A auxe do progreso científico víñase presentando na segunda metade do século XIX como imparable e configurador de novos modelos sociais. En consonancia con estes procesos, Verne soñou con facer unha “novela da ciencia”. El sería un mero cronista de aquela realidade que se impoñía e faría ver os seus logros e perigos desde o clásico lema de “instruír divertindo”. É xustamente esta actitude honesta e vixilante co científico- non exenta de crítica en ocasións- o que lle permitiu ter esas “intuicións proféticas” respecto ao futuro: os submarinos atómicos, as arrepiantes precisións das viaxes espaciais, a exacta ubicación do polo Norte, os trens suspendidos no aire, as grandes naves aéreas...
Este anecdotario "profético" -que daría igual que houbera resultado falso para a valoración final do universo literario de Verne- só deixa de manifesto a súa escrupulosa observación da sociedade vista á luz do desenvolvemento da ciencia e da técnica.
“Nas miñas novelas sempre teño fundamentadas as miñas invencións nalgún feito real. Na súa construción uso métodos e materiais que non estean completamente afastados do alcance do coñecemento e habilidade da enxeñería contemporánea".
(Entrevista de Gordon Jones a Jules Verne. Recollida por Ariel Pérez)