UNIDADE 10 - MERCADO DE DIVISAS E BALANZA DE PAGAMENTOS

 

 

10.2 - O MERCADO DE DIVISAS

Cando viaxamos polo mundo ou queremos comprar algo a través de Internet nun país diferente ao noso, debemos fixarnos no prezo do produto ou servizo que estará na moeda dese país, e comparar a súa moeda coa nosa. Isto é debido a que cada país (ou conxunto de países) ten a súa propia moeda.

Para entender o funcionamento do mercado de divisas, debemos coñecer os conceptos de Divisa e Tipo de cambio.

 

Divisa

Divisa: chamamos divisa a calquera moeda que non sexa a do país. Por exemplo, para nós, sería divisa calquera moeda diferente ao euro, é dicir, o dólar, a libra esterlina, o yen, etc. Para Xapón, as divisas son todas as moedas diferentes ao yen.
As divisas poden ser ou non convertibles, en función de que sexan ou non aceptadas nas transaccións internacionais.

 

Tipo de cambio

Tipo de cambio: é o prezo dunha moeda en termos doutra.

 

María, ao acabar os seus estudos, decidiu montar unha tenda especializada na venda de camisetas de marca, que pode comprar a un provedor alemán, que lle cobra 100€ por camiseta; ou a un provedor americano, que lle cobra 100 $ por camiseta. (Supoñemos que non hai inflación ao longo dos anos, o prezo das camisetas será sempre de 100€ ou 100$). Empeza o negocio o 1 de xaneiro de 1999, cando o tipo de cambio do $ co € era de 1€=1,1667$. Posteriormente foi baixando o valor do dólar ata que o 25-10-2000 o tipo de cambio era de 1€=0,8274$. O 11-04-2008 o tipo de cambio era de 1€=1,58$.

En principio, se o tipo de cambio era de 1€ = 1,1667$, realmente para reunir 100 $, necesitaría 85,71 €; é dicir, que cada camiseta lle custaría 85,71€ se a compra a un provedor americano, e 100 € se lla compra a un provedor alemán.

O 25-10-2000, se compra a camiseta ao provedor alemán, cústalle 100 euros, pero se lla compra ao americano, cústalle 120,86 €.

A que se debe isto?
A que houbo unha depreciación do € e unha apreciación do $, o tipo de cambio variou e para comprar os mesmos dólares necesítanse máis euros. Antes un euro valía 1,1667 dólares e agora vale menos dólares.


Que consecuencias ten?
Ao haberse depreciado o euro, agora os bens europeus, comparados cos americanos, son máis baratos. Na UE, os traballadores seguen cobrando o mesmo, as rendas son iguais, as materias primas tamén. O único que cambiou é o tipo de cambio, que provoca que desde Europa se compren menos bens de EEUU por que, comparativamente resultan máis caros. A María resúltalle máis barato comprar as camisetas en Alemaña que en EEUU.

 

Cando unha moeda se deprecia, poñamos por exemplo o euro, os bens e servizos producidos nos países que utilizamos esta moeda son máis competitivos comparándoos cos bens dos países en que a súa moeda se apreciou, exemplo o $. Aumentarán as exportacións da zona euro.

Posteriormente, ata o 11-4-2008, o tipo de cambio do euro foi subindo, é dicir, se foi apreciando o euro respecto ao dólar.

Se o 25-10-2000, a María compensáballe comprar as camisetas en Alemaña, por que lle custaban 100 € fronte aos 120,86 en EEUU; o 11-4-2008, como o tipo de cambio está en 1€=1,58$, en Alemaña séguelle custando 100€, mentres que en EEUU cústalle 63,29€. María comprará as camisetas en EEUU



A que se debe isto?
A que houbo unha apreciación do € respecto do $, o tipo de cambio variou e para comprar os mesmos dólares necesítanse menos euros. Antes un euro valía 0,8274 dólares e agora vale mais dólares.

Que consecuencias ten?
Ao haberse apreciado o euro, agora os bens europeus, comparados cos americanos, son máis caros. Na UE, os traballadores seguen cobrando o mesmo, as rendas son iguais, as materias primas tamén. O único que cambiou é o tipo de cambio, que provoca que desde Europa se compren mais bens de EEUU por que, comparativamente resultan máis baratos. A María resúltalle máis barato comprar as camisetas en en EEUU que en Alemaña.

Data

Tipo troco

Custo Alemaña (€)

Custo EEUU (€)

1-1-1999

1€=1,1667$

100

85,71

25-10-2000

1€=0,8274$

100

120,86

11-4-2008

1€=1,58$

100

63,29

 

Cando unha moeda se aprecia, poñamos por exemplo o euro, os bens e servizos producidos nos países que utilizamos esta moeda son menos competitivos comparándoos cos bens dos países en que a súa moeda se depreciou, exemplo o $. Diminuirán as exportacións da zona euro.

 

EXERCICIOS:

  1. Hoxe en día nun mundo globalizado, coas novas tecnoloxías, poderiamos comprar un mesmo produto en diferentes países. Supoñamos que podemos comprar unha camiseta que costa en España 100 €; en EEUU 87 $; en Inglaterra 61,16 libras; en Xapón 11.623 yenes; en Dinamarca 742,99 coroas; en China 891,68 yuanes e no Brasil 210,97 reais.

Dadas as seguintes paridades bilaterais do euro con outras divisas (un euro equivale a):


Divisas

Febreiro 2002

Febreiro 2008

€ en 2002

€ en 2008

$ USA
£ Esterlina
Yen
Coroa Danesa
Yuan
Real Brasil

0,87
0,6116
116,23
7,4299
8,9168
2,1097

1,4748
0,75094
157,97
7,454
10,5682
2,5516

FONTE: http://www.ecb.int/stats/exchange/eurofxref/html/index.en.html

a) Cantos euros necesitariamos en febreiro de 2002 para comprar a camiseta en cada un dos países mencionados?¿Onde compraríala?
b) Supoñendo que os prezos se manteñen estables (ausencia de inflación), Cantos euros necesitariamos en febreiro de 2008 para comprar a camiseta en cada un dos países mencionados?¿Onde compraríala?
c) Que consecuencias terá sobre as exportacións e as importacións españolas de camisetas?
d) Que consecuencias terá previsiblemente na Balanza de Pagamentos?¿En que subbalanza?

 

  1. España é unha das primeiras potencias mundiais en turismo. Se consideramos que unha viaxe dunha semana nas Illas Canarias ten un custo de 1000 euros e en ausencia de inflación.

PÍDESE:

a) Canto lle custaría a un cidadán de USA, Inglaterra, Xapón, Dinamarca, China e Brasil unha viaxe ás Illas Canarias en febreiro de 2002?¿E en febreiro de 2008?
b) Que efectos terá sobre o turismo español?
c) Que consecuencias terá previsiblemente na Balanza de Pagamentos?¿En que subbalanza?

 

 

  1. O prezo do petróleo a principios de 2002 rondaba os 22$/barril de Brent, mentres que a principios de 2008 rondaba os 100 $/barril de Brent. Doutra banda, o prezo do gasóleo a principios de 2002 era duns 0,70€, mentres que a principios do 2008 era de 1,10€

a) Se a paridade €/$ se mantivese constante, Cal debería ser o prezo do litro de gasóleo a principios de 2008, dado o prezo de barril Brent?
b) Por que a suba foi moito menor? A canto está actualmente o barril de Brent?¿E o litro de gasóleo?
c) Que consecuencias cres que pode ter a evolución do prezo do petróleo na nosa balanza de pagamentos?

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina