O mercado de traballo en España e na UE

O autor analiza o mercado laboral español en relación ao da UE á luz da enquisa europea sobre as forzas de traballo. Baixa taxa de actividade feminina, elevado índice de paro e a maior taxa de temporalidade da UE son, ao seu xuízo, as características principais deste mercado en España
CINCO DÍAS - (17-11-2004)

Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, publicou recentemente os principais resultados da enquisa europea sobre as forzas de traballo (EFT) de 2003. É a primeira vez que a oficina publica datos relativos á media anual, xa que ata o de agora referíanse á enquisa de primavera (segundo trimestre do ano). A EFT inclúe as enquisas de cada un dos 25 Estados membros, como a enquisa de poboación activa (EPA) española, polo que permite realizar análise comparativos dos distintos mercados de traballo da UE.

Unha das características que máis diferenza ao mercado de traballo español do da maioría dos países da UE é a baixa taxa de actividade das mulleres. Mentres que a taxa de actividade masculina é relativamente elevada (71,6%), superior á media do conxunto da UE (70,8%), a taxa de actividade feminina (50,6%) é inferior á da devandita área (56%), xa que unicamente catro países dos 25 teñen taxas máis baixas (Grecia, Italia, Malta e Portugal). Así mesmo, como a menor taxa de actividade das mulleres non é compensada pola maior dos homes, a participación no mercado do conxunto de ambos sexos é menor en España en algo máis de dous puntos porcentuais que a do promedio da Unión.

A taxa de ocupación, ou de emprego (a porcentaxe sobre a poboación de 15 a 64 anos) ten un comportamento similar, aínda que máis acusado, maiores diferencias coa Unión Europea, que a taxa de actividade. En efecto, esta taxa é inferior en España nas mulleres e no conxunto da poboación e superior nos homes.

Como a menor taxa de actividade española en relación coa media comunitaria é máis que contrarrestada pola menor taxa de ocupación, a taxa de paro global en proporción á poboación activa (100 menos taxa de ocupación/taxa de actividade) segue sendo en España (datos desestacionalizados estimados por Eurostat para o pasado setembro) elevada, o 10,6%, cando na UE-25 é o 9% e na UE-15 o 8%. Só en dous dos novos países da UE, Polonia (18,7%) e Eslovaquia (18%), a taxa de paro é máis alta que en España.

Por sexo, obsérvanse importantes diferencias en relación coa taxa de paro, ao contrastar a situación intermedia da taxa masculina (7,9%), inferior á da UE-25, aínda que superior á da UE-15, coa elevada taxa feminina (14,5%), máis altas cás correspondentes tanto á UE-25 como á UE-15. Tamén nos mozos a taxa de paro é maior en España (21,6% en setembro) que na Unión.
Volvendo ao emprego, outras dúas características sobresaen no mercado de traballo español en relación coa UE: ten a maior taxa de temporalidade (porcentaxe de asalariados con contratos temporais), co 30,6%, e unha participación relativa do traballo a tempo parcial das máis baixas, o 7,9%, menos da metade que a UE-25 (16,3%).

Tamén no que fai á distribución sectorial do emprego salienta, en comparanza co conxunto da UE-25, e sobre todo coa UE-15, a maior importancia relativa en España que no conxunto da UE, sobre todo se se compara coa UE-15, da poboación ocupada na agricultura, a construción e os servizos de mercado (comercio e hostalería, especialmente) e a menor da ocupada na industria e os servizos de non mercado, é dicir, os fornecidos polas Administracións públicas e institucións non lucrativas, o que é sintomático das maiores limitacións ao crecemento da productividade e do menor desenvolvemento da economía do benestar social no caso español que no promedio da Unión Europea.

Como consecuencia da devandita distribución sectorial do emprego, en España teñen menor importancia que no resto da UE as ocupacións non manuais, sobre toda as máis cualificadas, e maior as ocupacións manuais, sobre toda as menos cualificadas.

O mercado de traballo español, en relación co da maioría dos países da Unión Europea, distínguese por unha serie de características, incluso despois da recente ampliación a 10 novos países. Entre estas características salientan as baixas taxas de actividade e de ocupación feminina, a elevada taxa de paro, especialmente de mulleres e mozos, a maior taxa de temporalidade da Unión Europea, a reducida participación relativa do traballo a tempo parcial e unha distribución sectorial e ocupacional do emprego distante da dos países máis desenvolvidos.

FONTE: http://www.cincodias.com/articulo/opinion/mercado/traballo/Espana/UE/cdsopiE00/20041117cdscdiopi_5/Tes/

indice unidade didáctica