máis factores produtivos posúen, recibirán maiores rendas.

Pero en calquera país a intervención do Estado provoca unha redistribución da renda en maior ou menor medida. Así, o Estado a través dos impostos detrae parte da renda aos cidadáns que máis recursos teñen, e entrégao a cidadáns con menos recursos en forma de pensións, prestacións por desemprego, bolsas, etc.

 

A curva de Lorenz

Hemeroteca: O dia 14 de outubro de 2005 aparecía o seguinte artigo en La Voz de Galicia

O 10% dos españois acaparan un tercio da renda nacional
Acumulan os mesmos ingresos que o 60% da poboación menos podente
Case 350.000 cidadáns teñen uns ingresos anuais de máis de 60.000 euros
(j. a. b. | madrid)
Os españois máis ricos, que supoñen un 10% da poboación, controlan case un tercio (31%) da renda nacional, medida en termos de contribución ás arcas do Estado vía impostos (IRPF). Segundo un recente informe elaborado polo Instituto de Estudos Fiscais (IEF), dependente do Ministerio de Economía e Facenda, o volume de diñeiro que perciben é o mesmo que, sen embargo, se han de repartir o 60% dos cidadáns menos podentes. De feito, un 10% dos contribuíntes apenas dispoñen do 2% dos recursos totais.

Esa mesma estatística revela que o número de cidadáns que gañan máis de 60.000 euros ao ano (é dicir, dez millóns de pesetas) rolda xa os 350.000. En concreto, segundo a mostra de declarantes do imposto da renda (IRPF) analizada polos técnicos do instituto, 348.352 españois gozaron desa situación no ano 2002. Máis privilexiados aínda foron os 3.477 cidadáns que ingresaron máis de 600.000 euros anuais (100 millóns de louras), e os 1.666 que lograron unha renda de entre 480.000 e 600.000 euros.

Segundo ese volume de ingresos, todos eles tiveron que declarar parte dos seus emolumentos conforme ao tipo máis alto do imposto (48%). Non obstante, a referencia media efectiva -unha vez recollidos os beneficios fiscais correspondentes- que se aplicou á maioría dos contribuíntes situouse entre o 27,8 e o 15,7%. Isto ocorreu xusto un ano antes de que entrase en vigor a última reforma do IRPF (realizada polo PP), que reduciu a cinco o número de tramos, e introduciu novas deducións destinadas aos matrimonios con fillos menores de tres anos e nais solteiras na mesma situación.

Unha forma de medir a desigualdade na distribución da renda é analizar que parte de todas as rendas corresponden, por exemplo, ao 10% da poboación máis favorecida (neste caso o 31% da renda nacional), e que parte corresponde ao 10% dos que menos gañan (segundo o artigo anterior apenas o 2% da renda nacional). Se as rendas estivesen distribuídas de forma igualitaria, ao 10% da poboación corresponderíalle 1/10 de toda a renda e ao 50% da poboación a metade de toda a renda. Pero como vemos no exemplo anterior o 60% da poboación que menos ten dispón do 31% da renda.

O grao de desigualdade represéntase cun gráfico coñecido como Curva de Lorenz. No eixo de ordenadas represéntase a porcentaxe da renda e no de abscisas o da poboación. A diagonal corresponde á igualdade absoluta, cada porcentaxe de poboación recibiría a mesma porcentaxe de renda. En calquera economía hai unha desviación respecto á diagonal pero, canto maior sexa este desvío, maior será a desigualdade.

Exercicio 4: Representa gráficamente a Curva de Lorenz cos anteriores datos

 

 

SABER MÁS

O Índice Gini, é un índice de concentración da riqueza e equivale ao dobre da área de concentración. O seu valor estará entre cero e un. Canto máis próximo a un, maior será a concentración da riqueza; canto máis próximo a cero, máis equitativa é a distribución da renda nese país.

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina