Protocolos ARP e RARP

De Wiki do Pazo da Mercé

Esquema de rede coas direccións IP e MAC dos equipos

Durante este tema vimos que o protocolo IP é o encargado de decidir cal debe ser o seguinte destino dun paquete no seguinte salto para conseguir chegar ó destino final. Vimos tamén que para iso, o protocolo se basea nas direccións IP dos equipos. Esas direccións IP son totalmente independentes das direccións utilizadas a nivel de enlace (dirección MAC).

Sen embargo, cando o nivel de rede decida cal é o equipo (a dirección IP) ao que hai que enviar o paquete segundo o establecido na táboa de encamiñamento, ese paquete deberá ser enviado ao nivel de enlace, o cal lle que terá que indicar a dirección MAC do equipo de destino (xa que o nivel de enlace é a única dirección que utiliza, non a IP). Entón o problema é ¿como se pode saber a dirección MAC dun equipo do que só se coñece a dirección IP?

A resposta a isto é o protocolo ARP (Address Resolution Protocol ou Protocolo de Resolución de Direccións). Para permitir isto, o protocolo ARP funciona da seguinte maneira:

  • Cando un equipo quere enviar un paquete a un destinatario do que só coñece a dirección IP, primeiro tenta obter a súa dirección MAC buscando nunha táboa local (táboa ARP).
  • Se a dirección IP non está na táboa, entón envía unha trama de petición ARP coa dirección MAC de difusión (dirección MAC todo a 1's, dirección de broadcast) e a dirección IP do destinatario.
  • Todas as estacións reciben a trama e comproban se a súa dirección IP coincide coa da petición ARP. A estación que teña a dirección IP indicada, emite unha trama de resposta ARP coa súa MAC e a súa IP.
  • Cando o emisor recibe a resposta, almacena a IP na táboa ARP para futuros envíos.

Por outro lado, o protocolo RARP (Reverse Address Resolution Protocol ou Protocolo de Resolución de Direccións Inverso) fai o proceso contrario, é dicir, dada unha dirección física dunha estación obtén a súa dirección IP enviando unha mensaxe de difusión á rede.

O protocolo RARP é utilizado polos ordenadores sen disco duro preparados para traballar en rede. Cando estes ordenadores se arrancan, teñen unha dirección MAC (que vai impresa na tarxeta de rede), pero non teñen asignada unha IP. Por iso solicitan a súa propia IP por medio dunha petición RARP que será respondida por un servidor RARP.

Ver tamén

Crear un libro