UNIDADE 11 - ECONOMÍA DE GALICIA |
11.4 - O SECTOR PRIMARIO
O sector primario, constituído principalmente polas actividades de agricultura, gandería, pesca e silvicultura (madeira), vemos que foi aumentando a súa contribución ao VAB, pero en cifras correntes. Se comprobásemos a súa evolución en cifras constantes, poderiamos dicir que se mantivo estable esta contribución. Como comprobamos no cadro anterior, pasou de 1.618.307 no 1995, a 1.721.683 no 2000 e 2.168.503 no 2007. A súa contribución respecto ao total do VAB foi diminuíndo, do 7,35%, ao 5,66% e 4,34% respectivamente.
Respecto á súa contribución á xeración de emprego, vemos que o número de traballadores diminuíu significativamente desde os 221.032 do 1995 aos 113.809 de 2007. Con respecto ao emprego total de Galicia reduciu tamén a súa contribución desde o 22,12% ao 8,89%. Neste caso vemos como unha contribución do VAB do sector primario do 4,34% require o 8,89% da poboación empregada, polo que a productividade do factor traballo neste sector é reducida (se ben aumentou significativamente nos últimos anos).
Algunhas das características básicas e que, en parte, explican a súa evolución son as seguintes:
- A superficie agraria é relativamente pequena respecto á media española, un tercio en Galicia fronte a dous tercios en España, pero ten unha gran productividade. Os outros dous tercios de superficie produtiva en Galicia está formado por bosques.
- Redución do número de explotacións, sobre todo das de menor tamaño.
- Minifundismo: nos últimos anos se veu producindo a chamada concentración parcelaria para evitar os posibles problemas que pode causar o minifundismo.
- Alta mecanización: a dotación de maquinaria está por riba da media, o problema é que non se pode rendibilizar o suficiente debido ao reducido tamaño das explotacións.
O COMPLEXO ALIMENTARIO
Chegado a este punto é oportuno facer outra clasificación que relaciona o sector primario co secundario, é o complexo alimentario que como define A. Prada, p. 68, integra as actividades do sector primario (agrarias, gandeiras, silvícolas, pesca, marisqueo, cultivos mariños, etc) e as industrias alimentarias e de materiais derivados (cárnicas, lácteas, derivados da pesca e conservas, alimentación animal, bebidas, pasta e papel, aserraderos, etc.).
Este supón máis do 10% do VAB e a cuarta parte do emprego.
Polo tanto podemos definir tres complexos industrial-alimentarios principais:
- Agro-gandería: industrias cárnicas e lácteas.
- Pesca-marisqueo: industrias de alimentos do mar.
- Selvicultura: aserraderos, taboleiros e pasta.
Exemplo: O sector Lácteo
Un dos problemas principais do sector lácteo en Galicia é o das Cotas Lácteas, xa que, sendo un sector básico, tradicional na nosa economía, no momento do reparto da produción láctea na UE, as cotas asignadas para Galicia foron do todo insuficientes. Así se calcula que as cotas lácteas en Galicia supoñen arredor do 75% da produción real, problema que agudízase ao ter cada vez explotacións máis produtivas.
Pregunta:
a) Se as cotas lácteas supoñen arredor do 75% da produción total láctea, a onde vai o 25% restante?
O 65% do leite producida en Galicia expórtase, polo que esta é unha actividade totalmente orientada ao exterior. Soamente consumos en Galicia o 35% da produción.
As principais industrias alimentarias que operan en Galicia son: dúas autóctonas (con domicilio en Galicia) Feiraco e Rio-Lence, que supoñen unicamente o 15% do leite producida en Galicia, e outras con domicilio social fóra de Galicia como Puleva, Leite Celta, Pascual, Larsa, Besnier e Nestlé.
Exemplo: A PAC
A Política Agrícola Común da Unión Europea ten como finalidade subvencionar determinadas actividades agrícolas. O problema co que nos atopamos é que, ademais de que España recibe menos que boa parte dos Estados Membros, Galicia dentro de España recibe menos aínda, debido a unha negociación que prexudica enormemente ás explotacións galegas primando outro tipo de cultivos que se dan noutras partes de España. (Ver máis Prada, p.82 e seguintes).
ACTIVIDADE: Busca artigos de actualidade publicados sobre o sector primario en Galicia. Pode ser sobre, agricultura, pesca, gandería, madeira, industrias do complexo alimentario en xeral. Evolución da PAC, cotas lácteas, evolución do prezo dela leite, etc.