|
O 80% das mortes por SIDA no mundo teñen lugar en África.
As mulleres e rapazas destes países son moito máis vulnerables
a contraer a infección. A idea de poder manter unhas relacións
sexuais consentidas, seguras, onde ambas as partes teñan o mesmo
nivel de información e capacidade de decisión é,
para millóns de africanas, unha utopía inalcanzable.
A maioría dos programas, baseados en medidas seguramente ben intencionadas
e aparentemente doadas de levar á práctica (programas de
saúde sexual, uso de preservativos, etc.) fracasaron debido a interferencias
culturais e relixiosas, escaseza de medios, tabús, políticas
non axeitadas ou probada ineficacia na difusión da información.
Entre estas causas merece especial mención a case total ausencia
de políticas de xénero que teñan en conta a posición
tan vulnerable das mulleres e adolescentes africanas, o seu baixo ou nulo
nivel de decisión á hora de decidir acerca dunha posible
relación sexual e moito menos acerca do uso de preservativos.
A información acerca do virus da SIDA acostúmase distribuír
a través de pósteres e carteis en países onde a poboación
feminina é maioritariamente analfabeta.
Normalmente, distribúese en lugares de traballo e en colexios onde
a proporción de mulleres e nenas é infinitamente inferior.
Ademais, estas campañas non teñen á muller como obxectivo,
salvo no concernente ás posibilidades de infección vía
materno-infantil.
Todo o anteriormente exposto faise especialmente patente na África
rural, precisamente onde a SIDA avanza cunha virulencia extraordinaria.
Ademais, os homes, cando enferman, voltan das cidades onde traballan para
morrer nas súas aldeas. Os gastos da enfermidade son insostibles
para economías xa fráxiles. O contaxio das mulleres é
seguro. Os adultos morren antes de poderen transmitir os suficientes coñecementos
ós seus fillos para dirixir as pequenas explotacións. O
número de orfos aumenta exponencialmente.
As rapazas de familias pobres son, con diferencia, o grupo de risco máis
importante. Homes adiñeirados subornan ás súas familias,
mércanlles agasallos, páganlles os estudios máis
os libros. Son os famosos “sugar daddies”. As rapazas virxes
acadan unha altísima cotización en países onde a
epidemia se estende como a pólvora. As familias empobrecidas non
se resisten a eses ingresos extraordinarios.
Segundo todos os informes da UNESCO e a FAO e outras organizacións
consultadas para elaborar este pequeno resumo, calquera programa de prevención
da SIDA que non estea elaborado desde unha perspectiva de xénero
que intente corrixir esta
circunstancia, implicandoa
homes e mulleres no proxecto, fracasará.
Non só é necesario que as mulleres sexan conscientes da
súa vulnerabilidade. O éxito destes proxectos depende dunha
coidadosísima organización, deseñada especialmente
para un grupo determinado de persoas, tendo en conta todas as súas
peculiaridades.
Os procesos de empoderamento* son
fundamentais na prevención da SIDA, pero son extremadamente complexos
e cheos de dificultades porque implican cambios moi profundos en aspectos
considerados como “naturais” polas propias mulleres. Sen embargo,
son o único medio de transformar, aínda que sexa lentamente,
unhas sociedades profundamente patriarcais. O resultado final sería
non só que as mulleres resultaran beneficiadas da aplicación
de determinados programas dirixidos, neste caso, a previr a enfermidade.
O obxectivo final debe ser a toma real de decisións por parte das
mulleres dos asuntos que lles afectan a elas.
|



| Proxectos
destas características, onde se apoia as mulleres con créditos
seguindo sistemas de microfinanzas*
desenvolvéronse con éxito
en países como Bostwana, Zimbabwe, Tanzania,
Sudáfrica, Zambia, Uganda y Kenya. En todos eles
a epidemia acada unhas temibles proporcións.
Ver
foto completa |
*
Termos explicados na sección de Vocabulario
|