UNIDADE 6 - INTERVENCIÓN DO ESTADO NA ECONOMÍA

 

6.4 - A POLÍTICA FISCAL E OS SEUS EFECTOS

 

Unha das políticas económicas das que dispón o Estado é a política fiscal. Mediante a aplicación da política fiscal preténdese suavizar as fases dos ciclos económicos, permitindo así un crecemento económico estable, procurar o maior emprego posible e baixas taxas de inflación.

Os instrumentos dos que dispón a política fiscal son o gasto público e os impostos.

Se lembramos os compoñentes da Demanda Agregada:

DA = C + I + G + (X-M)

 

Como pode o Estado influír na DA?

A través do GASTO

Como viamos o gasto do Estado está composto polos gastos correntes (persoal, compra bens e servizos, gastos financeiros e transferencias) e por gastos de capital (investimentos reais e transferencias de capital). É dicir, variando estes gastos poderá aumentar ou diminuír a DA nas compoñentes de I (Investimento público) e G (aumento ou diminución gasto público).

 

A través dos IMPOSTOS

Se o Estado varía os impostos, a renda dispoñible será diferente e polo tanto o consumo dos cidadáns.

Lembremos que (Yd = RP – Td) e que (Yd = C + A).

 

 

A política fiscal expansiva

Nas fases do ciclo económico en que a actividade económica diminúe, o Estado pode actuar para compensar esta diminución aumentando o gasto público (aumenta I e G) e diminuíndo os impostos para que a renda dispoñible sexa maior (aumenta C).

Aumento do GASTO

Se aumentamos os gastos en persoal (funcionarios, contratos temporais) ou os investimentos reais en infraestruturas (aumentan os contratos e xeran emprego privado e actividade económica), maiores transferencias para as familias e empresas, etc.

 

Diminución dos IMPOSTOS

Ao diminuír os impostos a economías domésticas e empresas, estas dispoñen de máis diñeiro e poden destinar máis recursos ao consumo e ao investimento.

 

Os problemas que adoita provocar as políticas fiscais expansivas son subidas dos prezos ou inflación.

Lembremos tamén que para poder financiar esta maior actividade económica o Estado emite Débeda Pública, que posteriormente deberá devolver.

 

Política fiscal restrictiva

Ao revés que a expansiva. Cando estamos nun ciclo económico expansivo, cun aumento da actividade económica, adoita producirse unha subida dos prezos e, para compensalo o Estado aplica unha política fiscal restritiva, consistente na redución do gasto público e subindo os impostos.

Diminución do GASTO

Reducindo os gastos correntes e de investimento e, consecuentemente, o I e o G.

 

Aumento dos IMPOSTOS

E así ter unha menor renda dispoñible e moderar o consumo.

 

PPT: As receitas Keynesianas

 

Exercicio:

Zapatero promete devolver 400€ a 13 millóns de contribuíntes:
A dedución [...] será aprobada no primeiro Consello de Ministros que se celebre tralos comicios e a constitución do futuro Goberno, desde que o PSOE obteña o apoio maioritario dos cidadáns nas urnas. "É unha transferencia de renda aos cidadáns, posible grazas ao superávit fiscal", sinalaron as mesmas fontes. O equipo económico socialista manexa a posibilidade de que a dedución se realice dunha soa vez, no próximo mes de xuño, ou distribuíla mes a mes ata final de ano.

a) Que tipo de política económica supón?
b) Como afectaría á demanda agregada? Explica como se modifica cada unha das compoñentes.

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina