UNIDADE 11 - ECONOMÍA DE GALICIA

 

 

11.5 - O SECTOR SECUNDARIO

O sector secundario, constituído polas actividades de industria, enerxía e construción, vemos que foi aumentando a súa contribución ao VAB. Como comprobamos no cadro anterior, pasou de 6.746.066 no 1995, a 9.827.198 no 2000 e 16.933.884 no 2007. A súa contribución respecto ao total do VAB aumentou en cada un dos períodos analizados, do 30,62%, ao 32,29% e 33,89% respectivamente.

Respecto á súa contribución á xeración de emprego, vemos que o número de traballadores aumentou significativamente desde os 242.470 do 1995 aos 348.238 de 2007. Respecto ao emprego total de Galicia aumentou tamén a súa contribución desde o 24,27% ao 27,20%.

Neste caso vemos como unha contribución ao VAB do sector secundario do 33,89% require o 27,20% da poboación empregada, polo que a productividade do factor traballo neste sector é elevada e foi aumentando ao longo dos últimos anos. Especial mención require a productividade do factor traballo no sector enerxético, se ben deberiamos considerar tamén os investimentos necesarios noutro tipo de factores como o factor terra e capital.

 

11.5.1 - SECTOR INDUSTRIAL

Este supón un 15,27% do VAB e un 13,63% do emprego.

Pasemos a analizar máis detalladamente cada un dos subsectores, inicialmente os que se inclúen no Complexo Alimentario:

a) O sector lácteo: xa analizado no punto anterior.
b) Alimentación animal e industrias cárnicas: ademais doutras empresas de menor tamaño, salientan grandes empresas como Coren-Frigolouro, Feiraco e Conagra-Saprogal. O capital das empresas deste subsector é bastante autóctono, con excepción de Conagra-Saprogal.
c) Industrias alimentarias de transformados do mar: salientando a gran Pescanova, con participación galega a través de Caixanova e Caixa Galicia, e outras autóctonas como Calvo, Jealsa, Vieirasa, Alfageme, Albo, etc.
d) Industrias de transformación da madeira, salientando Ence e Finsa.

 

No sector secundario debemos considerar tamén as industrias manufactureiras. Salientan dous xigantes como Citroën e Inditex. Respecto a Citroën, debemos considerar a capacidade de arrastre que tivo para o establecemento de moitas outras empresas que traballan para ela. O crecemento de Inditex foi enorme e estudado en boa parte das escolas de negocio do mundo, tamén cunha capacidade de arrastre dun sector como o téxtil que cada vez ten maior importancia na economía galega. Outro subsector importante é o naval, desde Navantia en Ferrol (cos problemas que xurdiron nos últimos anos) ata moitos estaleiros de reparación de buques relacionados coa pesca, pasando por empresas como Rodman (Vigo) dedicada á construción de embarcacións de recreo.

ACTIVIDADE: Busca artigos que traten a actualidade do sector manufactureiro galego. Sobre Citroën ou outras auxiliares, Inditex, etc.

 

11.5.2 - O SECTOR ENERXÉTICO

Supón un 3,68% do VAB e un 0,81% do emprego, cunha altísima productividade do factor traballo.

O último sector industrial importante en Galicia, ademais do alimentario e de material de transporte é o enerxético. As principais empresas son Endesa, co 48% da produción eléctrica galega (fundamentalmente da central térmica de As Pontes), Fenosa e Iberdrola. Destacar tamén as tres centrais térmicas (As Pontes, Meirama e Sabón). Menor peso ten a enerxía hidráulica e eólica (esta en forte expansión nos últimos anos).

Facer especial mención ao destino da enerxía galega, un tercio da mesma expórtase e practicamente outro tercio consúmea a factoría de aluminio de Alcoa na Mariña Lucense (con tarifas especiais para grandes consumidores a un tercio de custo da tarifa xeral), ademais da industria do cemento e cerámica, tamén grandes consumidoras de enerxía.

ACTIVIDADE: Busca artigos de prensa que traten a actualidade do sector enerxético galego.

 

11.5.3 - A CONSTRUCIÓN

Nos últimos anos, co auxe da construción, este supón un 14,94% do VAB e un 12,76% do emprego.

A importancia deste sector cobra importancia nos últimos anos debido ao chamado “bóom inmobiliario”, cunha maior importancia na súa contribución ao VAB e seu consecuente repercusión actual no PIB da crise inmobiliaria.

Debemos ter en conta que este sector vai condicionar o desenvolvemento doutras actividades manufactureiras e de servizos como son: cementos, produtos metálicos, carpintería, promotores, instalacións eléctricas, fontanería, calefacción, etc.

A estrutura empresarial neste caso componse por multitude de pequenas empresas, salientando grandes empresas como San José ou Fadesa e outras de ámbito español como Dragados ou Huarte.

Tamén relacionados co material de construción, destacar a importancia da louza (Valdeorras) e do granito (Porriño) cunha marcada orientación exportadora.

ACTIVIDADE: Busca artigos de prensa que traten a construción en Galicia e comparación con España.

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina