UNIDADE 10 - MERCADO DE DIVISAS E BALANZA DE PAGAMENTOS

 

10.1 - A BALANZA DE PAGAMENTOS

A Balanza de Pagamentos é un documento contable que recolle as transaccións realizadas entre os residentes nun país e o resto do mundo durante un período de tempo determinado.

Cales son as transaccións que se realizan co resto do mundo? Algunhas supoñen unha importación de bens ou servizos e outras exportacións. Parello ao fluxo real de bens ou servizos, debe ir o monetario.

Unha familia obtén unhas rendas procedentes da prestación dos seus factores produtivos (rendas da terra, traballo e capital) e gástaas na adquisición de bens ou servizos para satisfacer as súas necesidades. Podería gastar máis do que ingresa? Como?

Podería ser que a familia tivese diñeiro atesourado de aforros anteriores e puidese gastar máis do que ingresa. En caso contrario, se gasta máis do que ingresa, soamente farao endeudandose co exterior (con institucións financeiras) e para devolvelo, dalgunha maneira, deberá limitar os seus gastos para que os seus ingresos cubran non só os gastos senón a parte correspondente dos préstamos pedidos.

Nun país pasa máis ou menos o mesmo. As importacións de bens deben estar compensadas por exportacións de bens para que non teña un déficit. Debemos ter en conta que calquera importación supón unha saída de diñeiro do país, Como facemos para que volva a entrar?, pois a través das exportacións, que supoñerán unha entrada de diñeiro no país. O diñeiro entra e sae e non hai máis problema.

Que pasaría se importamos máis do que exportamos? Pois que, ou ben o país tiña unhas riquezas acumuladas (Reservas en divisas do Banco Central), ou ben se endebeda.

O maior problema que adoitan ter os países menos desenvolvidos é o elevado nivel de endebedamento, tendo que destinar a gran parte dos seus orzamentos xerais do estado a devolver a débeda e pagar os xuros da mesma.

 

Exemplo 2:

Que tipo de operacións se realizan co resto do mundo? Imos a limitarnos ás máis sinxelas, analizando a Balanza por conta corrente e por capital, deixando un pouco á marxe, cunhas leves indicacións, a financeira.

a) Un país compra ao resto dos países mercancías que non produce e necesita (importacións) e vende as que produce (exportacións):
- Venda no estranxeiro de coches producidos en España (1000 €).
- Compra de gas natural a países produtores para o consumo en España (450).
- Venda de roupa producida en Galicia por Inditex a Portugal (250).
- Compra dun tren de alta velocidade a Francia (400).
- Venda de viño denominación Rías Baixas en Francia (150).
- Vendas de mexillón en conserva do Grove en Alemaña (100).
- Compra de petróleo por Repsol para a venda en España (1500).
- Venda de cerámica de Sargadelos no exterior (50).
- Venda de mandarinas españolas en EEUU (50).
- Compra de Pen-drives a China por parte de Carrefour para vender en España (25).
NOTA: Diferenciamos poñendo ao cabo de cada concepto se é exportación de bens (EB) ou Importación de bens (IB).

b) Un país compra ao resto dos países servizos que non produce e necesita (importacións) e vende os que produce ou dos que dispón (exportacións). En España, pola importancia que supón o turismo neste apartado, diferénciase doutros servizos:
- Un pontevedrés que vai de viaxe a Exipto (5).
- Contrato dun seguro de vida dun Navarro nunha aseguradora de Francia (10).
- Ingleses que van de viaxe a Palma (450)
- Unha empresa de transportes española (Azcar) presta servizos de transporte a unha empresa Portuguesa (50).
- Os alemáns que veñen de viaxe ao Sur de Tenerife e polo tanto supón que realizan unha serie de gastos en España (500).
- Transporte de mercancía comprada por “El Corte Inglés” en China para ser vendida en España, transporte realizado por Chinavy, Ltd (25).
- Viaxe españois a Francia (150).
NOTA: diferenza exportacion de servizos de turismo (EST), importación de servizos de turismo (IST), exportación doutros servizos (EOS), importación doutros servizos (IOS).

