UNIDADE 8 - SISTEMA FINANCEIRO E POLÍTICA MONETARIA

 

 

8.5 - POLÍTICA MONETARIA

VIDEO: O BCE: A estabilidade de prezos

 

Dentro da intervención do Estado na economía analizabamos determinadas políticas que podía aplicar, dentro das políticas coxunturais viamos a política monetaria.

Na actualidade os Gobernos teñen difícil utilizar esta política xa que, tanto en España, a UE e outros países desenvolvidos delegaron esta función nos seus Bancos Centrais.

En España, desde a incorporación ao SME, esta política desenvólvea o BCE, aínda que o Banco de España axuda na súa aplicación. Un dos obxectivos principais é que o BCE oriente a súa política monetaria para que permita unha estabilidade nos prezos, da orde do 2% máximo de inflación anual.

Por que a política monetaria pode contribuír á estabilidade de prezos?

Supoñamos que nunha economía hai unha única empresa que se dedica á venda de coches e dispón de 10 coches, que vende cada un deles a 30.000 €. Nesta economía hai 40 familias (clientes potenciais do concesionario de coches). De repente, e durante dúas horas seguidas empezan a chover billetes de 500 euros (moeda que utilizan nesta economía). As 40 familias (empresario incluído) saíron á rúa a coller a maior cantidade posible de billetes.

Cal será en prezo dos coches? Por que?

O prezo dos coches será superior xa que todos os cidadáns desta economía teñen moito máis diñeiro, (incluído o empresario) e, polo tanto, a 30.000 euros todos terían diñeiro para compralo, entón o empresario subirá os prezos xa que non hai suficientes coches para tanto diñeiro como hai na economía. A consecuencia será, polo tanto, a suba dos prezos. Isto foi provocado polo aumento da oferta monetaria, hai máis diñeiro na economía, pero non se corresponde cun aumento da actividade económica.

 

8.5.1 - Instrumentos de política monetaria

Para poder aplicar a política monetaria, o BCE dispón dunha serie de instrumentos cos que controlar a oferta monetaria, ademais da facultade de emitir billetes e moedas.

Os instrumentos de política monetaria son:

• O coeficiente legal de caixa

• Operacións de open market (mercado aberto)

• Créditos ao sector bancario

• Fixar os tipos de interese.

 

Coeficiente legal de caixa

O coeficiente legal de caixa: porcentaxe sobre os depósitos constituídos nas entidades financeiras bancarias que deben reservar como garantía de devolución dos mesmos. Actualmente está no 2%.

Se aumenta o coeficiente de caixa, a oferta monetaria será menor, xa que a capacidade dos intermediarios financeiros bancarios para crear diñeiro é menor, e á inversa.

 

Operacións de mercado aberto

O BCE, realiza operacións de compravenda de letras, bonos e obrigas, para así retirar diñeiro de circulación ou aumentar o diñeiro en circulación.

Se o BCE decide aumentar este tipo de valores, os compradores terán que entregarlle diñeiro a cambio, o BCE resérvao e non o saca ao mercado, provocando unha diminución da oferta monetaria. E á inversa.

 

Créditos ao sector bancario

Créditos ao sector bancario: o BCE ofrece préstamos aos bancos a devolver en 15 días a un tipo de interese determinado, que é o que determina o tipo de interese que os bancos van pedir aos seus clientes.

Se o BCE concede máis préstamos aos bancos, estará aumentando a oferta monetaria e a súa capacidade de crear diñeiro e á inversa.

 

Fixar os tipos de xuro

Fixar os tipos de interese: a través da fixación dos tipos de interese, o BCE pode fomentar a existencia de máis ou menos diñeiro, xa que dependendo do prezo do diñeiro haberá unha maior ou menor demanda de diñeiro.

Se o BCE sobe os tipos de interese, a oferta monetaria se verá reducida xa que non se creará tanto diñeiro por parte dos bancos, a poboación terá menos diñeiro para comprar. E á inversa.

 

 

Política monetaria expansiva  e restrictiva

En función da marcha da economía, o BCE desenvolverá unha política monetaria expansiva ou restritiva.

Cando os prezos soben moito, ou máis do considerado razoable, os Bancos Centrais adoitan aplicar unha política monetaria restritiva, para reducir a cantidade de diñeiro na economía e, así, que se conteñan os prezos ao haber menor demanda.

Cando a economía sofre unha crise, desde que a inflación o permita, os Bancos Centrais adoitan aplicar unha política monetaria expansiva, para aumentar a cantidade de diñeiro na economía e favorecer o investimento privado, ademais de facilitar aos consumidores (familias) aumentar o seu consumo e reactivar a economía.

 

 

8.5.2 - Política monetaria expansiva

Para aplicar unha política monetaria expansiva, os Bancos Centrais utilizan os instrumentos de política monetaria da seguinte maneira:

 

Redución do coeficiente legal de caixa

Redución do coeficiente legal de caixa: desta maneira os intermediarios financeiros bancarios poden crear máis cantidade de diñeiro e polo tanto haberá máis diñeiro na economía, podendo así aumentar o consumo.

Se as institucións financeiras teñen que reservar unhas cantidades menores dos depósitos dos seus clientes, poderán prestar máis diñeiro e, polo tanto, haberá mais diñeiro na economía. Se hai mais diñeiro na economía, a xente pode comprar mais cousas, ademais os tipos de interese serán menores (xa que ao aumentar a oferta, baixará o prezo do diñeiro).

 

Compra de letras, bonos e obrigacións polo Banco Central

Compra de letras, bonos e obrigacións do Banco Central, é dicir, rescate anticipado das mesmas para así incrementar a cantidade de diñeiro existente na economía.

Se os Bancos Centrais rescatan ou amortizan anticipadamente as letras, bonos ou obrigas, supón que ten que devolver anticipadamente o diñeiro que lle prestaran no momento da emisión das mesmas, polo tanto, haberá máis diñeiro na economía, e máis posibilidades de consumo por parte das familias e de investimento por parte das empresas.

 

Aumentar a concesión de créditos ao sector bancario

Facilitar a concesión de créditos ao sector bancario e, así, aumentar tamén a cantidade de diñeiro na economía.

Na liña dos casos anteriores, se os Bancos Centrais conceden máis diñeiro aos bancos e caixas de aforros, terán a posibilidade de prestar e crear máis diñeiro, aumenta a oferta monetaria (a cantidade de diñeiro que hai na economía) e medrarase o nivel de consumo e de investimento.

 

Baixar o tipo de interese oficial do diñeiro

Baixar o tipo de interese oficial do diñeiro para facilitar a concesión de préstamos xa que é máis fácil que sexan devoltos.

Se o Banco Central baixa o tipo de interese oficial do diñeiro, pedir préstamos por parte dos cidadáns é máis fácil xa que está máis barato, polo tanto haberá un aumento do diñeiro en circulación e reactivación da economía.

 

 

8.5.3 - Política monetaria restrictiva

Para aplicar unha política monetaria restritiva, os Bancos Centrais utilizan os instrumentos de política monetaria da seguinte maneira:

 

Aumento do coeficiente legal de caixa

Aumento do coeficiente legal de caixa: desta maneira os intermediarios financeiros bancarios non poden crear tanto diñeiro e polo tanto haberá menos diñeiro na economía, diminuíndo así o consumo e baixando os prezos (ou non subindo tanto).

Se as institucións financeiras teñen que reservar unhas cantidades maiores dos depósitos dos seus clientes, poderán prestar menos diñeiro e, polo tanto, haberá menos diñeiro na economía. Se hai menos diñeiro na economía, a xente pode comprar menos cousas, ademais os tipos de interese serán maiores (xa que ao diminuír a oferta, subirá o prezo do diñeiro).

 

Emisión e venda de letras, bonos e obrigacións polo Banco Central

Emisión e venda de letras, bonos e obrigas do Banco Central, para que, ao ser compradas polas familias e empresas, estas dispoñen de menos diñeiro. Para iso, os tipos de interese destes títulos deben ser interesantes.

Se os Bancos Centrais emiten letras, bonos ou obrigas, supón que recibirá unha boa cantidade de diñeiro do que emitira nun principio, así como parte do diñeiro creado polas institucións financeiras, polo tanto, haberá menos diñeiro na economía, e menos posibilidades de consumo por parte das familias e de investimento por parte das empresas.

 

Reducir a concesión de créditos ao sector bancario

Conceder menos créditos ao sector bancario e, así, diminuír tamén a cantidade de diñeiro na economía.

Na liña dos casos anteriores, se os Bancos Centrais conceden menos diñeiro aos bancos e caixas de aforros, non terán a posibilidade de prestar e crear tanto diñeiro, diminúe a oferta monetaria (a cantidade de diñeiro que hai na economía) e diminuirá o nivel de consumo e de investimento.
Debemos ter en conta que os Bancos Centrais realizan estas operacións todos os días (poxas de créditos ao sector bancario) e, se durante unha tempada deixa de facelo, supón unha diminución importante da liquidez do sistema.

 

 

Subir o tipo de interese oficial do diñeiro

Subir o tipo de interese oficial do diñeiro para diminuír a concesión de préstamos xa que é máis difícil que sexan devoltos.

Se o Banco Central sobe o tipo de interese oficial do diñeiro, pedir préstamos por parte dos cidadáns é máis difícil xa que está máis caro, polo tanto haberá unha diminución do diñeiro en circulación e consumo e polo tanto dos prezos.

 

 

Instrumentos Política Monetaria
Política Monetaria Expansiva
Política Monetaria Restrictiva
Coeficiente legal de caixa Reducilo Aumentalo
Operacións de mercado aberto Compra de letras, bonos obrigaciónes Venda de letras, bonos e obrigacións
Créditos ao sector bancario Conceder máis créditos Conceder menos créditos
Tipos de xuro Baixar o tipo oficial do diñeiro Subir tipo oficial do diñeiro
¿Cando aplica cada política o BCE?
Cando hai unha recesión económica ou unha falta de liquidez no sistema financieiro
Cando sube a inflación básicamente

 

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina