UNIDADE 5 - MAGNITUDES MACROECONÓMICAS E INDICADORES DUNHA ECONOMÍA |
5.2 - MAGNITUDES MACROECONÓMICAS
Calcularemos estas magnitudes desde tres puntos de vista:
A) O Valor da Producción
O Producto Interior Bruto (PIB) é o valor de mercado de todos os bens e servizos finais producidos nun país durante un determinado período de tempo. (É dicir, dentro das fronteiras do país).
O Produto Nacional Bruto (PNB) é o valor de mercado de todos os bens e servizos finais producidos polos factores produtivos nacionais durante un determinado período de tempo, xa sexa no propio país como no estranxeiro.
B) A Renda Nacional
A Renda Nacional (RN) é a suma das remuneracións percibidas polos factores produtivos nacionais durante un determinado período de tempo.
É dicir, os soldos e salarios (SeS) como remuneración do factor traballo, as rendas da terra (Rt) como remuneración do factor terra e os xuros dos capitais prestados (Int) e beneficios (Bº) das empresas como remuneración do factor capital.
RN = Rt + SeS + Int + Bº |
Pero a RN non coincide co que os cidadáns poden gastar. Para coñecer a renda que poden gastar as familias, debemos calcular a renda persoal (RP). Non todas as remuneracións dos factores produtivos chegan ás familias:
• non todo o beneficio das empresas se reparten ás familias xa que parte vai parar ao Estado como imposto sobre beneficios (Imp Bº)
• parte do beneficio das empresas quédanse nelas para financiarse, beneficios non distribuídos (Bnd)
• parte dos soldos destínase a pagar as cotizacións á seguridade social (Css)
• o Estado realiza transferencias ás familias en forma de pensións, prestacións por desemprego, que temos que sumar á RN xa que non son unha remuneración de factores produtivos utilizados pero chega ás familias, as transferencias do Estado (TE)
RP = RN – (Imp Bº + Bnd + Css) + TE |
Aínda así, os cidadáns non poden dispoñer da RP na súa totalidade xa que parte dela está gravada cos impostos directos (Td), polo tanto, a renda persoal dispoñible sería:
RPD = RP - Td |
C) O Gasto Nacional ou Demanda Agregada (DA)
A Demanda Agregada (DA) é o conxunto de gastos na adquisición de bens e servizos por parte dos diferentes axentes que compoñen a economía.
Como viamos no fluxo circular da renda, a demanda agregada nunha economía aberta sería:
DA = C + I + G + (X - M) |
Para poder analizar as diferentes relacións entre as magnitudes macroeconómicas, debemos comprender antes unha serie de conceptos:
a) Produción bruta e neta
A produción pódese expresar en termos brutos ou netos, a diferenza atópase no concepto de amortización (A) ou depreciación.
A depreciación é o desgaste ou perda de valor sufrida polos bens produtivos dunha economía como consecuencia da súa intervención no proceso produtivo. Parte da produción dunha economía é para substituír os bens desgastados e parte para incrementar a súa capacidade produtiva.
PIB = PIN + amortizacións |
b) Produción a custo de factores (cf) ou a prezos de mercado (pm)
Se valoramos todos os bens e servizos finais producidos segundo o seu valor de mercado (prezo de venda aos consumidores) será diferente que se valorámolo a custo de factores (custo dos factores produtivos utilizados no proceso produtivo). A diferenza atópase nos impostos indirectos (Ti) e nas subvencións (Sbv).
Os consumidores deben pagar o IVE ao Estado e o Estado subvenciona determinadas actividades produtivas.
PIBpm = PIBcf + Ti – Sbv |
c) Produto Interior ou Nacional
Como viamos, o PIB expresa o producido dentro das fronteiras do país, mentres que o PNB o valor da produción por parte dos factores produtivos nacionais.
Esta diferenza débese á existencia de factores produtivos estranxeiros que reciben rendas en España (rfe), como por exemplo un cidadán ecuatoriano que presta os seus servizos nunha empresa española. Mentres que hai factores nacionais que reciben rendas no estranxeiro (rfn), como os emigrantes galegos que traballan na Arxentina.
PIB = PNB –rfn +rfe |
d) Do PIB á RPD (Renda Persoal Dispoñible)
Para coñecer ben o funcionamento dunha economía debemos relacionar as súas macromagnitudes:
O PIBpm é equivalente ao Gasto Nacional ou Demanda Agregada (DA), o conxunto de bens e servizos producidos no interior dunha economía coincide coa demanda agregada dese país de bens e servizos (a prezos de mercado).
PIBpm = DA = C + I + G + (X – M) |
A renda nacional coincide co PNNcf, é dicir, a suma das remuneracións percibidas por factores produtivos empregados coincide co valor dos bens e servizos producidos pero non a prezo de mercado senón a custo de factores.
RN = PNNcf |
Debemos pois obter o PNNcf a partir do PIBpm.
PIBpm = PIBcf + Ti – Sbv |
PIBcf = PIBpm – Ti + Sbv |
PINcf = PIBcf – A |
PNNcf = PINcf – rfe + rfn |
Aqui temos todas as fórmulas vistas neste apartado:
PIBpm = DA = C + I + G + (X – M) PIBpm = PIBcf + Ti – Sbv PIBcf = PIBpm – Ti + Sbv PINcf = PIBcf – A RN = PNNcf = PINcf – rfe + rfn RN = Rt + SeS + Int + Bº RP = RN – (Imp Bº + Bnd + Css) + TE RPD = RP - Td |