SABER MÁIS
Exemplos de Hiperinflación no s.XX
Hiperinflación
Unha situación na que a taxa de inflación é moi elevada ou increméntase constantemente e co tempo faise incontrolable recibe o nome de «hiperinflación». Desde o punto de vista social, a hiperinflación é un fenómeno moi destrutivo que ten consecuencias moi graves para os cidadáns e para o conxunto da sociedade. Aínda que non hai unha definición xeralmente aceptada da mesma, a maioría dos economistas estarían de acordo en que unha situación na que a taxa de inflación mensual excede o 50 % pode cualificarse como hiperinflación.
Ao longo do século XX déronse varios períodos de hiperinflación e de inflación moi elevada. A seguir, expóñense diversos exemplos de países que experimentaron estas elevadas taxas interanuais de inflación e as cifras correspondentes aos anos indicados.
1922 Alemaña 5.000 %
1985 Bolivia máis de 10.000 %
1989 a Arxentina 3.100 %
1990 Perú 7.500 %
1993 Brasil 2.100 %
1993 Ucraína 5.000 %
Analicemos brevemente as consecuencias deste fenómeno. Unha taxa de inflación mensual do 50 % significa que o nivel de prezos se multiplica por máis de cen ao cabo dun ano e por máis de dous millóns transcorridos tres anos. Indubidablemente, tales taxas de inflación supoñen unha carga moi pesada para a sociedade.
De feito, en Alemaña, a hiperinflación que seguiu á primeira Guerra Mundial e que acadou o seu máximo en 1923 tivo consecuencias devastadoras desde o punto de vista económico, social e, tal como moitos admiten, político.
Debido a que moitas persoas viron desaparecer os seus aforros, amplos sectores da poboación experimentaron unha perda substancial da súa riqueza. A evidencia de que os niveis de prezos se incrementaban constantemente creou un círculo vicioso. Loxicamente os cidadáns demandaban salarios máis altos, en previsión das subidas de prezos futuras. Estas expectativas fixéronse realidade, posto que o incremento dos salarios se traduciu nunha alza dos custos de produción, que á súa vez se traduciu en prezos máis altos. Así mesmo, a xente empezou a desfacerse do seu diñeiro —que perdía valor— gastándoo cada vez con máis rapidez.
O goberno reaccionou ao descenso do valor do diñeiro engadindo máis e máis ceros aos billetes, pero co tempo fíxose imposible seguir o ritmo da escalada do nivel de prezos. Chegou un momento en que os custos da hiperinflación chegaron a ser insoportables. Co paso do tempo, o diñeiro perdeu completamente as súas funcións de depósito de valor, unidade de conta e medio de pagamento. O troco fíxose habitual e formas de diñeiro non oficiais, como os cigarros, que non perdían o seu valor como consecuencia da inflación, empezaron a substituír ao papel moeda oficial.
FONTE: BCE (www.ecb.int)