GLOSARIO UNIDADE 6 – INTERVENCIÓN DO ESTADO NA ECONOMÍA

 

Política Económica: toda actuación desenvolvida polo Estado en relación á actividade económica.

 


Políticas Coxunturais: aquelas que se establecen a curto prazo tratando de garantir unha estabilidade na actividade económica.


Políticas Estruturais: establécense a longo prazo. O seu obxectivo é establecer as condicións necesarias para un crecemento da economía. É dicir, desenvolver a estrutura e capacidade económica do país.


Orzamentos Xerais do Estado: relación detallada das previsións de gastos do Estado e, en principio, ou poden ser sobrepasados; como os ingresos dos ingresos que vai obter para financiar estes gastos.


Taxas: ingresos que percibe o Estado pola prestación de servizos públicos por parte da administración, como as taxas universitarias, a recollida de lixos, expedición DNI.


Contribucións Especiais: pagamentos por parte de determinados cidadáns que se ven directamente beneficiados pola realización dunha obra ou servizo público como a urbanización dunha rúa, iluminación, etc.


Impostos: cantidades que coactivamente os cidadáns deben entregar ao Estado sen contraprestación directa algunha.

Impostos Directos: aqueles que gravan a obtención de renda (ou riqueza) por parte do suxeito pasivo.

Impostos Indirectos: gravan a renda cando se gasta, é dicir, a manifestación de capacidade económica polo suxeito pasivo.

Impostos Proporcionais: O tipo impositivo é sempre o mesmo, non varía aínda que varíe a renda do suxeito pasivo. Como por exemplo o IVE. Os impostos indirectos adoitan ser proporcionais.

Impostos Progresivos: O seu tipo impositivo é maior a medida que aumenta a renda sobre a que se aplica. Como o IRPF.

Equilibrio Orzamentario: cando coinciden os gastos e os ingresos públicos.

Superávit Orzamentario: cando os ingresos públicos son superiores aos gastos.

Déficit Orzamentario: cando os gastos públicos son superiores aos ingresos.

Déficit Cíclico: débese a factores coxunturais (a curto prazo) que provocan unha diminución da actividade económica e o Estado, para compensar aumenta os seus gastos por riba dos ingresos.

Déficit Estrutural: débese a factores estruturais (moito máis profundos e a longo prazo) que provoca continuos défices, incluso cando a economía mellora.

Política Fiscal Expansiva: nas fases do ciclo económico en que a actividade económica diminúe, o Estado pode actuar para compensar esta diminución aumentando o gasto público (aumenta I e G) e diminuíndo os impostos para que a renda dispoñible sexa maior (aumenta C).

Política Fiscal Restritiva: Cando estamos nun ciclo económico expansivo, cun aumento da actividade económica, adoita producirse unha subida dos prezos e, para compensalo o Estado aplica unha política fiscal restritiva, consistente na redución do gasto público e subindo os impostos.

O Estado do Benestar: Tradución da expresión inglesa welfare state que se utiliza para facer mención das novas actividades sociais que asumiron certos Estados modernos. O Estado de benestar, característico de varios países de Europa Occidental, ofrece educación e atención médica gratuítas, vivendas de baixo custo, pensións de vellez, retiro e doenza, transferencias directas para os desempregados e as pobres, así como outros programas sociais de diversa natureza. (Definición do Dicionario de economía e finanzas de ww.eumed.net).

indice unidade didáctica