O control de erros
De Wiki do Pazo da Mercé
Nunha transmisión sempre se poden producir erros. A taxa de erros é a relación entre os bits recibidos erróneos e os bits transmitidos. Podemos distinguir dous tipos tipos de ruídos que provocan erros nunha transmisión:
- Ruído impulsivo: É a probabilidade de que un bit sexa erróneo, independentemente de que o sexan os bits anteriores e posteriores.
- Ruído por ráfagas: Na práctica, realmente o ruído prodúcese frecuentemente por ráfagas; de forma que o erro comeza nun determinado bit e prodúcense erros aleatorios ó longo de toda unha ráfaga (conxunto) de bits.
O nivel de enlace realiza o control de erros na transmisión, detectando e corrixindo os erros que se poden producir na canle de comunicacións e ofrecendo ao nivel de rede unha conexión entre equipos libre de erros.
Para realizar o control de erros, os protocolos de nivel de enlace utilizan códigos redundantes. Podemos definir un código un conxunto de símbolos, e a codificación como a correspondencia entre un código F (código fonte ou de entrada) e outro código S (código de saída), de forma que a cada elemento de F asígnaselle un grupo de símbolos de S (Palabra). Para que o código S sexa útil a correspondencia debe ser biunívoca, recíproca e inequívoca. Por exemplo:
| Palabra fonte (A B) | Palabra código de saída (A B A+B) |
|---|---|
| 0 0 | 0 0 0 |
| 0 1 | 0 1 1 |
| 1 0 | 1 0 1 |
| 1 1 | 1 1 0 |
Neste caso, a función de codificación é: f(A,B)=(A,B,A+B)
Para poder realizar un control dos erros na transmisión, o código presentará unha certa redundancia. Podemos definir a redundancia como a diferencia entre a información máxima que podería proporcionar un código e a que realmente proporciona. Úsanse os díxitos que non transportan información como detectores e incluso correctores de erros. Deste xeito, para que a detección e corrección de erros se leve a cabo é preciso unha serie de bits (r bits) de redundancia. Con estes bits, a palabra código estará composta por n=m+r bits (m bits de información).
O emisor incorporará un codificador que codifica as mensaxes a enviar no código necesario, e o receptor decodificará a mensaxe recibida. Con isto, o esquema de comunicación é o seguinte:
E1 é a mensaxe inicial e Ec a mensaxe inicial codificada. A causa do ruído na liña aparece: E´c = Ec+ En. Ao chegar E´c ao decodificador poden ocorrer dúas cousas:
- Que E´c pertenza ao conxunto de posibles palabras do código: A transmisión considerase boa e a decodificación da como resultado E1.
- Que E´c non sexa unha palabra do código: Detéctase ó erro, se este é corrixido pola lóxica do decodificador, extráese E1 . Se só é detectado, pero non corrixido, pídese a repetición da mensaxe.
Segundo a potencia do código, os sistemas poden detectar erros, corrixilos ou ben ámbalas dúas cousas, corrixindo algúns tipos de erros e detectando outros.