c) Nun país poden traballar persoas doutros países (neste caso falamos de traballadores temporais, non de estranxeiros establecidos permanentemente en España), tendo que pagarlles unhas cantidades que serán levadas aos seus propios países (supoñerá unha saída de diñeiro), pero tamén hai españois traballando fóra de España. Doutra banda, hai empresas que invisten noutros países e reciben rendas destes e á inversa, empresas que invisten en España e lévanse as rendas aos seus países de orixe:
- Salarios pagos por unha empresa de construción a traballadores portugueses que cruzan diariamente a fronteira con Galicia (50).
- Dividendos que obtén Carrefour en España e lévase para Francia (150).
- Xuros que ten que pagar uns españois por préstamos pedidos en yenes a un banco de Tokio (25).
- Salarios cobrados por un español que traballa temporalmente nunha planta petrolífera Noruega (10).
- Beneficios de accións que un lucense comprou de IBM na Bolsa de Wall Street (25).
- Rendas pagas aos marroquís que vén a facer a campaña da fresa en Andalucía (50).
- Xuros dun préstamo concedido a unha empresa francesa por un banco español (5).
NOTA: Diferenza entradas de rendas (ER) ou saídas de rendas (SR)

d) Entre os diferentes países realízanse transferencias de diñeiro sen contrapartida, é dicir, diñeiro que envían residentes nun país a outro sen esperar nada a cambio (como as remesas de inmigrantes establecidos en España), ou poden ser públicas, axudas oficiais a outros países. Debemos incluír aquí tamén pola súa importancia as remesas da UE para gastos correntes:
- diñeiro que os cidadáns ecuatorianos que traballan en España envían a Ecuador para manter as súas familias (200)
- diñeiro enviado polo goberno español a un país que sufriu unha catástrofe natural (100).
- diñeiro que os galegos que viven na Arxentina, envían aos seus familiares galegos (150).
- Subvención recibida por agricultores españois da UE (350)
- diñeiro que os cidadáns subsaharianos que traballan en España envían aos seus países para as súas familias (50).
- doazóns de cidadáns españois para unha catástrofe sufrida nun país de Centro América (25).
NOTA: Diferenza entradas de transferencias (ET) e saídas de transferencias (ST).

    e) Por último, pode que por outros conceptos se produzan transferencias de capital, pero que se diferencian do anterior en que son investimentos en activos fixos ou en infraestruturas. No caso español, a partida máis importante provén da entrada de diñeiro pola UE para financiar infraestrutura, aínda que cada vez irá diminuíndo máis.

 

O rexistro de todas as operacións realizadas por un país co resto dos países (Balanza de Pagamentos) divídese principalmente en tres partes: Balanza Corrente, Balanza de Capital e Balanza Financeira).

BALANZA CORRENTE

A Balanza Corrente divídese pola súa vez en catro balanzas básicas: a de bens, servizos, rendas e transferencias.

 

Ingresos

Pagamentos

Saldo

Bens

Servizos

Rendas

Transferencias

Total Conta Corrente

 

 

 

Na Balanza de Bens ou Balanza Comercial rexistraremos as exportacións (Ingresos, xa que supoñerá un ingreso da nosa moeda ou en divisas), e as importacións (Pagamentos, xa que supoñerá un pagamento na nosa moeda ou saídas de divisas) de bens.

Na Balanza de servizos incluímos as exportacións (Ingresos) e as exportacións (Pagamentos) de servizos como transporte, seguros, turismo, viaxes, servizos bancarios, etc.

Na Balanza de rendas incluímos as rendas procedentes (Ingresos) ou enviadas (Pagamentos), como consecuencia da remuneración de factores de produción (terra, traballo ou capital). Alugueiros de terra, remuneración de traballadores temporais ou xuros e dividendos do capital.

Na Balanza de transferencias, incluímos os movementos unilaterais de fondos, os recibidos (Ingresos) ou enviados (Pagamentos), privados ou públicos.

As diferencias entre os Ingresos e os pagamentos, supón un saldo positivo ou negativo. A suma de cada unha das anteriores balanzas, da como consecuencia a Balanza Corrente.

 

BALANZA DE CAPITAL

A Balanza de capital inclúe as vendas (Ingresos) ou compras (Pagamentos) de activos, así como as transferencias da UE destinadas a investimentos en capital (Ingresos).

 

Ingresos

Pagamentos

Saldo

Conta de capital

 

Se sumamos os impirtes da Balanza Corrente e de Capital, daranos un saldo positivo (superávit) ou negativo (déficit). Pero a Balanza de Pagamentos debe cadrar, é dicir, o saldo da Balanza de Pagamentos é 0.

 

BALANZA FINANCEIRA

Isto queda reflectido na Balanza Financeira, que reflicte a forma en que se financian as relacións dun país co resto do mundo. Se hai superávit nas anteriores balanzas, utilizarán o diñeiro sobrante para pagar débeda ou para rentabilizarlo no exterior concedendo préstamos. Se hai déficit ao revés.

 

Ingresos

Pagamentos

Saldo

Conta financeira

 

Que teñamos déficit ou superávit nunha ou outra balanza é habitual, o preocupante sería que houbesen déficit na balanza corrente de forma sostida ano tras ano.

 

Exercicio: Completa a Balanza de pagamentos cos datos numéricos do exemplo 2.SOLUCIÓN

SABER MÁIS:

Informe do Banco de España

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina